María Teresa Cristina Alvajar López nace na Coruña en agosto de 1921, no berce dunha familia republicana formada pola Irmandiña Amparo López Jean e César Alvajar, destacadas personalidades da cidade.
Asiste con seu pai aos mitins e acompaña a nai ás actividades da Agrupación Republicana Feminina: clases de piano con Mili Porta, participa nunha función de teatro no Rosalía de Castro, asiste ás excursións da Agrupación e coñece a distintas personalidades da cultura e da política do momento.
Aínda non fixera 15 anos cando sae da Coruña con súa nai cara Soria onde o pai acababa de ser nomeado Gobernador Civil. Lembra a multitudinaria despedida na estación.
Co golpe de estado, teñen que abandonar Soria e tras un período en Madrid e Valencia, están en Barcelona desde decembro de 1937 a marzo do 39. Ela lembra esta estadía como “un tempo precioso” porque coñece o ambiente intelectual da época da man da súa irmá Amparo e de Arturo Cuadrado.
Mais a situación empeora e obriga os pais a marcharen antes de que a cidade caese en mans das tropas franquistas. Ela xa non pode fuxir e ten que regresar á Coruña, despois de seis días en tren, envolta nun capote militar.
Detéñena por “roxa” e está cinco meses no cárcere, onde coincide coas presas políticas Basilisa Álvarez, Elena Suárez, Otilia Balboa, Esther Casares… fai os 18 anos na cadea.
Entra a traballar nos laboratorios Orzán para axudar na precaria situación económica que vivían.
O 14 de abril de 1940 marcha con súa irmá Ana Mª, vestidas de vermello e vixiadas pola policía.
Despois de 14 meses, reencóntrase cos pais no exilio. Tanto en Vemoutiers como en Montauban desempeña diversos oficios.
Namora dun home 18 anos máis vello ca ela co que casa en 1942, nese mesmo ano nace Margarita, ao ano seguinte nace Rafael, o segundo fillo. Ten que ir a Barcelona para solucionar unha débeda do marido e queda atrapada pola lexislación franquista, que non lle permite retornar, nin marchar a Bos Aires con Amparo porque o marido non lle asina o permiso.
É entrevistada dúas veces polo Servizo de Información militar (SIM) para lle preguntar polas actividades do pai.
Os anos en Barcelona, con dúas criaturas, son de fame, sufrimento e todo tipo de traballos, aínda así, non perde a ilusión e no curso 47-48 asiste a clases no Instituto Teatro, chegando a participar na representación de tres pezas teatrais.
No 50, regresa o seu marido e comeza o proceso de separación eclesiástica (separación de corpos). Proceso doloroso, porque perde a custodia dos fillos, longo e humillante.
No 57 trasládase a París e está en contacto co pai e con Amparo. Ten dúas fillas doutra relación.
No 60 regresa coas fillas e instálase en Girona, para poder ver os outros dous. Entra en contacto coa HOAC (Hermandad Obrera de Acción Católica) e pouco despois instálase en Madrid. A súa casa será de acollida, porque ela coñece ben o lado amargo da vida.
Deixounos testemuño escrito do que viviu:“ Galiza está chea de mártires. Aquí, non houbo guerra senón crimes, asasinatos, destrución de familias. A min quitáronme todo, a lingua, a terra. Choro e soño por Galiza”.
En 2009 foi nomeada Republicana do ano pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Morre en Madrid o 9 de xaneiro de 2016.
Para saber máis:
- Aurora Marco, 2012, Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana. Edicións Laiovento.
- Ana María Alvajar L. Jean, 2002, Soltando lastre. Memorias. Ediciós do Castro.