Teresa Margarita Herrera y Pedrosa, nada na rúa da cordonería, o 10 de novembro de 1712 e finada o 22 de outubro de 1791, foi a fundadora do primeiro Hospital da Caridade da cidade.
Cando naceu, a cidade da Coruña tiña unha poboación de 12 000 habitantes e o reino estaba en plena guerra de Sucesión entre os Borbóns de Filipe V e os Austrias de Carlos de Austria.
Orfa de pai dende os catro anos, ponse a traballar moi nova para non ser unha carga para a nai, viúva con 10 fillos. Os seus irmáns van morrendo de enfermidade e a nai muda o testamento a favor de Teresa, coa condición de que coide das súas dúas irmás, especialmente de María Josefa que nacera cun atraso psicolóxico.
Entregada aos seres marxinados, dende moi nena acollía e coidaba na súa casa a mulleres enfermas e sen recursos, convertendo o seu lar nun pequeno hospital, así era chamado polos conveciños: “o hospitaliño de Deus”.
Dedicada á devoción católica e á caridade, os seus coetáneos alcumábana “Tareixa dos demos” pola súa afección a facer de xeonllos o percorrido até a igrexa de San Nicolás, onde practicaba os seus rezos diarios.
Deste xeito, concibiu a idea de fundar un Hospital da Caridade e, con esta finalidade en 1789 doou os seus bens á Congregación da Virxe das Dores. En xullo de 1791 colocouse a primeira pedra do futuro hospital, nun solemne acto ao que asistiu Teresa Herrera que, nesa altura contaba 80 anos, e que morrería uns meses despois. O hospital será inaugurado tres anos despois.
Os seus restos descansan na Igrexa de San Nicolás da cidade.
En 1876 o concello coruñés honrou a memoria desta benfeitora coa súa incorporación ao roteiro da cidade.
En 1947 creouse un espectáculo deportivo, o Trofeo Teresa Herrera, cuxos ingresos estaban destinados á beneficencia municipal.
Na actualidade o hospital materno infantil tamén leva o seu nome.