A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

O oficio de coser

Costureiras-Arquivo-Vidal

Que ben fixeron teus pais en facerte costureira,
cando chove non te mollas,
cando vai sol non te queimas.

Tense xa desde moi antigo constancia do traballo de coser feito por mulleres a cambio dun salario. As costureiras ou modistas, aínda que as máis das veces estas dúas maneiras de chamar ao oficio de coser non son sinónimas porque nomean traballos algo diferentes, aprendían sendo moi novas o oficio doutra muller máis experta. Alí no taller de costura, na Coruña chamados comunmente costuras, un grupo de mozas aprendía das oficialas e da mestra o básico do oficio. En moitas ocasións, estas aprendizas nin cobraban nin pagaban polo seu traballo, a cambio dos traballos máis sinxelos que eran capaces de facer a dona do taller aprendíalles a elas o básico do oficio, aínda que isto non sempre foi así. Nun documento antigo recóllese este contrato entre Francisco de Salgueiros, de oficio barbeiro e María Fernández, costureira, os dous veciños de Santiago, acordan por medio de escritura pública con data de 5 de marzo de 1544 que María lle ensinará o oficio de costureira no término de dous anos e medio a unha filla de Francisco sustentándoa na súa propia casa pero quedando a cargo do pai a vestimenta e calzado quen “pagaría diez y ocho reales de plata á la María Fernández por razón de trabajo en avezar a la dicha moza en el oficio de costurera”.

Factura cosido bandeira
Factura do material para o bordado da bandeira galega encargada pola ING

Nos talleres de costura as mozas sentaban e alí ían aprendendo e realizando todo tipo de traballos, petos, bastillas e cando ían adquirindo experiencia, ollais, sisas e xa logo de adquirir os coñecementos para ser oficialas podían facer prendas completas ou incluso cortar xa as teas polos patróns. Os talleres eran lugares de traballo mais tamén de risas e confidencias. Mundos en feminino e espazos para aprender novos saberes e tamén para xuntas mirar o mundo compartindo unha interpretación do social e do político moi avanzada. Sábese que moitos xastres eran persoas moi comprometidas co progreso e cos valores cívicos do que no seu momento significou a República Española o mesmo se pode dicir das costureiras e modistas. Poderiamos falar de María Miramontes que comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro de costura na Coruña, e onde inicia a súa formación como modista e as súas puntadas e o seu traballo foron o sustento económico de moitos proxectos editoriais (“María teceu con NÓS o traxe para vestir Galiza”), das Escolas de Ensiño Galego…. Ese compromiso co progreso e o galeguismo non só o vemos en María, semella que estaba moi presente nesta profesión como podemos ver nesas mozas que traballaban, nos anos 30, para o “Almacén de géneros extranjeros” de Vigo e que cando a Irmandade Nazonalista Galega (ING) encarga unha bandeira galega elas non cobran polo traballo.

Anuncio Singer
Primeiro anuncio en lingua galega: máquina de coser Singer. “O Tío Marcos da Portela”, 5 novembro 1876

Se querías facer disto o teu oficio podías quedar como oficiala nese taller de costura, aínda que na maior parte das veces este oficio realizábase traballando polas casas, xa que daquela moitas tiñan un cuarto de costura. Se ías traballar así era ben poder contar cunha máquina de coser. Xa en 1876, no semanario O Tío Marcos d’a Portela, aparecía un anuncio en galego (é o primeiro anuncio en lingua galega na prensa escrita que se coñece) falando da máquina de coser Singer e ofertando grandes descontos na venda ao contado. E será así coa a máquina de coser á cabeza e cargando tamén cos fíos, tesoiras, cinta para medir, agullas, alfinetes, dedais… como as costureiras percorrían vilas e cidades até as casas onde cosían. Ás veces as casas, as máis podentes, tiñan elas máquinas de coser e entón o desprazamento, as máis das veces a pé, era algo máis doado. Non debemos esquecer tamén que todo o coñecemento adquirido era un grande valor engadido dentro da propia casa pois os seus coñecementos supoñen unha fonte de aforro familiar. A roupa dura máis porque se pode zurcir, remendar, darlle a volta aos puños, subir ou baixar a unha prenda, amañar dos máis grandes para os máis pequenos, refacer roupa vella…

Neste traballo polas casas, mais tamén no realizado nos talleres, era bastante común o de deixar a deber o que ocasionaba grandes perdas ás modistas e costureiras. É fácil atopar novas sobre traballos non pagados na prensa…

“Cuando la joven costurera Luisa Quintana Fernández fue a reclamar 6,50 pesetas –que por lo visto le adeuda–a la vecina del segundo piso de la casa número 16 de la calle Perillana, recibió en pago del débito unas cuantas bofetadas. La policía tuvo que intervenir en el escándalo” (El Correo de Galicia 15–03–1912)

Falabamos antes de que costureira e modistas non eran sinónimos: a modista tiña maiores coñecementos e de máis calidade. En moitas ocasións tiña taller con aprendizas e tamén nas cidades existían moitas modistas que tiñan un local propio para que a clientela se achegase alí e lle axudasen a escoller modelo e lle tomasen as medidas. Acostumaban polo tanto a ter un tipo de clientela preocupada polas modas de maior poder adquisitivo… A modista tomaba as medidas, facía o corte e cosía as prendas. A dona do taller ademais de entender complexos planos, os patróns, para poder cortar acostumaban tamén a mercar figuríns, revistas ilustradas con modelos coas “últimas tendencias” da moda e con indicacións técnicas de como realizar determinados vestidos.

No que si eran iguais costureiras e modistas era en padecer uns horarios ilimitados, traballando até altas horas da noite, cando non se tiña que traballar a noite enteira para atender unha encarga.

No primeiro terzo do século XX, na cidade da Coruña, era un colectivo moi numeroso o que traballaba nos talleres de costura e nas xastrerías. Estas traballadoras denunciaron e protestaron en numerosas ocasións polos baixos salarios e as interminables xornadas. Así o contaba en portada, recollendo unha carta dunha traballadora, La Voz de Galicia (9/6/1902) baixo o titular LAS MODISTAS DE LA CORUÑA QUEJA RAZONADA.

Es una queja de carácter socialista, tan digna como cualquiera otra de ser expuesta y discutida en el periódico o en el meeting [ ]

Preguntarán Vds. qué ganamos después de tanto trabajo y de tanto desprecio. ¡Una barbaridad! El jornal mínimo es de un real diario. ¡Y hay tantas oficialas que no pasan de este tipo! El término medio es de dos y tres reales. El máximum no sube de siete reales, pero ¡ay! esto ya es una bicoca. ¡Son contadas las modistas que en La Coruña cobran este jornal!. Las que lo ganan, casi saben tanto como las maestras. [ ]

Si trabajamos horas extraordinarias, que nos las paguen. Por lo menos eso. Además, que se unifiquen las horas de entrada y salida en los talleres, tanto en invierno como en verano, porque es una ganga que estando dispuesto que salgamos al anochecer, no se nos dé licencia para marcharnos, ahora que los días son largos, hasta que Dios quiere que anochezca”

O exceso de horas de traballo era tan habitual que varias donas de talleres de costura foron multadas pola Inspección de Traballo. Así o recollía a prensa (La Voz de Galicia 22/12/1917)

“El gobernador civil, Sr. TORAL, atendiendo a la denuncia formulada por el inspector de Trabajo, ha impuesto una multa do 150 pesetas…

[ ]

… hacer que no se cometan abusos obligando a las modistas a una permanencia en los obradores fuera de las horas que fija la vigente legislación”

Moi probablemente por temor ao despido era o das modistas e costureiras un colectivo onde o asociacionismo se desenvolveu de xeito moi lento, sendo as primeiras que se asocian as xastras. Xa en maio de 1901, créase La Fraternidad, unha sociedade de resistencia do ámbito da confección. A primeira das súas loitas era para esixir o descanso dominical e o pagamento dos salarios semanalmente. Estes conflitos levaron a xastres e xastras á folga e foron aos poucos conseguindo máis dereitos. Estas vitorias animaran as modistas a intentar asociarse e así, en decembro de 1917, realizan unha reunión coa idea de crear unha sociedade que defendera os seus dereitos.

“… habiéndose tratado la situación actual de las obreras de la aguja. En medio de gran entusiasmo acordaron todas las reunidas arribar a la constitución de una Sociedad integrada por modistas, costureras y sastras, con objeto de que cesen los abusos que con éstas se vienen cometiendo, y para luchar por su mejoramiento. [ ]

Quedaron nombradas para la comisión organizadora: Angela Collado, Francisca Vázquez, Consuelo Rabuñal, Dolores Fontanes, Ramona Gómez, Isabel Vieites, Flora Rey, Josefa Pérez, Elvira Martínez, Carmen Montouto, Rosa Fernández y Juana Freire que en unión del presidente de la agrupación socialista Sr. Fernández Longueira, designado también por las reunidas para tal objeto, harán cuantos trabajos sean necesarios para la buena organización de aquellas” (La Voz de Galicia 29/12/1917)

Costureiras-Arquivo-Vidal
Costureiras. Arquivo fotográfico Vidal do Museo do Mar de Laxe

Durante a II República houbo un Sindicato de la Industria del Vestido de ideoloxía anarquista, mais logo chegou o golpe de estado fascista e todas as arelas de conseguir melloras laborais quedaron en nada.

De xeito lento, ao inicio, tamén a maio parte deses talleres de costura irán desaparecendo, xa hai moitos anos desapareceu o coser “polas casas” e logo os talleres de modistas, sendo substituídos por traballo para as fábricas realizado na casa, nun taller con ducias de empregadas ou na propia fábrica. Nos anos 50 e 60, tamén comeza a haber moitas mulleres que traballan na casa cosendo para unha fábrica que lles daba as pezas xa cortadas… Mais tamén moitas das fábricas que tiña a cidade da Coruña desapareceron é o caso de Caramelo, Pernas, Bolboreta… . Ao tempo que na década dos 60 e 70 do século pasado ían nacendo e expandíndose o que chegaría a ser 1º grupo de confección de roupa, Inditex… Mais esa é outra historia…

(Foto superior: Arquivo fotográfico Vidal, do Museo do Mar de Laxe)


O oficio de coser nos medios nos séculos pasados

Fullscreen Mode

O papel das mozas costureiras é moi tratado en cantigas e tamén na literatura. Aquí Filomena Dato (1856 -1926) escribe sobre esa moza guapa e xeitosa que o día que casa morre porque… que é o matrimonio mais que a morte?

Fullscreen Mode

Comparte esta biografía

Explorar máis

Ruth Matilda Anderson
Pioneiras

Ruth Matilda Anderson

Se pensamos en foto antiga de Galiza seguramente vénnos á cabeza a figura de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa da Hispanic Society of America que

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies