AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

María Pita

María Pita

Mayor Fernández de Cámara Pita, nada en Sigrás contra 1560 e finada no mesmo lugar en 1643.

Era filla de Simón Arnao e María Pita “a vella”, donos dunha tenda na Peixaría, na que ela traballou.

En maio de 1589 a cidade foi cercada por unha flota inglesa que se dirixía a Lisboa. Tras desembarcar na praia de Santa María de Oza e arrasar a Peixaría, os asaltantes intentaron a conquista da Cidade Vella e na súa defensa participarían tanto militares como civís. Segundo as crónicas da época, cando os ingleses estaban a punto de penetrar na cidade pola zona da Porta de Aires,matan o marido de María Pita, quen, chea de rabia, e acendendo aos defensores co berro de “Quen teña honra, que me siga” arrebata a lanza da bandeira inglesa e, con ela, mata o alférez que dirixía o asalto. Era o irmán do Almirante Francis Drake. Isto desmoralizou a tropa inglesa, composta por 12.000 efectivos e provocou a súa retirada.

Unha vez rematada a batalla, axudou a recoller os cadáveres e a coidar dos feridos.

Simboliza a todo un colectivo de mulleres que participaron de forma moi activa na defensa da cidade.

A razón pola que o seu caso chegou a alcanzar notoriedade pública posiblemente teña que ver cos diversos memoriais presentados por María Pita ante os Consellos reais solicitando algunha recompensa polos seus servizos. De feito, ela mesma chegou a viaxar á corte en dúas ocasións, en 1596 e 1606, e como resultado obtería diversas mercés reais.

Casou e enviuvou 4 veces, sendo nai de 3 fillos. Sábese que tivo que facer fronte a numerosos conflitos ao longo da súa vida, o que explica que chegasen até nós un total de 35 procesos xudiciais referidos a ela e á súa familia inmediata e por todo tipo de asuntos: demandas de bens, cobro de débedas, querelas por inxurias e até unha acusación de asasinato que provocaría o seu desterro da cidade en 1596.

Todos estes litixios serviron para forxar unha imaxe da heroína como muller preiteante e aguerrida.

Na súa partida de defunción consta que fixera testamento e que nel ordenaba que a enterrasen no convento de San Domingos da Coruña, onde tamén se encontraban os restos do último dos seus esposos, mais até hoxe aínda non puido ser localizada a súa sepultura.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Juana Capdevielle
Represaliadas

Juana Capdevielle

No lugar onde medran as silveiras e discorre a auga pola estrada houbo antes un suco de sangue inzando de nomes as cunetas: A cuneta

Ler máis »
Esther Casares
Represaliadas

Esther Casares Quiroga

María Casares deixou escrito que a súa irmá foi o paradigma da persecución inxusta. Esther Casares Quiroga nunca foi procesada, nin expedientada, nin se lle

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies