A artista María Mazás Lata (A Coruña 1960-2017) críase no barrio dos Castros, nun serradoiro que rexentaban os pais, onde comeza a facer cousas coas mans, a inventar. Máis tarde probará con cartón e papel, facendo os seus propios cadernos.
Recibe clases de danza coa coreógrafa Mercedes Suárez e, casualmente, descobre os lenzos de Alberto Crespo, quedando cativa da pintura, para sempre.
En 1984 instálase en Barcelona. Matricúlase na Escola d´Actors e asiste a clases de danza con Ángels Magarit e de trapecio e acrobacia con Rogelio Rivel, o gran renovador do circo catalán. Gaña a vida coa venda dos cadernos artísticos que deseña e tamén co traballo nun estudio de arquitectura construíndo as maquetas dos proxectos.
No outono de 1987 instálase en Friburgo, e fai realidade un soño: mergullarse no mundo da sombreirería. Crea, de xeito autodidacta, chapeus de tea con insólitas figuras. Deseñadores e estilistas interésanse pola súa obra e traballa con grandes modistos, coa creación de pezas exclusivas para as pasarelas Cibeles e Gaudí. Colabora en espectáculos de danza, teatro e performances para o Mercat de las Flors, o Festival Grec, o coreógrafo Ramón Ollé e a compañía Teatro de Ningures. Expón en Alemaña, Cataluña, Galicia, Francia e Italia.
No ano 2003 dá por rematado o tempo dos chapeus e doa parte da súa obra ao Musée du chapeau de Chazelles sur Lyon, Francia, para dedicarse, exclusivamente, á pintura.
No ano 2005 gaña o Primeiro Premio de Pintura de Sant Lluc e, no 2006, o Accésit de Debuxo.
En xuño de 2007 aluga unha casa en Mera, comezando o retorno á terra. Son desta época os retratos de Carlos Castilla del Pino e Marianne Brull, entre outros.
Gran lectora de poesía, amante da filosofía e estudosa da grafía do árabe e da caligrafía chinesa.
Retorna á Coruña no 2014, reforma a casa familiar e fai dela o seu taller.
Crea unha serie de tintas sobre papel, que usará na primeira e única exposición que fará na súa cidade, en 2016.
A súa derradeira obra titulouna Poemario Atlántico, un conxunto de 66 pezas, auténticos haikus con vida, elaborados coas crebas recollidas nos seus paseos.