A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Medina A Coruña

Medina A Coruña

Este equipo feminino foi quen de gañar en dúas ocasións a máxima competición do baloncesto español e unha vez a competición de Copa. En 1961 venceu no Campionato de España, daquela empregábase ese nome e disputábase unha final, e na campaña 1965-66 logrou o campionato de Liga. Os dous triunfos foron diante do Creff madrileño, que sempre foi o seu gran rival en toda a década dos sesenta. Eses dous títulos permitiron ao Medina participar na Copa de Europa en dúas ocasións. É o primeiro conxunto galego dun deporte colectivo, incluíndo os masculinos, que xogou competicións no Vello Continente. Na súa primeira participación contenderon nun triangular diante de rivais alcanzables e lograron superar ao Sport Lubango e Benfica de Angola, que representaba a Portugal, e ao Casablanca de Marrocos. Naqueles tempos a diferenza física con conxuntos da elite era enorme e as coruñesas xa non puideron facer nada ante as súas seguintes adversarias, que eran profesionais. Caeron en 1961 ante o Radnicki de Belgrado e anos máis tarde fronte ao Recoaro italiano, coas que xogaron despois de vencer na primeira eliminatoria ao Sport Lubango e Benfica angolano.

Medina A CoruñaNo ano 1961, as herculinas dobregaron ao Creff madrileño na final de Copa, que se xogou en Donostia, por 27-22 .

Nas campañas 1966-67, 68-69 e 69-70 acadaron o subcampionato ligueiro, uns títulos que foron parar ao palmarés do Creff de Madrid.

O técnico que dirixiu a escuadra coruñesa nesa época de éxitos foi Manuel Fernández Trigo, un home do deporte abondo coñecido que exerceu de xornalista e foi xerente do Real Madrid.

Catro xogadoras do Medina vestiron a camisola da selección española. Marita Millán foi internacional en cinco ocasións, Mercedes Gómez de Frutos xogou catro partidos, a súa irma Maribel participou en dous e Rosa Espejo puido disputar un encontro. Sendo un equipo cun brillante historial na década dos sesenta, chama a atención o baixo número de convocatorias das baloncestistas, especialmente no caso de Maribel Gómez de Frutos, a grande estrela do Medina, posto que a súa habelencia ofensiva fixo que chegase a ser máxima anotadora da Liga.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies