A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Dionisia Salomón

Silueta muller

DIONISIA SALOMÓN (Valladolid 1837-Molina (Murcia) 1904)

Dionisia Salomón Sanmartín (Valladolid 1837-Molina (Murcia) 1904), coruñesa entre 1856 e 1858, está considerada unha das primeiras mulleres que escribiron e publicaron literatura no século XIX en Galiza. Aparecen poemas seus en varias revistas galegas da década dos cincuenta. O primeiro texto de Dionisia, do ano 1857, é precedido pola obra de dúas mulleres na década anterior: Manuela Cambronero, posibelmente nada na Coruña, e de Camila Sancho.

Para coñecer máis sobre Dionisia e a literatura femenina do século XIX en Galiza pódese consultar o libro de Celia ARMAS (2002) e o traballo cunha maior información sobre a nosa escritora que é o artigo de Teresa LÓPEZ (2019) na revista Follas Novas.

Os datos que chegan a nós sobre Dionisia Salomón son moi escasos, non figurando en ningún dicionario de autoras nin nas antoloxías da época como o Album de la Caridad. As principais informacións son proporcionadas por textos explicativos que figuran nas revistas en que publicou.

Si sabemos que era filla de Remigio Salomón, xuÍz de primeira instancia na Coruña. A figura do pai pode ser esclarecedora para entender o labor literario da filla. Remigio Salomón Fraile, home de bastante renome na época, naceu en Valladolid en 1816 onde estudou e se fixo avogado. Alí casaría con Ramona Sanmartín Cabrera. Seguiu a carreira xudicial desde o ano 1840 en que estando en Roa (Burgos) dirixiu a defensa da vila contra unha partida carlista, acción que lle garantiu o posto de xuiz, e honores na secretaría da raíña Isabel II.

Remigio Salomón foi persoa interesada por temas históricos e arqueolóxicos, facendo varias excavacións, a de máis renome en Deóbriga sobre o ano 1854. Foi coleccionista de antigüidades, que en Galiza mostrou na Exposición Agrícola, Industrial e Artística en Santiago de 1858 cun cadro arqueolóxico e numismático con varias pezas desenterradas na provincia da Coruña. Na carreira xudicial exerceu en Roa, en Denia (Alicante), Miranda de Ebro e Ponferrada antes de chegar ao xulgado da Coruña onde estivo desde novembro de 1856 até setembro de 1858, pasando uns meses como xuíz en Ferrol antes de conseguir o seguinte destino, abandonando Galiza definitivamente. O seguinte destino foi en Santander desde xaneiro de 1859 e despois continúa o seu periplo profesional en Granada, Oviedo, Cáceres e finalmente de maxistrado na Audiencia de Barcelona, cidade onde falece o 5 de febreiro de 1878.

A personalidade intelectual do pai, que ademais de sobre arqueoloxía publicou moitos artigos en revistas e monografías, nas que destacan unha sobre Granada e unha guía de Santander que tivo dúas edicións, apunta unha implicación cultural deste cos lugares de destino. Centrándonos na Coruña aparece, ademais de participando na exposición de Santiago, como accionista no Banco emisor da Coruña con dúas accións en marzo de 1858 e dous anos despois xa desde Santander como subscritor, xunto coa filla Dionisia, da edición da Historia de Ferrol de Montero Aróstegui no ano 1859.

Remigio Salomón tivo dúas fillas, Dionisia e Leonor. Dionisia Salomón Sanmartín, a que nos interesa, naceu en Valladolid o día 15 de decembro de 1837 e acompañou o seu pai nos destinos como xuíz polo que chegou á Coruña a finais de 1856 cando tiña dezaoito anos e deixou a cidade rumbo a Santander con vinte e ún anos.

A súa vida despois do paso pola Coruña recalou en Santander, onde se asentou, casou con Fulgencio Soriano Fernández, funcionario de Fomento, avogado e político da Restauración, réxime co que ocupou cargos na Deputación de Santander chegando a ser seu presidente por un curto período de tempo, do 2 de xuño de 1883 até o 28 de agosto do mesmo ano en que faleceu repentinamente. Deste matrimonio Dionisia tivo tres fillas, Elvira, Consuelo e Casilda, e un fillo, Carlos.

Tras o falecemento do home Dionisia e os seus fillos trasladáronse a Molina, en Murcia, vila natal do marido, onde atendeu asuntos sobre un patrimonio familiar de propiedades urbanas e agrícolas xestionando muíños de aceite. Faleceu na mesma Molina o 23 de setembro de 1906 con 69 anos.

