Purificación González Varela é un dos referentes máis nidios daquela xeración de galegas que, a finais do século XIX e primeiras décadas do XX, baixo unha delicada sensibilidade, asumiron os valores da nosa cultura, nomeadamente a música, a poesía e, mesmo, a reivindicación patriótica, coma vieiro de presenza activa e de culto ás virtudes propias que agromaban publicamente no tempo do “rexurdimento” nacional a manifestáranse nas artes, na escrita e tamén no principio político que habería afluír no movemento das Irmandades e nos ilustres anceios dun pródromo soberanismo na década dos anos trinta.
Nacera na Coruña o 22 de setembro de 1874, sendo os seus pais Patrocinio Varela e Secundino Gonzalez Valdés de quen se di que, comerciante en Cuba, nas súas frecuentes viaxes a Galiza por motivos de traballo, era facultado polos galegos emigrados para achegar os diñeiros recadados, entre eles, para o sostemento de Rosalía, coñecedores das dificultades económicas polas que estaba a pasar.
Tivo a súa primeira aproximación ó mundo da música da man do gran mestre coruñés Canuto Berea de quen recibiu a preparación adecuada para o seu ingreso na Escola Nacional de Música e Declamación de Madrid na que acadou os primeiros premios en piano e harmonía e notas de sobresaínte en case todas as materias, conseguindo, máis tarde, en 1899, por oposición, a cátedra de Música e Canto na Escola Normal da Coruña, onde desenvolveu a súa traxectoria profesional durante catro décadas adquirindo, desde este posto de traballo, un grande recoñecemento e a ponderación unánime do seu labor tanto docente coma persoal e de estudo da música galega e divulgación da mesma. Múltiples concertos no teatro Principal coruñés, en Santiago e en diversos locais, como o Círculo de Artesáns, da que foi nomeada Socio de Mérito precisamente polo seu dispor desinteresado a dar recitais naquela sociedade, que era entón, centro da vida culta, artística e política da Coruña e veladas no seu propio domicilio, executando a esencia musical de Galiza, coa asistencia do grande número de amigos con que contaba a familia, entre eles o sempre relembrado Alfonso R. Castelao, adoitado visitante do seu fogar e entrañable compañeiro de angueiras e traballo político do seu home, o poeta, dramaturgo e divulgador insigne do idioma, Manuel Lugris Freire con quen casara en 1902 e co que formou unha ampla familia de cinco fillos máis outra da primeira muller, entre eles o gran pintor Urbano Lugris. Así pois a atmosfera do fogar era unha constante predisposición para calquera mostra literaria, musical e artística, da que Pura, que era o seu hipocorístico familiar, non fose a lideresa fecunda e grata para todos os que escoitaban as súas interpretacións no seu harmonio que en tempos fora de Pascual Veiga e no que se compuxeran as primeiras notas do noso himno nacional. Por certo, harmonio que pasou logo á igrexa da Colexiata de Santa María do Campo na Cidade Vella e que contaba, en certos días de festa maior, coas mans finas e sensibles, de Purificación como meirande honra daquelas solemnes ocasións.
Pero non só a música foi obxecto do seu amor á Terra e á cultura. Viña de vea familiar xa este ambiente, da man do seu irmán Urbano González Varela, prematuramente desaparecido; magnífico pintor, redactor artístico de “La Voz de Galicia” e profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios da Coruña, que tivera unha ampla formación en Nova York e noutras cidades europeas, e que promovera a fundación da Asociación da Prensa da Coruña da que sería o seu primeiro presidente. Así tamén, Purificación, foi nomeada en 1.907 membro correspondente da Academia Galega, feito case insólito naquel tempo. E tamén habemos salientar o seu devoto aloumiño e afago pola cultura portuguesa en todas as ordes. Casada súa filla Pura no país luso, viaxara en diversas ocasións ó norte do país, onde a visitaba no seu veraneo na localidade de Caminha. Alí trabou certa amizade con intelectuais de Portugal, nomeadamente con Teixeira de Pascoaes e con outros integrantes do Instituto do Minho, entidade que trataba, entre outros obxectivos, dunha aproximación a Galiza e a súa cultura,
En numerosas ocasións acompañou o seu marido, tanto no seu cargo de presidente da Academia Galega, na inauguración do monumento a Curros, no xardín de Méndez Núñez xunto co presidente da República Alcalá Zamora e o alcalde coruñés Suárez Ferrín, así como na votación do Estatuto de Autonomía, días antes do estalido da guerra civil en xullo de 1936. Acontecemento que sumiu a familia na máis fonda depresión e na meirande tristeza e desasosego que levara ó seu home a pedirlle que non tocara ó piano a “Negra Sombra” o que o afundía, aínda máis, na infelicidade e no abatemento. Xa que logo, con dous fillos en distintos bandos, Urbano recrutado no exército sublevado e Secundino, que traballaba en Madrid, incorporado ás fileiras republicanas. A enfermidade do marido, a incerteza polas posibles represalias, os problemas de supervivencia económica, etc. Alí na rúa de San Andrés, consumía o tempo afastada de todos: familia, amigos, aquela Coruña culta e ilustrada, agora que estaba ocluída pola barbarie e polo medo. Só a visita de D. Ramón Otero Pedrayo, días antes do falecemento de Manuel, levara un bafo de aire fresco a aquel cavorco de coita, mágoa e inmensa tristura.
Pura faleceu o 30 de xaneiro de 1958, conservando até o derradeiro día o seu perfecto acento nas melodías da Nosa Terra que decote levou sempre gravadas no seu doce corazón coruñés co que cativar todas as simpatías e todos os afectos.
(Este texto foi escrito polo seu neto Manuel Lugrís)
Fotos do arquivo familiar