A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Galegas en Cuba: Hijas de Galicia

A chegada máis ou menos masiva de mulleres galegas a Cuba produciuse sobre todo a partir da proclamación da República de Cuba no 1902. A burguesía que se empezou a desenvolver naqueles primeiros anos da independencia da illa, comezou a demandar, como signo de ostentación, un servizo doméstico branco: serventas, cociñeiras, amas de cría e coidadoras de nenos. Tamén a industria tabaqueira precisou dos seus servizos. Os galegos foron un dos grupos –de entre todos os do estado español– que tiveron o maior número de mulleres emigradas, e boa parte delas partiron do porto da Coruña

Así a todo, non foi ben recibida esta chegada de emigrantes femininas entre o colectivo galego, daquela moi masculinizado, e incluso causou alarma. En xullo de 1903, un cronista da revista habaneira Galicia escribía: “…la inmigración de la mujer cuyo desarrollo va adquiriendo proporciones alarmantes…”.

Palacio do Centro Galego da Habana

Esta corrente de mulleres do rural galego, que a publicista galego-cubana Mercedes Vieito, –unha das principais valedoras da defensa da integración da muller no Centro Galego– chegou a chamar en 1920 na revista Galicia as caravanas da dor, continuaron ao longo dos anos da primeira guerra mundial e nos dous anos seguintes. Tal número comezou a provocar alarma entre os propios galegos da illa e unha parte importante da colonia galega, a través da súa prensa, inicia unha campaña contra a emigración feminina. Aducían que traía consigo desarraigamento familiar, despoboamento do medio rural e prostitución (prostitución moitas veces inducida por galegos que crearon verdadeiras redes entre as aldeas galegas e a cidade da Habana). Esta campaña foi  especialmente intensa entre 1919 e 1920, o bienio chamado Dourado Cubano. A colonia española escandalizábase ante o crecente fenómeno da prostitución de numerosas serventas españolas, na súa maioría galegas. A reacción da prensa galega foi a defensa da honorabilidade das súas paisanas, pero desde un punto de vista paternalista, mantendo a idea de que o Estado español debería poñer fin á emigración das mulleres.

Este triste destino de moitas galegas que viaxaron a Cuba en busca de mellores oportunidades, xa foi testemuñado en 1925 pola feminista cubana Hortensia Lamar, quen dicía nunha conferencia:

“Outra fonte abastecedora da prostitución é a inmigración. A española que vén honrada traballar, reunir moitos cartos para mandar á súa aldea. Moitas na travesía sucumben, as demais aquí, onde as sociedades rexionais non lles dan protección ningunha. A maioría é explotada polos propios paisanos, os eternos curmáns protectores, ou o noivo que nunca falta, e que xeralmente as seduce e abandona logo, e así, de banzo en banzo vai rodando á abxecta escravitude de onde non volve saír”.

O historiador cubano,  Julio César González Pagés, autor do libro “Galegas en Cuba” (Edicións Fervenza, 2019) fala de casos como o da coruñesa de dezaoito anos, María García Martínez, obrigada a pousar para fotografías pornográficas dende os catorce anos, para terminar no mundo da prostitución da man dun proxeneta, quen a obrigou a roubar e estafar, o que a levou ao cárcere.

Profesorado da escola Concepción Arenal, 1944-45

Nas sociedades microterritorias, as chamadas sociedades de instrución que xurdiron nestas décadas sobre todo en Cuba e na Arxentina, as mulleres foron admitidas como socias –aínda que con dereitos minguados–. Tamén ocorreu noutros centros da illa,  como o Centro Gallego de Santiago de Cuba ou Juventud Gallega de Ciego de Ávila, pero na gran sociedade macroterritorial, o Centro Galego, sempre foron rexeitadas como socias e polo tanto excluídas dos seus servizos sanitarios. Hai que saber que precisamente o éxito e factor do gran crecemento do Centro Galego iniciouse cando comezou a ofertar servizos médicos e hospitalarios, primeiro a través doutros centros e logo por si mesmo coa creación de La Benéfica, o seu centro médico de referencia. Noutro tipo de servizos do Centro Galego, as mulleres tiñan un acceso condicionado, como no caso da educación. A escola Concepción Arenal, nomeada así desde 1906, ofrecía estudos gratis para os fillos dos asociados do centro, mentres que as súas fillas debían pagar 6 pesos ao ano.

O argumento dos conservadores directivos do Centro Galego era que admitir ás mulleres nas súas listas sociais levaría á ruína a esta institución debido aos gastos que suporían os partos destas.

Pacientes esperando na sala de maternidade

O longo camiño cara a súa integración tiveron que facelo tuteladas polos sectores masculinos máis progresistas da colonia galega. Neste movemento de reivindicación feminista –contemporáneo do nacente movemento feminista europeo— destacará a revista Galicia, que a partir de 1914 iniciaba a súa campaña de denuncias, sobre todo na escrita do xornalista e poeta Roberto Blanco Torres. E foi unha das entidades daquela época, a asociación Solidaridad Pontevedresa, a primeira en estender a actividade mutualista ás mulleres. Esta entidade asociouse a unha clínica para dar ese servizo sanitario a partir de 1915. Foi o xermolo da futura Hijas de Galicia, fundada o 18 de xaneiro de 1917, que chegou a ser en 1959 a máis grande sociedade mutual da illa. En 1960, cando foi intervida polo goberno revolucionario, contaba con 101.057 asociadas, case o dobre do número de socios do Centro Galego. Ata a súa creación, as mulleres galegas, en caso de enfermidade, debían recorrer ben á caridade pública ou ben a sociedades como La Balear ou La Castellana.

