A primeira directora dunha radio en España foi unha coruñesa, Rafaela Hervada, Palela. Cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, sendo a primeira muller licenciada en Dereito na cidade da Coruña. Ela non se sentía especialmente atraía pola radio mais seu pai, Francisco Hervada, creara en 1934 Radio Coruña, a primeira emisora que funcionou na cidade, e a Rafaela tocáballe axudar a seu pai. Contaba Rafaela que un representante de Marconi chegou en 1932 á Coruña coa intención de montar unha emisora e cando seu pai o soubo interesoulle inmediatamente o negociou e así dous anos despois –o 15 de marzo de 1934– comezaba a emitir Radio Coruña, “Aquí EAJ41, Radio Coruña” e a primeira voz era tamén doutra muller, Nieves Navarro.
Eran aqueles primeiros anos da posguerra, anos duros e escuros nos que se lles obrigou a clausurar a emisora preto dun ano para que tivesen vía libre ás transmisións nazis, “con non sei que escusa, pero en realidade para deixar a frecuencia libre para a emisora espía que os nazis tiñan nuns camións no monte de Santa Margarita”. Eran anos tamén da conexión obrigatoria co “parte” de Radio Nacional e da esixencia de ter que pasar todos os guións a censura. Para a súa emisión “non podiamos publicar, nin sequera a publicidade, sen antes levarlle cada mañá a Serrano Castela todos os papeis”.
Rafaela Hervada fíxose cargo da dirección ao morrer o fundador, en 1964, tiña entón 47 anos. Uns anos antes, en 1949, Radio Coruña asociouse á Cadena SER: “ía ás asembleas da Cadea Ser, en Madrid, e era a única muller entre aqueles señores”.
Con ela, Radio Coruña, que viña de emitir escasas horas pola tarde e a partir das dez da noite ata as 12, empezou a emitir as 24 horas e en frecuencia modulada. A ela se lle debe tamén a aposta da radio polos informativos, e as licenzas para emitir por FM os 40 principais.
Morreu na Coruña o 26 de febreiro de 2010.