A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Sara Insúa Escobar

Sara Insúa

Sara Insúa Escobar, filla do estradense Ubaldo Álvarez Insúa que emigrara a Cuba con 20 anos, sen concluír a carreira de Dereito. Foi redactor (asinaba como Waldo A. Insúa) e director de El Eco de Galicia e promotor do Centro Galego da Habana. Casa coa cubana Sara Escobar de Cisneros. O matrimonio viaxou a Galiza con moita frecuencia.

Sara, moi vinculada á cidade da Coruña, nace en 1901, cinco anos despois da volta definitiva da familia de Cuba, onde nacerían os seus seis irmáns.

Posteriormente, a familia marcha vivir a Madrid, mais Sara sempre tivo especial querencia pola cidade natal, á que regresaba todos os veráns.

Comezou a escribir sendo unha nena e o seu primeiro conto “La primera aventura” publicouno aos dezaoito anos en La Moda Elegante (que tiña como subtítulo: Periódico de la familia, revista “feminina” máis lonxeva do estado: 1842 a 1927).

Aos dezaoito anos comeza tamén o seu labor de tradutora, sumándose así a unha longa lista de mulleres dedicadas a esta tarefa ( Fanny Garrido, Sofía Casanova, Felicia Auber…), mais ela fíxoo baixo o pseudónimo de Próspero Miranda.

A primeira obra que traduciu para a editora Renacimiento foi Soñar y vivir de Jean de la Brete (nome usado pola escritora Alice Cherbonnel) .

Para a mesma editorial, verteu, entre outras, Nuevas cartas de mujeres, de Marcel Prevost .

Colaborou tamén nalgúns xornais e revistas galegas como Galicia, dirixida en Vigo por Paz Andrade, onde publica o conto Dulciamarga, e, en Vida Gallega escribe un artigo laudatario “Una gran poetisa” con motivo da morte de Filomena Dato Muruais.

Os contos publicados en La Voz de Madrid, La Moda Elegante, Los Lunes de El Imparcial, etc, reuniunos en 1924 baixo o título Cuentos de los veinte años. Neste libro son frecuentes as referencias á cidade da Coruña, citando lugares concretos como o Parrote, a torre de Hércules ou Riazor.

É autora tamén de seis novelas.

Pasou os seus últimos anos en Caracas, onde morre en 1985.

Para saber máis:

La Narrativa de Sara Insúa. Tese doutoral de Yasmin Hassan Ashmawy, Universidade Complutense de Madrid.

 

Comparte esta biografía

Explorar máis

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies