A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Williamina Fleming

Williamina Fleming

Williamina Paton Stevens Fleming, naceu en Escocia en 1857 e morreu en 1911, en Boston. Esta astrónoma traballadora no Harvard College Observatory catalogou máis de 10.000 estrelas e descubriu outras 300 estrelas variábeis, ademais de novas, nebulosas, ananas brancas e outros tipos de corpos celestes.

Mais por que nun lugar no que falamos de mulleres singulares da Coruña traemos a esta científica estadounidense de orixe escocesa?

Cando falaba da historia da súa familia, Williamina, sempre contou que o seu avó nacera na batalla da Coruña, na batalla de Elviña diriamos nós. O obituario de Williamina que apareceu no boletín mensual da Royal Astronomical Society, da que ela era membro honoraria, recolle este relato familiar: a bisavoa de Willimina, casou cun oficial dos 79th Highlanders, o capitán Walker, que prestou servizos na Guerra de Independencia de España ás ordes do tenente xeneral Sir John Moore. Acompañouno durante a guerra e na batalla de Elviña, o 16 de xaneiro de 1809, morreu o capitán Walker canda sir John Moore e varios centos de militares británicos máis. O mesmo día e no campo de batalla deu a luz a señora Walker: foi en territorio galego que naceu John Walker, o avó de Williamina.

Willamina FlemingRecén chegada a Boston, Williamina Fleming, abandonada polo seu home e cun bebé debe buscar traballo e comeza como empregada do fogar na casa de Edward Charles Pickering, un famoso profesor de astronomía, e director do Harvard College Observatory. En 1881, Pickering ofreceulle a Fleming un emprego temporal no observatorio, para facer tarefas rutineiras mais pronto pasou a ser membro permanente do persoal de investigación, maioritariamente mulleres, no que despois se bautizou como as Computadoras de Harvard, mulleres formadas das universidades femininas do entorno, un equipo que empezou a destacar moi pronto polo seu rigoroso traballo e pola súa eficacia.

O traballo máis recoñecido de Williamina Fleming é o que ten que ver coa Placa 2312, captada o 6 de febreiro de 1888 e que retrata a zona do cinto de Orión e a nebulosa de Orión. Alí, Williamina describiu “unha nebulosidade con forma de semicírculo, intensa e ben delimitada”. Estaba a falar da Nebulosa de Cabeza de Cabalo, recoñecible e famosa pola súa peculiar forma da que o telescopio espacial Hubble traeríanos imaxes moitos anos despois.

En 1899, Fleming recibiu un título de Conservadora do Arquivo de Fotografías Astronómicas en Harvard, tratándose do primeiro cargo institucional en Harvard que se concedía a unha muller e en 1906, logrou unha praza honoraria na Royal Astronomical Society de Londres, sendo a primeira muller en ser elixida, e conseguiu un premio honorario do Wellesley College.

A fenda salarial das mulleres «computadoras»

Williamina Fleming, coñecida como Mina, ademais de ser unha das mulleres que procesaba datos astronómicos no Observatorio de Harvard foi tamén a editora das publicacións do centro e estivo ao mando das mulleres novas contratadas para escrutar as placas fotográficas e facer cálculos e clasificacións, as míticas ‘computadoras’ ou ‘calculadoras’ de Harvard. Cobraban moito menos que os homes e Mina conta no seu diario unha conversa co director: «El parece pensar que ningún traballo é demasiado ou difícil para min, non importa cal sexa a responsabilidade ou cantas as horas de dedicación. Máis en canto saco o tema do salario, inmediatamente se me di que eu recibo un pagamento excelente para o que é común entre as mulleres. (…) Ás veces síntome tentada a deixalo e que probe con algunha outra, ou que algúns dos homes fagan o meu traballo, para que descubra por el mesmo o que está conseguindo de min por 1.500 dólares ao ano, comparado cos 2.500 que cobran outros asistentes».

Para saber máis:

Comparte esta biografía

Explorar máis

Sara Insúa
Pioneiras

Sara Insúa Escobar

Sara Insúa Escobar, filla do estradense Ubaldo Álvarez Insúa que emigrara a Cuba con 20 anos, sen concluír a carreira de Dereito. Foi redactor (asinaba

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies