A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Dolores del Río

Dolores del Río

María Dolores del Río Sánchez–Granados, nada na Coruña no último terzo do século XIX, foi mestra e escritora. Filla do tenente coronel de Infantaría Ángel del Río Uría, estuda na Escola Normal de Mestras e dedicarase a impartir clase. En 1912, ingresa na orde Terciaria franciscana e en xaneiro de 1916 xa sabemos que dirixe a Escola nocturna da institución filantrópica “Apostolado de las Doctrinas sociales y Escuelas nocturnas de obreros” da Coruña.

É autora de poesía en galego e castelán, de obras de teatro e articulista na prensa.

A súa obra é profundamente relixiosa e de grande patriotismo español alonxada de calquera aire de modernidade, “su inspiración es vigorosa, masculina, condensada en versos de enérgica y briosa expresión, tan briosa y enérgica que a veces resultan duros”.

Colaborou de xeito moi asiduo coa revista El Eco Franciscano, aquí os seus textos, artigos e poesías son dunha relixiosidade extrema. Maniféstase contra o ensino científico e laico, contra a coeducación e a escola mixta.

Texto Dolores del RíoFronte a estes textos, as súas colaboracións en El Ideal Gallego son sobre temas máis diversos, crónicas xornalísticas, o certo é que varias delas as titula así, Crónica Callejera, lonxe, iso si, sempre de calquera modernidade, pero cun profundo sentido social: defende a educación dos párvulos, así como a necesidade de educar na hixiene e a educación física e o deporte, aínda que se manifesta contraria ao cinema e a todo o que poida soar a modernidade que ela iguala con vaidade, chegando a dicir “poderían remediarse moitas miserias co que se gasta en vaidade”. Maniféstase contra o traballo infantil, contra a emigración e nos seus escritos está patente unha visión social da caridade a favor das persoas humildes fronte a vaidade das “clases pudientes”, fala da “dureza de corazón” dos máis ricos.

Texto Dolores del RíoManifesta nos seus artigos un rexeitamento total á cultura “que vén de fóra” e a todo o que a afaste da relixión e a fe católica, mais fronte a homes da súa época e de ideoloxía conservadora, como sen dúbida é a dela, defende a educación superior para as mulleres e critica a aqueles que queren converter as mulleres nas “Reinas de la casa”. Escribe Dolores un pensamento claramente feminista “lo que me recuerda la frase de una escritora americana que en este concepto las considera como “esclavas disfrazadas de reinas” e, fronte a muller metida na casa, defende a educación superior, o estudo e o traballo fóra da casa que axudará a afastar a vaidade e a coquetería.

Texto Dolores del RíoTodo a súa intención socializadora e humanista desaparece para defender sempre, e sen fisuras, a relixión. Como aparece na prensa referido á súa obra “deriva del fecundo y limpio manantial de la idea cristiana y patriótica.” Vemos textos dela que poderiamos definir como pacifistas “La guerra monstruo insaciable…”, mais logo remata dicindo “Mas es ella noble y justa // si defiende con tesón // a la santa Religión”. (El Diario de Galicia periódico católico e independiente, 8 de abril de 1896)

A súa obra poética obtivo moitos premios, dos que hai constancia desde o ano 1896, tanto a nivel galego como español. Aínda que hoxe é pouco coñecida, en numerosas ocasións a prensa do seu tempo colócaa ao lado doutros escritores da época como Filomena Dato, Valle Inclán, López Ferreiro…

Obra teatral:

  • Lonxe da aldea, cadro dramático ( 1914)
  • A pantasma, monólogo (1916)
  • Parla e parrafeo, diálogos (1916)
  • Costumes novas, diálogos (1916)

Obra poética en galego:

  • Non chores meu neno (1913)
  • O doce nome de Xesús (1914)
  • Miña Aldea (1914)
  • ¿Quen chama? (panxoliña) (1915)
  • Na terriña (1917)
  • ¿Que lle darei? (panxoliña) (1917)
  • O embarque (1917)
  • A tiuría e a práctica (1917)
  • A canción do mariñeiro (1920)
  • A miña Virxe (1921)
  • No souto (1921)
  • Ô lonxe (1921)
  • O Pelegrino (1922)
  • D’o dito ô feito (1930)
  • N’a trincheira (1938)
Fullscreen Mode

Comparte esta biografía

Explorar máis

Juana Capdevielle
Represaliadas

Juana Capdevielle

No lugar onde medran as silveiras e discorre a auga pola estrada houbo antes un suco de sangue inzando de nomes as cunetas: A cuneta

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies