Vente, rapasa, vente, miniña; vente lavar no pilón da fontiña (trad.)
Introdución
Se tiverdes moita sorte, pode ser que atopedes esta historia nun libro sobre o movemento obreiro: en abril de 1917, 40.000 lavandeiras protagonizaron en Petrogrado a primeira grande folga ao goberno provisional, formado tras a revolución de febreiro. Pedían aumento de salarios, mellores condicións laborais e xornada de 8 horas. Aquela folga, apoiada por Aleksandra Kollontai, axudou o triunfo da revolución rusa, mais é seguro que nunca acharás esta que sucedeu 10 anos antes: en 1907 as lavandeiras da Coruña organizáronse no sindicato de oficios “La Heterogénea”, de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas. Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu duro traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 póñense en folga, a cal se prolongará durante quince días. Fica moito por investigar e divulgar arredor do traballo das lavandeiras e deses espazos completamente femininos que eran os lavadoiros, punto de encontro e lugares de referencia no espazo urbano (“vivía máis aló do lavadoiro”), mais, sobre todo foron un importante núcleo de sociabilidade feminina durante a primeira metade do século XX. Era o lugar de encontro das mulleres das clases populares que lavaban para a súa familia ou para a casa onde traballaban de criadas ou lavaban para moitas casas cobrando polo seu traballo. Nos lavadoiros, non raro, falábase dos problemas que padecían, sen nos esquecermos que eses lugares constituíron tamén un lugar privilexiado para a circulación da información nos barrios; partíllanse tempos, problemas e saberes. Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e mesmo fumar, a afianzaren vínculos de solidariedade e compañeirismo que até certo punto permitiron aliviar as penurias e sacrificios que enfrontaban na súa vida diaria. Desde sempre, existiu un vínculo especial entre as mulleres, nado dun espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade ou a organización da vida doméstica. Hoxe falamos de sororidade, dese vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión. E nese sentido os lavadoiros teñen representado ese espazo e ese tempo para as relacións humanas, nunhas coordenadas que fuxían dos padróns de competitividade. Repárese, por exemplo, no exerto seguinte:Un vecino de Betanzos, conocido por Arturito, estaba celoso de su novia […] no encontró mejor cosa que para llamarle la atención que dirigirse al lavadero público, donde ella estaba lavando, y empezar a regañarle, intentando maltratarla. Nunca tal hiciera, pues las lavanderas todas le dieron tal cantidad de bofetadas y arañazos, que le pusieron la cara hecha un mapa. Y menos mal que acudieron en su ayuda, que sino nadie le salva de llevarse un remojón, dadas las intenciones que tenían de tirarlo al rio (El Correo Gallego, 08/03/1927).
A creación de lavadoiros gratuítos
Son os lavadoiros construcións comunitarias feitas a carón dunha corrente de auga ou dun manancial, onde as mulleres se reunanse para lavaren a roupa da familia ou da casa para a cal traballaban. Nunha cidade como A Coruña, onde a auga foi sempre un ben escaso, a construción de lavadoiros foi fundamental. Na maior parte de Galiza e até ben entrado o século XIX as mulleres lavan a roupa no río. Era un traballo de grande dureza física, que exixe unha posición moi dobrada e contacto permanente coa auga. Aos poucos, primeiro nas cidades e xa logo nos espazos rurais, vanse construíndo os lavadoiros. O século XIX xeneralizou, sobre todo nas vilas e cidades, os lavadoiros públicos, moi probabelmente máis por intereses morais e económicos que pensando en mellorar as condicións laborais das lavandeiras. Estes lavadoiros eran tamén espazos de confidencias e brincadeiras. En 1790 un Real Decreto, dirixido ás lavandeiras do Manzanares, prohibíalles berraren e faceren xestos obscenos ás persoas transeúntes. Non di nada o Real Decreto sobre a presenza e condutas masculinas que xeraban esa resposta. En moitas investigacións que recollen entrevistas con mulleres idosas que realizaron estes traballos, diferéncianse ás claras a dureza que supuña lavar a roupa do ambiente distendido que predominaba no lavadoiro. Con todo, é ben non termos, visto cos ollos de hoxe, unha idea romántica deses espazos, porque non só o traballo era moi duro, mais tamén son lugares que contribúen para a manutención dos roles de xénero; pensemos que era imposíbel un home acudir a lavar: son, portanto, lugares de enculturación nos roles femininos. E se para as mulleres son lugares para interiorizaren ou transmitiren os roles femininos, para os homes son espazos alleos. E como están fechados e non se sabe que sucede dentro, alimenta, nos homes, os estereotipos sobre as mulleres e incide nos seus aspectos máis pexorativos. Nas entrevistas con persoas protagonistas, sinálase que para as mulleres era un lugar de traballo duro, mais nun ambiente agradábel; para eles, diferentemente, unha importante fonte de murmuracións, rumores e discusións. Os testemuños masculinos insisten no lavadoiro como lugar de conflito, algo paradoxal debido a que resultaba de certo difícil que un home fose testemuña do que alí puidese ocorrer. Os lavadoiros foron unas construcións únicas xa que, exceptuando outros de carácter relixioso, benéfico ou correccional, foron construídos exclusivamente para as mulleres. No centro da Coruña houbo lavadoiros cerca das fontes da Fama e de Santa Catalina. De todos os modos, en meados do século XIX, o concello tratou de afastar do centro da cidade as actividades molestas ou menos hixiénicas, entre as cales parece que estaba a de lavar a roupa. E así, en 1866, os lavadoiros das dúas fontes do centro foron substituídos polos do Orzán e o do Parrote que, aínda que estaban na propia cidade, situábanse arredados das zonas de tránsito habitual e burgués. Estes dous edificios tiñan un deseño acorde coa súa importancia, sendo o do Orzán (tamén chamado de Caramanchón) un auténtico monumento neomudéxar, onde se di que Picasso descubriu os segredos das lavandeiras. