María Muñoz Portal (A Coruña 1886-A Habana 1947), directora, compositora, pianista, profesora, articulista, conferenciante, promotora cultural e colaboradora con importantes institucións e intelectuais.
Segundo Neira Vilas, foi unha nena precoz que aos 12 anos xa se graduara en Teoría e Solfexo e obtivera o primeiro premio en Harmonía e Piano por un xurado composto, entre outros, por Manuel de Falla, con quen estudaría durante catro anos. En 1907 recorreu o territorio español como integrante dun trío de piano, violín e cello.
En 1919 casa con Antonio Quevedo Sánchez, enxeñeiro que deveu co tempo nun importante especialista musical; viaxan a Cuba de lúa de mel e deciden instalarse na Illa.
María ofrece o seu primeiro concerto de piano na Habana en 1920. No ano 1923 é directora do conservatorio Escuela Filarmónica Nacional . Xa en 1925 funda e dirixe o Conservatorio Bach, institución que acadou un alto nivel polos eventos artísticos realizados. No ano 1927 crea Musicalia, unha das mellores publicacións especializadas de América. María é a directora, Quevedo o editor. En 1930 inaugura e rexe a Sociedad Cubana de Música Contemporánea. Convén salientar a formación en 1931 da Sociedad Coral de La Habana, o máis antigo organismo coral de Cuba, que divulgou a literatura coral europea e estimulou a creación da música coral cubana; deixou unha fecunda escola. María Muñoz inclúe no repertorio da Coral cancións galegas xa desde o seu concerto inaugural.
A partir de 1933 ofrece concertos sinfónico-corais en colaboración coa Orquesta Filarmónica. Participa en 1934 na inauguración da Sociedad Musical Universitaria. Colabora co Centro Galego e coas Sociedades Galegas.
A nosa musicóloga prosegue o seu labor coa fundación dunhas Cantorías, que dotaron a Cuba de grupos corais escolares e universitarios.
Dona María Muñoz é desde 1941 a 1945 profesora universitaria do curso de verán sobre Música Folklórica de Cuba, cuxa programación incluía as relacións da música cubana coa española e estudaba a galega en particular.