María Peres, A Balteira, nada en Armeá (Coirós), foi a soldadeira máis popular nos nosos Cancioneiros.
As soldadeiras eran mulleres adscritas á Corte que tiñan como oficio cantar e bailar e recibían por iso unha soldada, de aí o nome.
Con propiedades en Armeá, debeu ir á corte sendo moi nova pois xa era coñecida en tempos de Fernando III. A súa popularidade foi enorme, sobre todo na corte de Afonso X, onde debeu destacar pola súa arte,aínda que os trobadores non falen dese aspecto. A súa beleza foi utilizada máis dunha vez para fins políticos, así hai que ver a súa relación cos mouros da familia Beni Escallola, arraeces de Málaga, Guadix e Comares que, apoiados por Afonso X, se rebelaron contra o rei de Granada. Varias cantigas de escarnio aluden ás súas andanzas por terras de León, Castela e Aragón e, asemade, por terras de mouros. Tamén parece segura a súa viaxe a Terra Santa en 1257.
Temos noticia da Balteira polas cantigas de escarnio que lle dedican dez trobadores, verdadeiro arquetipo do que na actualidade se deu en chamar anti-retrato ou retrato descortés. Pedro Amigo de Sevilla e Pedro de Ambroa, betanceiros ambos os dous; Pero da Ponte e o propio Afonso X o Sabio son algúns dos autores que fixeron dela albo das súas burlas. Por eles coñecemos unha muller paradigma de todos os vicios e transgresións que a época condenaba, malia ser parte deles, nun exercicio de dobre moral. Boca xuradora; practicante do tiro con bésta en competición cos homes; xogadora de dados; trampulleira no xogo; libre no xeito de xacer con cregos, escolares, xograres…; transmisora de doenzas venéreas e supersticiosa.
Nada se sabe do lugar e data da súa morte e soterramento. Hai un diploma de 1257, citado por Martínez Salazar, no que “dona María Pérez cede unha rica herdade da súa nai aos monxes cistercienses de Sobrado, a cambio dunha renda vitalicia que ha cobrar na súa casa de Armeá . Dona María debe facer servizo ao mosteiro ‘así como familiar e amiga’, e á súa morte os monxes levarana a Sobrado nun ataúde cuberto de tres varas de estanforte vermello, e daranlle dó cumprido de familiar”, Mais non se atopa ningunha referencia verbo de se, andando os anos, cumpriu ou non a devandita manda. Este documento dá conta tamén do propósito da Balteira de ir a unha cruzada.