A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Ánxela Labaca

Eco de Galicia

Cando os servizos públicos non daban resposta ás necesidades da sociedade, –e a alimentación, a educación, ou a sanidade non eran dereitos da cidadanía–, a beneficencia –exercida fundamentalmente por persoas da burguesía– era o único medio para que as clases populares tivesen acceso a estas prestacións.

El Eco de Galicia
El Eco de Galicia, 13 xaneiro 1912

O 5 de novembro de 1834 nace Ánxela Labaca, unha persoa da alta burguesía coruñesa que realizará importantes obras de carácter filantrópico na cidade, entre outras, unha escola e un hospital.
En decembro de 1911, Ánxela e mais o seu irmán menor –Ricardo– remiten unha instancia ao alcalde da Coruña, onde solicitan que lles sexa eximido o pago das taxas pola construción de dúas escolas, unha para nenos e outra para nenas, así como as habitacións para o seu profesorado, debido ao seu valor social. As escolas, nun primeiro momento, pensaran construílas na rúa Payo Gómez, preto da praza de Pontevedra, porén, despois dunha permuta de terreos, finalmente construiranse nunha zona do extrarradio da cidade preto da Horta de Garás, na actual rúa Juán Flórez. Co cambio de localización, fanse tamén outras modificacións do proxecto para incluír un patio exterior e outras ampliacións (na actualidade CEIP Plurilingüe Labaca).


Andrés Manjón
Andrés Manjón

O modelo educativo que se quere aplicar nas novas escolas é o que Ricardo Labaca coñeceu durante o seu traballo como maxistrado en Granada. Alí, en 1888, o crego Andrés Manjón, creou unha escola, denominada da Ave María, cunha finalidade fundamentalmente asistencial e que pretendía atender as crianzas da comunidade xitana que vivía nas covas que había no Sacromonte. Cun ideario contrario á escola laica e con propostas pedagóxicas moi simples que, basicamente, non ían máis aló de respectar a actividade do alumnado e de favorecer o traballo no medio, creouse unha rede de escolas da Ave María por todo o Estado e tamén en Sudamérica.


 

As obras da escola en Juán Flórez comezan en outubro de 1912 e rematan en maio de 1915, segundo o deseño de Leoncio Bescansa. O feito de empregar o modelo pedagóxico da Ave María e non outros máis progresistas, que se estaban xa a desenvolver nese momento, fai que o deseño arquitectónico faga escasas concesións ás propostas pedagóxicas innovadoras, mesmo reducindo os estándares establecidos pola normativa da época.

En decembro de 1915, é dicir, 6 meses despois da inauguración das escolas, falece Ricardo. Curiosamente, tres anos despois, cando é Ánxela a que continúa o labor filantrópico en solitario, o concello da Coruña decide pórlle o nome de Ricardo Labaca a unha rúa situada na zona das casas baratas, nin tan sequera, irmáns Labaca.

Para xestionar as escolas, en xuño de 1916, Ánxela constitúe a Fundación benéfico-docente das Escolas da Ave María, fundación que na actualidade ten o nome de Fundación Labaca e que indica na súa presentación que “naceu por iniciativa dos irmáns Ricardo e Ánxela Labaca”, aínda que, como dixemos, nesa data xa morrera Ricardo.

En agosto de 1928, o ditador Primo de Rivera, nunha visita que estaba a realizar á Coruña, inaugurou outra das importantes obras de Ánxela Labaca e para a que doou un millón trescentas once mil pesetas: o Hospital Materno Infantil (na actualidade Centro Oncolóxico de Galicia), cunha capela anexa. Xunto con estas construcións estaba previsto crear tamén unha Escola de Enfermeiras e Matronas, obra que nunca chegou a realizarse.

Con motivo desta inauguración, concédeselle a Gran Cruz da Orde Civil de Beneficencia.

O 28 de febreiro de 1929 morre Ánxela Labaca e, na actualidade, segue sen darlle nome a ningunha rúa na cidade.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Canto ás traballadoras
Colectivos

Cantar ás traballadoras

Dentro das camadas sociais menos favorecidas, as mulleres foron as que desempeñaron a esencial centralidade no proceso de manutención e de xeración de lírica tradicional.

Ler máis »
Chambonas
Colectivos

As chambonas

Son moitas as cidades que historicamente tiveron, e moitas seguen mantendo, un mercado ao aire libre onde se vendían produtos de todo tipo de segunda

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies