A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

As 400 peixeiras de Montouto e Garás: “Quen vai comer sardiñas agora na Coruña?”

Garás

No día 21 de decembro de 1902 un grupo de mulleres peixeiras no porto da Coruña diríxese decidido cara ao antigo concello da Coruña[1]. Levan présa, falan entre elas con moita preocupación por mor do anuncio que lles acaba de facer a empresa de consumos[2] do porto de que vai instalar básculas para pesar o peixe, isto é, un imposto de peso que as vai prexudicar gravemente. Entenden que se o aforan no momento de o sacaren ten auga e o peso é superior, de modo que terían de pagar moito máis. Agardan na alcaldía e deseguido son recibidas polo rexedor municipal da Coruña, Sr. Martínez Fontenla[3]. Elas explícanlle a medida e as súas razóns para se oporen a tal proposta, segundo conta o diario El Noroeste (21/12/1902); solicítanlle que a impida coa finalidade de “evitar desgustos”. O alcalde Fontenla, despois de as escoitar atentamente, coméntalles que pouco pode facer, xa que é unha competencia exclusiva do arrendatario. Porén, as mulleres non fican caladas nin se conforman con esas palabras e conseguen do alcalde o compromiso de facer todo o posíbel por conciliar os intereses do arrendatario cos das reclamantes. 

Nunha nota de La Voz de Galicia (23/12/1902) verifícase como os medios estaban do lado da reivindicación das mulleres peixeiras cando afirman que “no desmedido afán da empresa por procurar gaño por todos os medios impórtalle ben pouco que poidan acontecer na Coruña sucesos lamentábeis”. Mesmo se acaba achegando un dato cando menos significativo ao afirmar que as peixeiras pagaban por un ollomol 1 céntimo, mais que a partir da data de 1 de xaneiro, coa nova fórmula que se quere impor, lles custará 40 céntimos. A empresa insiste e inclusive solicita ao alcalde que poña unha parella de policía municipal de forma a impedir que as peixeiras non permitan cobrar unha taxa que considera lexítima. 

Praia de Riazor - A CoruñaO certo é que elas, desde o momento en que coñeceron a noticia, non pararon de facer xestións, ficando ben clara, por tanto, a vontade e a valentía dunhas mulleres que non estaban dispostas a se renderen facilmente. Polo que se di nos medios da altura, o alcalde chegou a falar co gobernador para que actuase e uns días despois dáse conta en La Voz de Galicia (27/12/1902) dunha reunión que este mantivo cun representante da empresa, onde o tal enviado lle explica que a factoría non pode renunciar a ese dereito por mor das perdas acumuladas: prevé só cobrar unha parte da tarifa, mais, no seu desexo de colaborar, adíase a entrada en vigor até que o dono volte para poder reunirse co gobernador. Segundo a imprensa de 30 de decembro, o Sr. González Nuñez[4], que ocupaba ese posto desde o día 13 dese mesmo mes, reúnese cunha representación das mulleres peixeiras no seu gabinete e comunícalles o acordo de deixar en suspenso a resolución do arrendatario de consumos do porto até que estea de volta na cidade e poida reunirse, ao paso que tamén se compromete con elas en que vai tentar disuadilo para que desista do seu propósito. Esas mulleres abandonan o encontro do gobernador con mellor ánimo e compracidas pola entrevista.

O día 1 de xaneiro de 1903, tal e como se acordara entre o representante da empresa e o gobernador, as básculas non foron colocadas nos peiraos. Mais o problema non estaba resolto e, por tanto, había que continuar na loita para o acordo ser definitivo. Non ía ser tarefa fácil, xa que a empresa legalmente podía levar a a cabo esas medidas, cuxa xustificación principal eran as perdas económicas que tiña, tal e como fora expresado ao Sr. González Núñez. Mais en fronte había un grupo de 400 mulleres disposto a continuar a loitar por algo que elas consideraban inxusto e inxustificado. En 28 de xaneiro hai pleno municipal e nun dos turnos de palabra prodúcese unha dura confrontación entre o concelleiro Sr. Correal e o novo alcalde, Sr. Argudín Bolívar[5]; o concelleiro, na súa intervención, “trona contra a nova tarifa, xa que a considera elevadísima e difícil de soportar, o que vai ocasionar un conflito” e pide ao concello que interveña. O alcalde afirma que pouco se pode facer e que, unha vez estudado o tema na comisión de facenda, sinala que non se pode compensar economicamente a empresa das perdas por parte da administración; continúa a súa intervención a dicir que o que con certeza se vai aplicar van ser mudanzas xa acordadas co gobernador. Isto non convence o concelleiro Correal, que solicita que se exclúa a sardiña do endebedamento, o que leva o alcalde a finalizar o debate afirmando con contundencia que os intereses da xente pobre teñen de ser defendidos, mais que os do pobo en xeral non poden ser secundarizados[6].

Antigo concello CoruñaEn 3 de febreiro de 1903 un grupo de mulleres redixe, en representación das máis de 400 que fan parte do gremio de peixeiras, unha carta que é publicada ao día seguinte en La Voz de Galicia[7] e que tamén foi remitida ao concello para que o asunto fose tratado na sesión que se ía celebrar no día seguinte á súa publicación. Nesa misiva, asinada por Josefa Ventureira Varela, Aurelia González, Manuel R. Barral, Rosa Corral, Concepción Ínsua, Josefa Rodríguez, Lucía Maceiras, Josefa Monteiro, María Illobre, Luz Martínez, Josefa Andrade, Rita Pérez, Francisca Seijas, Antonia Santiago e María Fernández, infórmase de que a empresa colocou un anuncio nas alcabalas[8] ou fialatos onde se dá a coñecer que a partir do día 10 vai colocar as básculas para o aforamento do peixe e onde tamén se informa dos prezos. As peixeiras din descoñecer con exactitude que a entidade teña perdas e que tampouco lles “interesa absolutamente nada”. Recoñecen que, a pesar de a factoría ir practicar unha rebaixa aínda non tendo de o facer, os prezos que deberán ser retribuídos son elevadísimos e que as consecuencias da medida poden ser incalculábeis socialmente, tamén tendo en conta que os artigos de consumo na Coruña teñen uns prezos moi elevados. A isto iría agora sumarse o incremento no prezo do peixe, o que vai afectar estruturalmente a economía, e non só das clases menos acomodadas”, mais tamén á da chamada “clase media”. Na carta dise que é necesaria unha solución para evitar un conflito e que da empresa xa non agardan nada. Por isto mesmo, voltan a pedir a intervención do concello que, para alén dos deberes de carácter público que ten de cumprir, non pode desatender as penurias e a fame da súa populación, tal e como fixo suprindo cos seus propios fondos os arrendos das colleitas encravadas nos arredores. O peixe é un alimento de primeira necesidade e insubstituíbel e, nestes medios, debe ser unha prioridade para as autoridades municipais de forma a impediren que haxa “gravísimos conflitos.” 

Na sesión que se celebra o día 5 de febreiro no concello indícase que se pasa a informe da comisión de facenda a exposición que presentaron as peixeiras pedindo que o concello dea unha subvención á empresa co obxecto de evitar a colocación das básculas[9]. Mais non hai descanso na loita destas mulleres que aínda conseguen o apoio dos tripulantes de traiñeiras nun acordo que adoptan estes no día 8 de febreiro de 1903[10].

O día 10 de febreiro é a data límite marcada pola empresa. Á primera hora da mañá, as básculas serán colocadas e unha vez que cheguen as embarcacións comezarán a operación de peso e aforo. A administración local continúa sen contestar ás pretensións das peixeiras. As mulleres non se renden e a preocupación vai en aumento. Na tarde do día antes de que expire o prazo no peirao de Garás, un grupo ben numeroso de traballadoras, sentado ou sobre as cestas baleiras de peixe, agarda a chegada dos barcos. Falan baixo, inicialmente, comentan a colocación das básculas, afirman que son pacíficas, que son boas, que cando alguén precisa delas sempre están dispostas a axudaren. Xa teñen datos e partillan información coa xente que pasa e que as observa. Conversan coa imprensa e informan que agora están a pagar a granel por unha patela de peixe o prezo de seis perras gordas[11], mais que coas básculas se elevará a dous reás cando menos. A conversa continúa e as mulleres lembran que non é tempo de se renderen, que quen o fixer e for pesar o peixe pode caer na auga, que outras veces mesmo xa teñen caído casillas. As horas van pasando e cada vez hai máis xente arredor desta peixeiras que loitan, a través da palabra, contra a inxustiza. Segundo a imprensa parecía un meeting improvisado e agora, xa coa voz alta e clara, pregoan que non están dispostas a daren un paso atrás. Todas berran xa e pelexan por ser ouvidas.

Chega o día 10 e á primera hora as básculas xa están instaladas nas alcabalas de Montouto[12] e Garás. Hai tensión e as autoridades fan demostración de forza: axentes de seguranza, empregados da empresa, gardas municipais, policía secreta e até gardas civís coidando das alcabalas, pois o gobernador civil mandara vir para A Coruña forzas da benemérita procedentes de Betanzos, Curtis, Iñás, Paiosaco, Sada e Sigrás[13]. En fronte, mulleres que protestan de viva voz contra un “odioso” imposto ao peixe. Durante a tarde comezan a chegar as primeiras embarcacións (non hai moito produto) e son recibidas polas mulleres con berros de desaprobación. Vese moito movemento, e moitos curiosos[14] e curiosas asisten á descarga. Os prezos que se aforan son escandalosos: dez reás por unha medida de parrochas que antes era unha peseta; por un ollomol polo cal se pagaba hai uns días unha perra chica[15] son agora tres; os ollomoles que antes custaban 21 perras chicas pasan a teren un prezo de dúas pesetas: “noventa e cinco céntimos máis!”, exclaman. A indignación vai en aumento. As poucas mulleres que desafiaron a folga comezan a chorar cando se pesa o peixe e lles din o que teñan de pagar coas novas medidas. Non descontaban, como pediran, nin a cabeza nin o peso das tripas. Unha peixeira, vendo a grande afluencia de público que hai, di en alto: “Xa poden rirse! Hoxe para a xente isto é unha romaría! Poden pórlles toldos para non lles dar o sol! Mais ha de haber lágrimas!

Os prezos eran moi elevados, de forma que unha medida de sardiñas valía o duplo que o día anterior. A cesta de pescada con 27 pezas pasara de custar 20 reás a 12 pesetas. Mais non só o peixe que se ía vender logo nos mercados estaba suxeito a imposto: tamén o que se traía e se quería para consumo propio era pesado e aforado. Reflícteo a prensa cando conta que no peirao de Montouto un mariñeiro arriba co bote e do fondo da lancha saca un cestiño de peixe “da vara” que quere levar para o sustento da súa familia. O home botara toda a noite no mar e obrígano a pagar seis reás. A reacción non se deixa agardar e dilles: “Fique con todo, señor! Eu disto non podo sacar nin 2 pesetas”.

Carta traiñeirosO certo é que, a pesar de que algo de peixe chegou ao peirao de Montouto, o movemento foi mínimo. Nese día e a instancia da sociedade traiñeira La Humanidad Libre, presentouse no concello un escrito asinado por 300 tripulantes desas embarcacións tradicionais, claro e contundente, que aquí reproducimos.

Nesa noite había unha reunión para abordar de novo o asunto e as peixeiras estaban tamén convocadas. O día, mesmo con toda esa tensión acumulada, transcorrera sen incidentes salientábeis. No entanto, durante toda a xornada houbo un retén da garda civil polo que puidese acontecer nos baixos da Deputación.

Mais non hai descanso na reivindicación e na loita destas mulleres. No día 11 de febreiro dáse unha mudanza evidente de estratexía: se no día anterior, en maior ou menor medida, levaron peixe a pesar nas básculas, agora a decisión é non mercaren nada para non teren de pesar. O descenso foi case total e a pouca xente que se atrevía a levalo e pesalo, vendo o prezo que tiña de pagar, voltaba a atiralo ao mar. Porén, as decisións nunca son seguidas por 100% e houbo quen aforou e levou un “exemplar castigo”, tal como o denomina a prensa da altura[16]. Déronse momentos en que se arrebataron cestas de peixe e se atirou polo chan; houbo negativas a adquirir o que se pretendía vender; berrouse “Fóra, fóra!” ás embarcacións que querían descargar; fixéronse carreiras até ás prazas para se impediren as vendas; houbo berros de “Todas somos unha!”,Cando veñen mal dadas hai que sofrer por igual!”ou “Aquí non se vende nada”! A praza estaba baleira e só había algo de peixe do día anterior. Podía verse unha comsión de peixeiras que andaba a axexar, dicindo en alto que o peixe estaba podre e que había que o tirar e exclamando, igualmente, que ao día seguinte non ía haber nada[17].

Varias mulleres que se achaban no peirao de Montouto ás cinco da tarde repararon en que furtivamente se levara algo de peixe para a praza e aló foron decididas. Cando chegaron só un posto estaba aberto con peixe “da vara” á venda e estalou un grande barullo con moito público presente; a muller que vendía o peixe comprometeuse a que, se a deixaban vender o que tiña, non ía comprar máis até o conflito se solucionar. De volta, xa no peirao, non se permitiu desembarcar nin unha sardiña cando chegaban a traiñeiras; os mariñeiros non opuxeron resistencia e parecían estar contentes e satisfeitos de veren “tan animosas as súas camaradas femeninas”. Cada traiñeira que chegaba a Garás era recibida cunha algarada. Varios obreiros chegaron durante tarde ao peirao repartindo unhas follas informativas sobre o mitin que había máis tarde e as peixeiras arrebatáronllelas e líanas en voz alta para que todo o que alí se encontraba as puidese ouvir. Un dos obreiros pegou unha desas follas[18] convidando ao mitin nun punto ben visíbel, o que fixo que peixeiras e tripulantes das traíñeiras o ovacionasen. Cando unha traiñeira chegaba ao peirao as mulleres sinalaban a folla e decían: “Aí tendes á vosa sentenza!”

Xa de noite, todo o movemento cesou, xa que tanto as peixeiras como os tripulantes das traiñeiras saíron para a reunión que tiñan as oito na sociedade Germinal[19]. Unha vez alí, o escándalo foi maior cando unha comisión de mulleres formulou a queixa de as básculas de Montouto e Garás non estaren contrastadas e, con efecto, non é só que estivesen desniveladas, xa que no caso da de Montouto non había nin pesas. No entanto, nada trascendeu das duras protestas das peixeiras. A concorrencia a aquela reunión era imensa e as características eran as dun mitin. Unha parte importante das persoas asistentes correspondía a mulleres vendedoras de peixe. Nese encontro deuse lectura ao manifesto feito polos tripulantes das traiñeiras e que se publicara na imprensa no día anterior. Despois de ser lido, propúxose que, tendo en conta o que estaba a acontecer, non debía saír pescar ninguén e que tampouco se comprase nin vendese nin unha soa peza de peixe.

O certo é que nesa reunión as mulleres foron as protagonistas e algunhas das intervencións que se fan así o demostran. Manuel Suárez celebrou que as mulleres estivesen alí en maioría e pide que ninguén vaia pescar, que apoien a greve xeral e que saian tamén á rúa, ao que elas responde que si. Na intervención que fai Diego Fernández, tripulante, afirma que os presidentes das sociedades obreiras tiveron nese día un encontro co alcalde, o cal lles comunicou que, despois dunha conversa co gobernador, este  sinalou non hai maneira de a empresa de consumos entrar en razón: négase a retirar as básculas e que só accede a descontar unha quinta parte do peso total tendo en conta a cabeza e as tripas. O alcalde móstrase incapaz de solucionar o problema por medo a que a empresa de consumos rescinda o contrato e que non haxa orzamentos para poder construír o parque de bombeiros no Campo da Leña e outras obras necesarias.

Os berros alí contra o concello e o gobernador son evidentes. Diego Fernández continúa a falar e manifesta que non se pode contar con eles, para logo rematar dirixíndose as mulleres de forma a parabenizalas por tiraren o peixe ao mar. Anímaas a continuaren a pelexar porque, como di, en o facendo e non deixando que haxa un só peixe na Coruña, a vitoria será delas. Despois pregúntalles se van secundar a greve xeral e elas reiteran a súa decisión afirmativa. Proseguen as intervencións e todas teñen como protagonismo a loita das peixeiras. Logo de varias quendas de palabras masculinas, comeza a falar peixeira María Vázquez Mejuto, coñecida como “Morenita”, moi popular entre o gremio de peixeiras; cando principia a súa intervención, os aplausos case non a deixan falar: refírese  aos abusos dos consumeiros, ao mao estado das básculas, ao facto de os aforados faceren o que queren e pon de exemplo un que, con cinco fillos e muller e so gañando nove reás mercou traiñeira e fuma puros.  A concorrencia aplaude con forza a intervención. Finalmente, un dos asistentes propón designar dúas mulleres para iren falar ao mitin e saen escollidas dúas peixeiras de Santa Lucía: María Vázquez e Consuelo Martínez. Finalmente, ás 21h30, acórdase entre aplausos que prosiga a greve e que non se venda nin merque peixe.

Na imprensa[20] do día 14 de febreiro dáse boa conta do acontecido no mitin da Praza de touros. A concorrencia foi enorme e destácase a grande afluencia de mulleres, moitas peixeiras, mais tamén cigarreiras e tecedeiras. No mitin toma a palabra, tal e como se acordara, María Manuela Vázquez Mejuto, vestida cun pano encarnado, saia negra e mantón da mesma cor; ponse de pé e a praza desfaise en aplausos tanto La Voz de Galicia como El Noroeste subliñan que fala con facilidade. Conta pormenorizadamente o que está a acontecer nos peiraos e é escoitada en absoluto silencio. Reclama a axuda do pobo rico para unha subscrición para as peixeiras e acaba dicindo no medio dunha grande ovación: “Si, compañeiros, vinde no noso auxilio, antes de que as mulleres, navalla en man, vaiamos nós mesmas quitar as básculas!”

Cando estaba acabando o ateigado mitin, as peixeiras son informadas por varias compañeiras de que en Garás se está a descarregar peixe. Sen tempo que perderen, sufocadas e ás carreiras, diríxense decididas ao peirao e chega primeiro un grupo de 30 mulleres que non ve máis que os consumeiros e os gardas parados nada. Aínda así, desconfiadas, revisan todo e cada vez vai achegándose máis xente que, ao saír da praza, sabe das novas. Unha compañeira que decidiu non ir ao mitin para vixiar confírmalles que un bote de Mugardos chegara ao peirao tocando a bucina e cargado de parrochas, mais tres peixeiras que alí se atopan informáronos da situación e pedíronlles que fosen para San Diego. Eles, que, polo visto ignoraban a situación, pediron desculpas e fóronse. Satisfeita a curiosidade das peixeiras e vendo que nada acontecía, retiránronse.

Nese día 14 de febreiro a imprensa dá conta da reunión da comisión de facenda no día anterior, que preside o alcalde, na cal, despois dun debate amplo e tomando nota das demandas das peixeiras, acordan renunciar ás 17.500 pesetas que cobra dándoas como bonificación á empresa de consumos para que acceda á retirada das básculas. O alcalde pono en coñecemento do gobernador para que este faga as xestións oportunas, sabendo que  a cantidade recadada pola empresa arrendataria podería chegar ás 30.000 pesetas. Após unha longa discusión co propietario, convéniase un documento coas propostas  do concello.

Acordo empresa noroesteO Concello celebra sesión plenaria extraordinaria ás 17h00 no día 14 de febreiro[21] para sancionar o convenio coa empresa arrendataria. Logo dun debate en que interveñen varios concelleiros, acórdase por unanimidade o texto.

Ás oito da mañá a empresa retira as básculas no medio da festa da celebración das peixeiras. A tranquilidade nos peiraos foi total. Con todo, habería outras batallas que dar. O peixe non voltou inmediatamente ás prazas e outros conflitos obreiros estaban aínda sen resolver, nos cales as mulleres tamén desenvolveron un protagonismo central…

 


 

[1] Nestes tempos, e desde o ano 1837, o concello da Coruña estaba no antigo convento de Santo Agostiño, situado na praza do mesmo nome e a carón da igrexa de San Xurxo.

[2] O imposto de consumos foi a denominación dun imposto indirecto que estabeleceu o goberno de España no século XIX e que estivo vixente até aos comezos do século XX ( Lei de supresión de 12 de xuño de 1911); tivera un periodo de interrupción na revolución de 1868 e fora obxecto tamén de suspensións locais.

[3] José Martínez Fontenla (1855-1918), alcalde da Coruña (1901-1902), foi tamén un salientábel dirixente do Partido Republicano Autónomo da Coruña.

[4] Alfonso González Nuñez,  segundo consta no arquivo da Deputación Provincial da Coruña, tomou posesión como Gobernador Civil/Presidente o día 13/12/1902 e exerceu até 17/04/1903.

[5] Luis Argudín Bolívar (1855-1907) tomara posesión da alcaldía o día 31 de decembro de 1902.

[6] La Voz de Galicia, 29/01/1903.

[7] La Voz de Galicia, 04/02/1903.

[8] As alcabalas, tamén coñecidas co nome español de fielatos ou fialatos, eran un tipo de imposto cuxo importe había que efectivar á entrada das cidades. A orixe do topónimo da hoxe en día mal chamada rúa “Caballeros” provén de nesa área da cidade haber unha alcabala, cobrada polos alcabaleiros, nome que, despois de ser barbarizado co español, acabou sendo o actual e singular microtopónimo.

[9] La Voz de Galicia, 06/02/1903.

[10] La Voz de Galicia, 08/02/1903.

[11] “Perras gordas”: nome coloquial con que se coñecían os 10 céntimos de peseta.

[12] Montouto é o nome tradicional galego, convertido e hibridizado en Montoto (cfr. o moderno Montealto, nome do populoso bairro coruñés).

[13] La Voz de Galicia, 11/02/1903.

[14] El Noroeste, 11/02/1903.

[15] “Perra chica”: designación coloquial para cinco céntimos de peseta.

[16] La Voz de Galicia, 12/02/1903.

[17] El Noroeste, 12/02/1903.

[18] A reunión era para falar da greve xeral en solidariedade cos obreiros de Reus e dos metalúrxicos coruñeses e para preparar o meeting da praza de touros que se celebraba no día 12 de febreiro ás 14h00.

[19] A entidade, nada en 1902 como sociedade libertaria de estudos filosóficos, científicos e sociolóxicos –adoptando o nome do coñecido romance de Émile Zola Germinal, dado a lume en 1885–, chegou a ter unha biblioteca formada por 8.000 volumes. O seu primeiro local estivo situado no número 37 da rúa Socorro, sede tamén da sociedade La Antorcha Galaica.

[20] La Voz de Galicia e El Noroeste, 14/02/1903.

[21] La Voz de Galicia e El Noroeste ,15/02/1903.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Mercedes Romero Abella
Represaliadas

Mercedes Romero Abella

Mercedes Romero Abella nace en Cee (A Coruña) en 1907, con quince anos trasladouse á Coruña porque quería ser mestra. Estudará na Escola Normal nun

Ler máis »
Karbo F. C.
Colectivos

Karbo F.C.

En 1969 nace o Karbo da Coruña, un referente para a historia do fútbol galego. Créase grazas ao apoio da dirección da Academia Karbo, Ramón

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies