Rosalía de Castro nace en Compostela o 24 de febreiro de 1837, e fina na Casa da Matanza, o 15 de xullo de 1885.
No Liceo de la Juventud, en Compostela, destaca como alumna, aprende a tocar a guitarra española, a inglesa, a arpa, a frauta e o harmonio. Debuxa, le en francés, canta, practica a Declamación. Participa, con moito éxito en varias pezas de teatro.
Viaxa a Madrid, soa, en abril de 1856. A súa idea debía ser dar o salto á práctica profesional, for no teatro ou na escrita literaria. Leva 1 libro, La flor, que publicará un ano despois.
Coñece a Manuel Murguía e casan en Madrid, ela con 21 anos e el con 25.
A súa primeira estadía na Coruña, será en 1859, por un período de 3 meses nos que Murguía levará a dirección do “Diario de La Coruña”. A cidade debeulle gustar porque, nunha visita posterior escribirá a Murguía (8 decembro 1861) estas palabras: “En Santiago vai un frío arrepiante e apareceu aos meus ollos tal cal o describín en Mauro. Xamais vin tanta soidade, tanta tristeza, un ceo máis pálido. En troques, A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por ficar xa nela”
De 1871 a 1874 após Manuel Murguía ser nomeado director do Arquivo Xeral do Reino, a familia instálase, outra vez na Coruña, no número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla. En 1873, no seu segundo piso vén ao mundo a quinta filla do casal, Amara.
O matrimonio ten 7 fillos. Entre 1859, nacemento de Alejandra e 1868, o de Aurea, a segunda filla transcorren case 10 anos, os de maior actividade pública de Rosalía .
Como escritora foi quen de cultivar todos os xéneros, poesía, teatro, novela, ensaio, manifesto, conto ou artigo xornalístico. Mais, parece que o seu propósito era ser escritora de novelas, que sempre asinou como R C.
Desde sempre, tivo as ideas claras, como se demostra en Lieders (1858), considerado o primeiro manifesto feminista: “Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento… pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual á miña feitura , e que a súa carne é igual á miña carne. Eu son libre. Nada pode deter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”. Ten 21 anos e un proxecto vital. Ao ano seguinte publica a súa primeira novela, La hija del mar.
Participa no Álbum de la Caridad (1862) sendo a única escritora con poemas en galego .
En 1863 publica Cantares Gallegos, primeiro libro escrito integramente en galego que marca o inicio do Rexurdimento .
Ten 26 anos, e de aí en diante segue publicando, meténdose nun desafío tras outro, facendo crónicas das súas observacións da actualidade que provocan airadas protestas e grandes polémicas; sen acomodarse nin repetirse…non foi allea a nada que a rodease. Así, e a modo de exemplo en 1866 publica Las Literatas texto no que partindo de reflexións feitas a partir da experiencia propia, explica as difíciles circunstancias que padecen as mulleres escritoras, as “literatas”, sometidas a constantes incomprensións, burlas e menosprezos, nun mundo de escritores.
Para saber máis:
Folleto Rosalía de Castro editado polo Concello da Coruña no ano 2010. Texto de Diego Pardo Amado.
Fullscreen Mode