Rosa Bassave Roibal (A Coruña 1953 – Compostela 2012) medra no barrio da Gaiteira, comezando a traballar moi nova; aos 18 anos deixa o seu traballo nunha empresa de montaxes eléctricas, casa polo civil cun rapaz de Monte Alto, Alberto de Esteban, o Roxo, emigrando a Barcelona, Inglaterra e París. De regreso a Compostela, remata a carreira de Historia na USC e comeza a militar na UPG. Forma parte da executiva de ANPG en 1976 e do BNPG en 1977.
Tras fortes discrepancias, abandona o nacionalismo e participa de maneira sinalada na recuperación do movemento libertario santiagués dos anos 80 e 90: Federación Anarco-Comunista Galega (1979), revista Arco da Vella (1981-82), Mulheres Livres (1987), Ateneo Libertário de Compostela (1997), Radio Kalimera…
Tamén será clave na refundación do sindicato CNT en Compostela, sendo elixida secretaria xeral en 1990 e 2002 e tesoureira en varias ocasións; foi a primeira muller en asumir (2005) a secretaría da CNT galaica.
Rosa comezará, asemade, un delongado activismo no movemento feminista crítico coa tutela dos partidos políticos e participará activamente no proceso que desembocará no nacemento da Marcha Mundial das Mulleres.
A súa firme defensa do protagonismo da muller na sociedade ficou patente nas múltiples conferencias e colaboracións nos medios de comunicación.
Co seu nome ou co pseudónimo de María Balteira, asina artigos en Andaina, Festa da Palabra Silenciada, A Nosa Terra, @narquista (1998-2004), etc, desenvolvendo unha ampla temática: loita de clases; feminismo independente; “cozinha natural” vexetariana; o reintegracionismo; solidariedade internacionalista; a condición da muller do mar, a recuperación da memoria d@s vencid@s, a natureza e o desfrute do corpo nu….
A nivel profesional e dende 1986, Rosa tamén exerceu como directora da Biblioteca da Facultade de Matemáticas da USC, colaborando nalgunhas exposicións bibliográficas do libro galego (1988) e asistindo a eventos de índole profesional, caso da BiblioArchi organizada (2005) na Habana.