ROTEIROS
Non ano 2026, cando se cumpriu o 90 aniversario do Golpe de Estado de 1936, a Coruña volveu camiñar pola súa historia máis silenciada. O pasado sábado 7 de marzo, partindo do Campo da Leña, percorremos a cidade para homenaxear ás mulleres que viron as súas vidas e liberdades truncadas pola barbarie franquista.
Acompañadas pola música de Non fagas ruído e as Cantareiras Revolteiras, visitamos lugares clave como a Praza das Atochas ou a traseira do Teatro Rosalía. Recordamos o valor de figuras como as Mapoulas libertarias, as mestras represaliadas e as Mulleres Muro, que fixeron do seu corpo un parapeto fronte ao cárcere. Con este vídeo e a descarga do noso Xornal A Coruña das Mulleres, convidámosvos a recuperar este relato colectivo. Porque a historia da Coruña non se entende sen a rebeldía das súas mulleres.
O sábado 14 de novembro de 2020 por segundo ano organizamos un roteiro polos espazos da cidade para axudar a coñecer e valorar figuras femininas fundamentais na historia da Ciencia, da literatura, da pedagoxía… mais tamén figuras pioneiras en calquera ámbito, mulleres que abriron camiños para outras que viñan detrás.
Desde o Obelisco e até a praza de María Pita foi unha festa da palabra e da igualdade. Música, danza contemporánea, percusión e representacións teatrais para axudar a visibilizar historias moi agochadas.
Esta actividade foi realizada ao abeiro do fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Aquí podedes visualizar o vídeo resumo e ver ou descargar o libro que publicamos para a ocasión.
Fullscreen Mode
Seguir camiños que outras abriron para nós mais tamén abrir camiños novos para por eles andar con paso firme é o que nos move o que nos fai cada día estar alí onde hai que estar, sen escusas, con outras compañeiras buscando novas vías.
E por esta razón, o sábado día 9 de marzo de 2019 quixemos desde ACAB darlles voz e amosar doce historias feitas de retrincos e de mesturas… e fixémolo coa forza poderosa da sororidade e solidariedade entre mulleres, por iso escollemos nove mulleres singulares do presente para lembrar as pegadas do pasado. E así pensamos este roteiro para homenaxear a unha ducia de mulleres singulares nos lugares que elas habitaron.
Fullscreen Mode
