María de los Dolores Miramontes Matos nace en Santa María de Guísamo (Bergondo- A Coruña) en 1895. Comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro de costura na Coruña, nesa cidade na que xermola o pensamento nacionalista e galeguista en lugares como a Cova Céltica. María Miramontes, moza esperta, intelixente e aberta, edúcase en todo este mundo e así frecuenta os núcleos republicanos na compañía de Elvira Bao, Pilar Castro, Amparo López Jean e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala, entidade que vai chegar a ter máis de 200 socias. María Miramontes aparece xa nas listaxes da sección feminina no ano 1918. Seguramente, nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas coñece o home co que vai compartir vida, pensamento e militancia e co que casará en 1920, Ánxel Casal. Xa xuntos, abren no número 9 da Rúa Panadeiras un pequeno comercio de venda de teas. Os ingresos cativos desta actividade fan que María se dedique tamén á súa profesión de modista mentres que Ánxel completa a economía con clases de francés e traducións. A parella non só mantén a súa vida en común senón que alimenta economicamente iniciativas múltiples do nacionalismo e da cultura de Galiza: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular, as Escolas do Insiño Galego, con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza, para así facer que os nenos e nenas das clases traballadoras poidan aprender e formarse no coñecemento e amor por Galiza. No 1931 deciden trasladarse a Compostela para estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución. Cando no mes de decembro deste 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e un grupo, non demasiado numeroso, de mulleres traballa a prol de convencer o pobo galego, e moi especialmente as mulleres, da necesidade que Galiza ten de dotarse dunha forza política propia.
María vai participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 15 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, xunto a toda a Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República e nesa foto histórica está unha única muller María Miramontes.
O 18 de xullo ten lugar a sublevación militar franquista. O día 20 de xullo, Ánxel Casal, que acababa chegar de Madrid, faise cargo da alcaldía e ponse á fronte do Comité Republicano de Santiago, mais uns días despois é detido e conducido á cadea de Santiago e brutalmente asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto.
No mes de novembro de 1936, María embarca vía Lisboa, rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Cando chega alí volve ser modista e o pouco que sabemos dela será pola familia Seoane, Maruxa e Luís… O silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.