A memoria das mulleres
Desde a AC Alexandre Bóveda levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. Entendemos en ACAB que é necesario construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual que sexa útil para a información, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña.
En Galiza xa existen outros proxectos que para nós son modelos do que nos gustaría facer. É o caso do desenvolvido polo Concello de Pontevedra que logo de cinco anos de traballo plasman unha gran parte do realizado na súa web Do gris ao violeta. Tamén temos que agradecer toda a información proporcionada polo Dicionario de Mulleres Galegas de Aurora Marco, o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega e O orballo da igualdade. Asociacionismo feminino progresista na cidade da Coruña de Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá.
Donas da súa vida é un proxecto que nace a partir da Coruña das Mulleres, buscando levar o traballo aquí realizado ás idades máis temperás.
O proxecto canalízase a través de distintas accións tales como roteiros, fanzines e canles divulgativas en redes sociais.
Neste proxecto atoparedes a historia da inventora do libro electrónico, da primeira enfermeira que no mundo existiu, da primeira muller que dirixe un xornal no estado español… mais sobre todos atoparedes historias colectivas, das mestras represariadas, das cigarreiras e as súas folgas xa a mediados do século XIX, ou das lavandeiras…
Colaboran nesta páxina:
Ana Romero, Arturo Iglesias, Begoña Bas, Carmela Galego, Cristina López, Gabriela Frias, Jorge Castro, Laura Rey, Luz Rivas, Mª Xosé Bravo, Moncho do Orçam, Narciso de Gabriel, Óscar Losada, Patricia Carballal, Silvia Seixas, Xosé Manuel Pérez, Xosé Manuel Sánchez.
A Asociación Alexandre Bóveda
A AGRUPACIÓN CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA (ACAB) é unha asociación cultural, nada na Coruña en agosto de 1976 que leva o nome de Alexandre Bóveda, figura principal do nacionalismo galego asasinado en agosto de 1936, e que ten como obxectivos prioritarios a promoción e defensa da lingua e da cultura galega. Facemos parte da federación de asociacións culturais Galiza Cultura.
A quen nos diriximos?
Toda a nosa actividade está pensada para as mozas e para os que peitean cabelos brancos, para os ágrafos e para as intelectuais, para as poetas e para os prosistas, para as carnívoras e para os veganos, para as que tecen e para os que destecen, para as inapetentes e para os comellóns…, abrimos as portas a quen queira traballar connosco.
Que facemos?
Realizamos multitude de actividades culturais, desenvolvidas quer en solitario quer en colaboración con outras entidades (AELG, AS-PG, asociacións veciñais, CUAC Fm, Marcha Mundial das Mulleres, Fundación Manuel María, Asociación Cultural Aïs, …) e levamos a cabo un intenso traballo sociocultural que asenta na proxección da lingua, literatura e cultura galegas, na defensa dos dereitos das mulleres, na recuperación e divulgación do patrimonio toponímico galego etc. E, ao mesmo tempo, realizamos un constante traballo de investigación para dar a coñecer a historia máis agochada, a memoria máis silenciada e marxinada.