Carta á raíña Isabel II
Carta á raíña Isabel II á súa chegada a solo coruñés

A obra literaria coñecida até hoxe de Dionisia Salomón é escasa, mais non se pode descartar a posibilidade de poder aparecer algunha nova publicación nalgún xornal. Na actualidade coñécense 7 poemas recollidos en catro revistas e un libro. Toda esta obra foi publicada durante a estancia na Coruña.

A mi querida Águeda en sus días, o seu primeiro poema coñecido, foi publicado na páxina 4 do número 125 do 21 de marzo de 1857 do xornal La Oliva de Vigo, datado na Coruña o 5 de febreiro de 1857, aos poucos meses da súa chegada a Galiza.

A referencia que o tamén poeta e coruñés Ricardo Puente Brañas fai na presentación do poema ao nome e profesión do pai da escritora deixa ver a relación que a familia Salomón tería coa intelectualidade da sociedade coruñesa ligada ao liberalismo progresista e tamén ao provincialista como tivo que ser cos irmáns Puente Brañas ou os de la Iglesia (na biblioteca de Francisco Mª de la Iglesia había un exemplar da Guía de Santander de Remigio Salomón e un poema manuscrito de Dionisia).

As seguintes composicións de Dionisia Salomón serían publicadas en revistas da Coruña. En El Iris de Galicia publica o 7 de xuño do 1857 Acuerdate de mi, e o 5 de xullo A mi querida amiga E.C. de P. En El Fomento de Galicia publica o 20 de abril de 1858 un poema, A la memoria del poeta Don José Puente y Brañas, que estaba destinado a formar parte da coroa poética á memoria do poeta recentemente falecido.

No ano 1858 foi publicado en Vigo, no establecemento tipográfico de Compañel –o mesmo que cinco anos máis tarde publicaría Cantares Gallegos de Rosalía de Castro–, El Album de El Miño que recopilaba poemas e artigos literarios e que recollía dous poemas de Dionisia Salomón, un xa publicado en El Fomento de Galicia, A la memoria del poeta D. José Puente y Brañas, e un novo, A la primavera.

Ferrocarril na CoruñaEste mesmo ano de 1858 a cidade da Coruña así como as de Ferrol e Santiago de Compostela viviron unha grande actividade por mor da chegada da familia real, a raíña Isabel II, marido e fillos, que viñeron facer unha visita aproveitando que estaban tomando os baños por Asturias. Na Coruña aproveitouse a visita para poñer a primeira pedra do que había de ser a estación de ferrocarril da cidade. Da autoría de Francisco Mª de la Iglesia están conservados na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña uns mollos de cuartillas manuscritas cuns capítulos do que posibelmente había de ser unha Historia da Coruña e neste documento nárrase con bastante detalle o que foi a visita á cidade e os actos que se fixeron para darlle a benvida á familia real o día 5 de setembro de 1858. Tamén se atopa unha descrición bastante detallada e a recollida de poemas no libro en que describiu a viaxe RADA Y DELGADO (1860).

Arco triunfal CoruñaNos actos participou toda a alta sociedade coruñesa. Escribiron poemas dedicados á chegada real os máis importantes escritores e personalidades da cidade, desde o proprio Francisco María de la Iglesia (o único con colaboracións en galego), Antonio S. Somoza, o xefe de correos Milán Navarrete, Antonio Camino, Antonio de San Martín ou Francisco Pérez Villamil. Entre eses nomes está Dionisia Salomón, e cun lugar destacado, pois foi a encargada de ler a primeira composición de benvida á raíña, escollida seguramente polo cargodo pai, que xa citamos, na secretaría real, e a súa irmá máis nova Leonor Salomón iría nunha das carrozas do séquito de benvida. Os poemas, recollidos por Francisco Mª de la Iglesia, poderían estar manuscritos polos propios autores xa que están escritos por diferentes mans.

A Gazeta de Madrid do 11 de setembro de 1858 relata con detemento a visita real nun texto recollido do diario La Época do día 9 de setembro “haciendo mención muy especial de la poesía de la señorita doña Dionisia Salomón, hija del juez de primera instancia de esta capital, tanto por la ternura del pensamiento, como por ser la fórmula del sentimiento unánime de esta población”.

O poema foi o primeiro lido e leva como título Á S.M. la Reina Doña Isabel II en su llegada al suelo coruñés e completaría a nómina de obras de Dionisia Salomón escritas na cidade da Coruña e ficou reproducido no libro de RADA Y DELGADO (1860).

Non se localizou ningunha obra posterior aínda que non se poida descartar e, por iso, como di Teresa LÓPEZ (2019) “Non parece aventurado estabelecer a relación entre a súa dedicación literaria pública e a súa estancia na Coruña”.

Nos censos da cidade coruñesa dos anos 1857 e 1858 non conseguimos atopar a inscrición da familia Salomón, pero si que aparece un caso no edificio en que residía tamén Francisco Mª de la Iglesia en que non se fai ningunha inscrición porque os residentes din que son transeúntes e sen domicilio fixo, motivo polo que seguramente tampouco figura inscrita a familia.

Palacio Capitanía A CorñaDionisia Salomón tería residido pois na Coruña durante un tempo de apenas dous anos ou pouco máis, cunha consideración de estancia provisional pero con integración na sociedade liberal que concordaría coas ideas do pai, onde atopou a posibilidade de publicar, o interese da intelectualidade da época de incorporar voces femininas nas súas publicación e a existencia dunha mocidade literaria dinámica entre q que podemos citar a Emilia Calé, que nacera no mesmo ano que Dionisia, Antonio San Martín que tiña tres anos menos ou Francisco Mª de la Iglesia que aínda tiña 30 anos.

Dionisia Salomón abandona A Coruña camiño de Santander con 21 anos. Este cambio de domicilio explicaría a ausencia nas referencias máis importantes sobre escritoras de Galiza e do Album de la Caridad , de 1862, a maior antoloxía de escritoras e escritores galegos do momento.

Todo indica que ao deixa atrás A Coruña Dionisia Salomón tamén deixou a publicación literaria. Como dicía nuns versos do seu primeiro poema A mi querida Águeda en sus días:

¿Que valen las coronas en la frente

ni las falaces glorias,

o en la vida un lugar más eminente,

o un recuerdo famoso en las historias?

A saída da moza Dionisia Salomón de Galiza coincide cronoloxicamente co retorno dunha poeta que xa comezara a escreber e publicar prosa e poesía e remataría por ser a maior poeta do país.

Esquela Dionisia Salomón


REFERENCIAS:

ARCAY BARRAL, Ángel (2015), “O “bello sexo” na prensa galega do Sexenio Revolucionario”, Madrygal Revista de Estudios Gallegos, 18, Núm. Especial, Madrid, Universidad Complutense.

ARMAS GARCÍA, Celia María (2002), As mulleres escritoras (1860-1870) : o xenio de Rosalía, Santiago de Compostela, Laiovento.

ARMAS GARCÍA, Celia María (2010), “As escritoras na Galiza do século XIX : o caso de Rosalía de Castro”, Galegos nº 10, Santiago de Compostela, Ezaro Ediciones.

LÓPEZ, Teresa (2019), “Arredor de Rosalía: notas sobre as escritoras nas orixes do Rexurdimento”, Follas Novas Revista de Estudos Rosalianos, nº 4, Padrón, Fundación Rosalía de Castro.

LÓPEZ OTERO, Mª Anjos (2007), “Produçom literária de autoria feminina galega entre as décadas de 1860-1880. Os casos de: Rosalia de Castro, Emilia Calé, Narcisa Pérez Reoyo e Emilia Pardo Bazán”. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena González e M. Xesús Lama. Sada: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona).

RADA Y DELGADO, Juan de Dios (1860), Viaje de SS. MM. y AA. por Castilla, Leon, Asturias y Galicia, verificado en el verano de 1858, Madrid, Aguado imp.

RÍOS, Antonio de los (2001) “Palabras de la huerta de Molina”, Cangilón Revista Etnográfica de la Huerta de la Región de Murcia, Alcantarilla, Asociación de Amigos del Museo de la Huerta de Murcia.

VILAVEDRA, Dolores coord. (1997), Diccionario da literatura galega II Publicacións periódicas, Vigo, Galaxia.

 

As imaxes son do libro de Juan de Dios Rada y Delgado e dun manuscrito do final do poema lido perante Isabel II.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Fábrica de mistos
Colectivos

Misteiras

As traballadoras das fábricas de mistos na Coruña foron un colectivo con moita presenza na cidade e tamén un dos de maior conflitividade laboral debido

Ler máis »
Andrea López Chao
Pioneiras

Andrea López Chao

Andrea López Chao nace en Mondoñedo en 1874. Foi pedagoga, directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana e primeira Vicepresidenta da Sociedade

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies