Se Rosalía de Castro representa, coa inxente forza da súa obra, un importantísimo paso na irrupción da voz das mulleres no espazo público do século XIX a pesar das múltiples trabas impostas a súa condición feminina, a súa filla Alejandra Martínez Castro (máis coñecida como Alejandra Murguía) sería o paso atrás , á volta á invisibilización e o esquecemento das mulleres e o recordo constante das trabas que lles impediron seren valoradas adecuadamente, participar na vida pública e desenvolverse profesionalmente.
De feito, consérvanse moi poucos datos dela e da súa frustrada carreira artística. Da súa biografía sabemos que naceu o 12 de maio de 1859 en Santiago de Compostela, que foi a primeira filla do matrimonio formado por Rosalía de Castro e por Manuel Murguía e que a súa nai e a súa avoa coidarían dela durante os seus primeiros anos de vida. Tras uns anos na capital compostelá trasladaríase en 1869 cos seus pais a Simancas, onde nacería a súa irmá Aura e onde mantén unha fluída correspondencia co seu avó paterno. As cartas conservadas daquela dan conta de que Alejandra xa sabía escribir adecuadamente e que se interesaba en debuxar. Tamén por esa época albíscanse as súas primeiras inquietudes intelectuais compartidas pola súa nai e polo seu pai, xa que comeza a compilar versos da tradición oral que Manuel Murguía publicaría e que aínda se conservan. Ao longo dos anos recollería moitas destas composicións, que compartiu con estudosos da etnoliteratura como Víctor Said Armesto, Casto Sampedro e Perfecto Feijoo cos que mantivo amizade e correspondencia e que valoraban moito o seu traballo de recolección de etnotextos.
Ao tempo, as súas destrezas artísticas foron apoiadas polo seus familiares tamén dende a súa infancia. Parece que asistiu a clases de debuxo na Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, que foi o primeiro dos centros galegos que se ocuparon de ofertar unhas mínimas ensinanzas de debuxo para o alumnado feminino, se ben moi precarias e diferenciadas das ofrecidas ao alumnado masculino.
O seu pai, que tamén recibira clases na mesma institución compostelá, lévaa consigo ás viaxes que documenta nos seus artigos como experta debuxante. Na Real academia Galega consérvanse hoxe sete acuarelas da súa autoría, datadas entre os anos entre os anos 1872 e 1874, can do vivía, xa na Coruña, cos seus pais. En 1878 Manuel Murguía dirixe dende Madrid para a revista, La Ilustración Gallega y Asturiana (máis tarde La Ilustración Cantábrica) e comeza a publicar os gravados da súa filla máis vella. Ao tempo, publicita o desempeño artístico de Alejandra entre os seus amigos e coñecidos e os xornais cítana como unha nova promesa na arte galega.
Ela esmérase por mellorar as súas destrezas a título individual e de xeito autodidacta para ir a Madrid e colaborar co seu pai, mellorar a economía familiar e comezar unha carreira artística profesional (alí, talvez, podería atopar redes de apoio para incrementar a calidade das súas creacións e promocionalas ou acudir as exiguas ensinanzas ofertadas para mulleres artistas). Porén, as circunstancias familiares e as responsabilidades asociadas á condición súa feminina non a deixarán marchar para reunirse con el. Rosalía enferma e Alejandra cóidaa mentres atende, tamén, aos seus irmáns menores (Aura, Gala, Ovidio e Amara) e mentres Manuel Murguía continúa en Madrid. Segue a pintar ocasionalmente aínda que os colegas de seu pai (o pintor Modesto Brocos e o gravador Bernardo Rico) lamentan que non reciba axuda para reforzar os seus quefaceres artísticos.
Pero Rosalía de Castro morre e Alejandra dedícase a coidar da familia. Rexeita un posto de restauradora no Museo del Prado porque o seu pai non estaba de acordo e relega a súa actividade artística a ensinar a debuxar e pintar ao seu único irmá varón, Ovidio, que si recibirá mais tarde unha educación completa e regrada, reservada no momento unicamente para os homes. Ovidio, malia a súa curta vida, poderá dedicarse a estudar, perfeccionar a súa arte, visitar museos, frecuentar círculos de artistas, ter un obradoiro propio e mesmo mudarse a Madrid para vivir a bohemia, expoñer os seus cadros e ter actividade profesional. É dicir, facer todo aquilo que non lles estaba permitido ás mulleres artistas e que frustrara a carreira da súa irmá maior.
Alejandra fica sempre coidando dos seus e sérvelle ao seu pai de apoio material e profesional, axudándoo no seus traballos intelectuais e facéndose cargo da súas relacións profesionais e persoais nos últimos anos deste.
Hoxe en día, a súa arte permanece mal inventariada e estudada (moitas das obras atribuídas a Ovidio poderían ser dela) e non se recoñece. Tamén permanece esquecida a súa labor en prol da literatura de tradición oral, tan importante na configuración nacional de Galicia. E os seus coidados, fundamentais para soster a vida privada e pública dos seus pais e irmáns (nomeadamente de Ovidio), continúan a non seren valorados nin vindicados como adoitou facerse sempre cos traballos femininos.
O 22 de marzo de 1937 Alejandra Murguía fina na Coruña, cidade na que viviu moitos anos. Os seus restos están enterrados nunha tumba do cemiterio de Santo Amaro, xunto aqueles aos que coidou: o seu pai, Ovidio e as súas tres irmás, Aura, Gala e Amara.