Papeleta de cota de asociada

Pero non todo foron rosas. Nos primeiros anos, esta sociedade exclusivamente para mulleres foi dirixida polos socios protectores, que viñan sendo os directivos e caciques do Centro Galego que impedían o seu acceso ao sanatorio La Benéfica. É por esta razón polo que o artigo 11 dos seus estatutos deixaba fóra da asistencia sanitaria ás mulleres con doenzas venéreas e psíquicas, baixo o pretexto de gardar a orde e os bos costumes entre as asociadas. O sorprendente era que unha boa parte dos homes pacientes en La Benéfica eran por enfermidades venéreas, produto do frecuente uso do comercio sexual. Sen embargo, as mulleres afectadas por estas enfermidades eran na maioría dos casos como consecuencia da transmisión por parte dos seus maridos ou parellas. Así dábanse casos como o ocorrido en 1926, cando a xunta directiva expulsaba a unha socia, natural do Saviñao, por detectárselle unha sífilis.

A preocupación pola situación das mulleres emigrantes tamén se fixo notar na Galiza territorial, especialmente grazas ás organizacións feministas de entón. Así, no número do 5 de febreiro de 1919 de A Nosa Terra ao dar conta das realizacións da “Irmandade Feminina” da Coruña (encadrada nas Irmandades da Fala) sinalábase que:

Tamén a “Irmandade” feminina acordou dirixirse ós Centros galegos das Américas para que orgaizen de maneira axeitada a proteición á muller que emigra, cousa tan necesaria e tan nobre, até chegar á creación d’unhas Bolsas de Traballo, com’as que eisisten xa en Cataluña e en todol-os povos mais adiantados d’Europa.

Carné de socia de Hijas de Galicia

O goberno revolucionario de 1933, que acabou coa ditadura de Machado, e a Constitución cubana de 1940 obrigou, a través das disposicións igualitarias, a dar voz e voto ás mulleres nas sociedades microterritoriais. Sen embargo esta integración no caso do Centro Galego, non se acadou ata 1959, co triunfo da Revolución.

Mención á constancia

Pero Hijas de Galicia converteuse nunha das institucións máis relevantes da colectividade galega en Cuba e tamén un dos centros asociativos máis importantes de toda a historia do asociacionismo galego no exterior. Ademais dos seus servizos sociais, tamén desenvolveu actividades culturais e educativas. De destacar, así mesmo, a súa relación co movemento sufraxista cubano. No Segundo Congreso Nacional de Mulleres, en abril de 1925, inaugurado e clausurado no Teatro Nacional, no palacio do Centro Galego, interveu a galega Filo Vidal, de Hijas de Galicia, para defender a necesidade de axudar ás mulleres emigrantes sen distinción da súa orixe nacional ou rexional.

Anuncio do balneario na revista Cenit, de Hijas de Galicia

A partir de 1939, trala inauguración do seu balneario no barrio de Miramar, Hijas de Galicia converteuse no lugar de encontro da colectividade galega da Habana, algo que non lograra nunca o Centro Galego precisamente pola súa oposición á integración das paisanas. A lei cubana de nacionalización do traballo de 1933 e a guerra civil no estado español, animaron a moitos emigrantes a formar familias en Cuba, contando xa co seu non retorno á península. Diminuíu deste modo a alta taxa de solteiros e creceron os grupos familiares que buscaron alternativas de lecer como o balneario social de Hijas de Galicia. A súa praia particular foi a preferida polas clases medias brancas da capital habaneira, que ao tempo que estaban excluídas dos clubs de clase alta, rexeitaban mesturarse coa poboación negra nas praias públicas.

Hospital Hijas de Galicia na actualidade (Hospital Materno Infantil 10 de Octubre)

O triunfo da Revolución, en 1959, marcou un cambio social en Cuba. A educación e a sanidade foron prioridade nacional e desenvolvéronse ata estar ao nivel das rexións desenvolvidas do planeta. Isto comportou a necesidade de nacionalizar todas as institucións sanitarias, entre elas o hospital Hijas de Galicia. Unha pequena parte da súa directiva e das socias decidiron abandonala, desconformes coa medida. Pero a meirande parte das súas integrantes permaneceron e formaron parte da nova época de Hijas de Galicia Revolucionaria, pasando a ser un hospital materno-infantil.

O hospital Hijas de Galicia fixo que o barrio habaneiro de Luyanó fora chamado Nova Galicia, porque nel estaba tamén o hospital La Benéfica, para homes da colectividade galega. Alí continúa hoxe en día o hospital,  coñecido tamén como Hospital Materno Infantil de Diez de Octubre. Desde 1984 funciona como hospital multidisciplinar e hospital docente. É unha das maternidades máis grandes do país, das que máis nacementos rexistra. Pero boa parte do seu persoal aínda é de descendencia galega.

 


 

Para “imbuírse” máis, recomendamos este precioso documental, do 2005, dirixido por Ernesto Daranas e Natasha Vazquez (As Vídeo Cuba). Dúas galegas, a máis vella e a máis nova das millares que aínda vivían en Cuba a principios deste milenio. Historias que forman parte dunha maior, a da emigración tanto de Galiza cara Cuba, como de Cuba cara o mundo, que van do típico ao extraordinario, pero que non deixan indiferente. Adela, unha das protagonistas, finou na Habana no 2006, dous anos despois de cumprir o soño de regresar a Galiza.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Maruxa Seoane
Pioneiras

Maruxa Seoane

Mª Elvira Fernández López nace o 24 de xaneiro de 1912 no número 145 da rúa Santo André. Coñece de nena quen sería o seu

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies