A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Ruth Matilda Anderson

Ruth Matilda Anderson

Se pensamos en foto antiga de Galiza seguramente vénnos á cabeza a figura de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa da Hispanic Society of America que visitou, e fotografou amplamente, a Galiza dos anos 20 do pasado século.

Ruth Matilda AndersonRuth Matilda nace en Kearney (Nebraska), nos Estados Unidos, o 8 de setembro de 1893. Era o que hoxe coñecemos como o “salvaxe oeste americano”, lugar de establecemento de emigrantes procedentes de Francia, Europa do Leste, Noruega ou Suecia, de onde era o seu pai, Alfred Theodore Anderson. Alí traballaba el como fotógrafo profesionalmente, nos tempos en que a fotografía era considerada unha nova tecnoloxía. Inicialmente estudou e graduouse como mestra, profesión que nunca chegou a exercer. Pero o exemplo do pai fixo que ao rematar os estudos universitarios se trasladara a Nova York para formarse na Clarence H. White School of Photography, onde se diplomou no 1919. Era a primeira institución nos Estados Unidos en ensinar a fotografía como forma de arte. Comezou a traballar en Nova York como decoradora de interiores, cando, por recomendación do prestixioso fotógrafo Clarence H. White, fundador da escola, foi contratada, no 1921, para traballar na Hispanic Society of America. Foi aí onde perfeccionou a súa técnica fotográfica, da man de Archer Milton Huntington, fundador da institución (que ten unha rúa co seu nome na Coruña), e onde tamén se formou como investigadora.

Entre 1923 e 1930 foi enviada en cinco ocasións a España. O resultado destas viaxes foron máis de 10.000 imaxes de persoas, lugares e costumes da España da época. Durante estas xiras non só fotografou a realidade senón que desenvolveu un verdadeiro labor de investigación, cun coidado método documental e de arquivo. Noemí Espinosa Fernández, na súa tese doutoral sobre o seu traballo, a propósito do seu método, di:

Os temas non variaban. Tratábase normalmente de cinco apartados que ían do xeral ó particular, remarcando a busca das peculiaridades de cada lugar. A cidade dividíaa en seis puntos, comezando cunha introdución histórica que definía o lugar e aos seus habitantes. As visitas xerais do lugar concretábanse con instantáneas de edificios e monumentos e, unha vez creado o marco xeográfico e histórico, chegaban as escenas populares con exemplos específicos sobre o traxe, o seu interese prioritario, pero tamén os obxectos e utensilios enmarcados na vida doméstica e no traballo cotiá.

Ruth Matilda Anderson e o seu pai, Alfred T. Anderson
Ruth Matilda Anderson e o seu pai, Alfred T. Anderson

Polo seu carácter empático, e polas súas orixes e educación na infancia, sabía relacionarse con todo tipo de persoas, o que resultou moi valioso para o seu traballo de campo. Non censuraba nin valoraba os costumes senón que se limitaba a rexistralos de forma imparcial.

Na visión que Anderson obtivo do ámbito rural tivo moito que ver a influencia da muller galega. Elas eran informantes privilexiadas, xa que a maior parte do seu traballo investigador e fotográfico se desenvolveu nas pequenas localidades, e nelas destacaba a figura feminina. Fuxiu dos escenarios comúns e buscou a personalidade do pobo galego a través das xentes do campo e do mar e nos oficios urbanos artesanais, na liña establecida pola Hispanic Society que tiña como obxectivo a plasmación do que había de xenuíno e verdadeiro no pobo e nas terras de Galiza.

Nas dúas expedicións galegas tomou máis de cinco mil duascentas fotografías. Chegou a Galiza, polo porto de Vigo, por vez primeira o 7 de agosto de 1924, acompañada do seu pai, Alfred T. Anderson. Estiveron percorrendo toda a xeografía galega ata o 28 de agosto de 1925. Na Coruña estiveron do 12 ao 19 de novembro de 1924, e do 25 de novembro ao 1 de decembro.

Conta Ruth Matilda que o seu pai foi de grande axuda nesta viaxe:

A súa aparencia académica e modais cortesáns non só axudaron a abrir portas, senón que, malia o seu limitado dominio do español, ía a tendas para comprar pequenos luxos para min, como mel ou marmelada que non estaban dispoñíbeis nos hoteis.

A segunda viaxe realizouna do 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926, nesta ocasión acompañada de Frances Spalding, outra fotógrafa da Hispanic Society. Estiveron na Coruña do 8 ao 24 de decembro de 1925, do 6 ao 10 de xaneiro de 1926 e do 21 ao 27 de xaneiro de 1926.

Ruth Matilda destacaba pola súa esixencia no traballo, tanto consigo mesma como coas persoas que colaboraban con ela. Non era amiga de comodidades e diso puido dar conta o seu pai cando ela insistía en traballar mesmo os domingos e festas. Contan que unha vez a súa compañeira de viaxe, Frances Spalding, non se atopaba ben, e Ruth díxolle que “primeiro rematamos isto e logo xa te podes poñer enferma”.

Libro Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña
Detalle do libro “Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña”

Traballou sempre para a Hispanic Society. Ademais das viaxes a España, fixo xiras de traballo por Portugal, Marrocos e Brasil. Desde 1954 traballou na institución como conservadora de traxes, posto que ocupou ata a súa xubilación.

Morreu o 20 de maio de 1983 en Nova York e os seus restos descansan no cemiterio da súa cidade natal.

Os seus primeiros traballos apareceron primeiro en folletos como Jet in the Collection of the Hispanic Society of America (1930) ou Earthenware from Spanish Galicia (1931). Pero a súa obra máis importante foi o libro Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939). Ademais de fotografías, nel recolle as súas vivencias durante a viaxe, como moitas anécdotas e anotacións sobre o que lles ía ocorrendo. Curiosamente, este libro aínda é posíbel adquirilo (a súa primeira edición) na Hispanic Society of America, mesmo de forma online.

As súas impresións da Coruña

Neste libro –Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña– fai un relato da súa primeira estadía na cidade da Coruña, en novembro de 1924.

O Cantón da Coruña
Vista do Cantón desde o hotel Palace

Chegaron nesa ocasión á cidade en autobús desde Compostela. Unha viaxe que lles resultou incómoda, con mareos producidos pola forma de condución do chofer. Conta ela que parecía deleitarse acelerando xusto ao entrar nas peores curvas. Non esquecerá as de Herves. Aloxáronse no Palace Hotel, que define como moi luxoso, con lavabos de porcelana e auga corrente. O seu cuarto daba ao Cantón e podían ver os xardíns de Méndez Núñez. Xusto enfronte da súa galería, segue contando, había un reloxo –o Obelisco– que levaba o nome dun estadista galego: Linares Rivas.

Di que xantaron nun comedor que daba á rúa Real. Alí preguntaron ao camareiro quen era un grupo de rapazas moi elegantemente vestidas que pasaban nese momento pola rúa:

– O noso orgullo e alegría, as costureiras! –dixo el.
– Van moi ben vestidas pero, por que non usan sombreiros?
– Sombreiros? Elas non son “señoritas”, por iso non os usan. E tampouco son exactamente artesás, e por iso non levan panos na cabeza. Elas son as “aristócratas” das artesás! A Coruña –engadiu con orgullo– é famosa pola elegancia das súas mulleres.
E entón, mentres nos servía a pescada, recitounos este pareado:
– O ceo da Coruña / está cuberto de azul;/ por iso as coruñesas / teñen o sal de Xesús.

Vendedora de queixos no mercado. A Coruña
Vendedora de queixo no mercado da Coruña

O mesmo camareiro ofreceulles como sobremesa queixo Edam ou Gruyére pero Ruth e o seu pai insistiron en probar queixo do país. Encantoulle: descríbeo como branco, cremoso, suave e cunha acidez refrescante. Di que era redondo e aguzado. O camareiro díxolles que se chamaba queixo de tetilla ou de teta. Ruth tivo a lixeira sospeita, segundo escribe, que o camareiro pronunciou ese nome cun punto de malicia para probar a súa suposta prudencia nórdica (o seu pai era sueco de nacemento).

Dedica bastantes liñas a dona Emilia Pardo Bazán. Visitou a súa casa na Cidade Vella e tamén a escultura de Lorenzo Coullaut Varela nos xardíns. Dela di que é probabelmente a mellor novelista da España do século XIX.

Castañeiras no mercado da Coruña
Castañeiras no mercado da Coruña

Na súa visita ao mercado, na zona de Santo Agostiño, describe o ambiente bulicioso. Da broa di que ten unha codia marrón agretada, pero cun interior amarelo-verdoso, húmido e sólido como unha papa fría, e cun estraño sabor a xamón. Dos postos de carne supón que, como non había xeo para conservala, os animais serían sacrificados e vendidos frescos cada mañá.

Aia
Aia nos xardíns de Méndez Núñez

Fotografa e describe a moitas figuras da cidade: vendedoras de leite, de pan, de produtos da horta, pescadores, aias, amas de cría, castañeiros (conta que as asaban en máquinas en forma de locomotora) vendedores de churros, varredores, bombeiros, vendedores de limoada (di que máis ben era auga cun pouco de zume de limón “para matar os xermes”), soldados, oficiais, policías (describe a militares e policías como homes esveltos e con uniformes atractivos). As funcións dos policías municipais eran, segundo conta, entregar notas oficiais, distribuír invitacións do concello, recadar impostos, confiscar pan dos malos panadeiros, comprobar as medidas exactas dos pesos dos vendedores, recoller cans abandonados… E pola noite o seu único traballo era inspeccionar as luces das rúas.

Lancha a Santa Cruz
Bote a motor cara a Santa Cruz

No sábado soben ao parque de Santa Margarida, onde se celebra un mercado de porcos. Foi o máis próximo ao ambiente rural que atoparon na Coruña. Tamén visitaron o matadoiro, daquela aínda na zona do Orzán. Chamoulles a atención os centos de metros de tripa alí estendidos. Unha nena, que estaba limpando esas tripas, lembroulles que o día anterior fora o día de San Martiño, fatal para os porcos, e explicoulles o refrán “a todo porco chégalle o seu San Martiño”.

Tiveron unha boa relación co bibliotecario da Real Academia Galega, que lles mostrou algunhas das obras de arte por el conservadas.

Vendedor de auga. A Coruña
Vendedor de auga na Coruña
Leiteira
Leiteira na Coruña

Curioso é o relato que fai sobre a igrexa de San Francisco. O bibliotecario díxolles que esta igrexa gótica debía ser ben interesante, pero que nunca tivera a oportunidade de vela porque o seu dono era “unha besta salvaxe” que a gardaba para si mesmo e non deixaba visitala. Isto supuxo un reto para Ruth Matilda e o seu pai, que, ante a súa sorpresa, lograron que o propietario llela mostrara sen ningún problema. O teito da nave non existía, o piso estaba cheo de maleza e as capelas cubertas de táboas e cascallo. Coa desamortización de 1836 os freires foron expulsados e a igrexa servira como cárcere ata que unha tormenta no 1879 derruíu o teito sobre os prisioneiros que durmían. Despois foi comprada ao goberno polo pai do actual propietario e alugoulla á Garda Civil. Foi nese tempo cando se baleiraron os nichos porque as esposas dos gardas tiñan medo de que os mortos se levantaran. Co tempo a Garda Civil mudou para outros espazos e o mosteiro levaba xa case 30 anos abandonado. O bibliotecario quedou sorprendido do éxito que tiveron co dono da igrexa que, con razón, tiña sona de besta: cando nunha ocasión lle pediron que doara ao museo da cidade un sarcófago que se sabía que existía na igrexa, o home destruíuno antes de entregarllo.

Tamén o seu pai, Alfred Theodore Anderson, deixou escritas nas súas cartas e diarios algunhas impresións da súa estadía na Coruña. Dela dixo que aquí estaban comendo os mellores xantares do mundo. Ao chegar a Muxía, logo da súa estancia na Coruña, dixo que a comida era bastante diferente, pero que “non sería bo que tivésemos tantas cousas ricas para comer como na Coruña, engordaríamos moito e daríanos preguiza traballar”.

Para saber máis

Comparte esta biografía

Explorar máis

Luísa Villalta
Pioneiras

Luísa Villalta

Luísa Villalta Gómez nace na Coruña no ano 1957, estuda na USC, onde se licencia en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Era tamén titulada superior en violín,

Ler máis »
María Antonia Dans
Pioneiras

María Antonia Dans

A historia artística de María Antonia Dans é a historia da nena da aldea que se vai alonxando dela cando vai crecendo, nun movemento de

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies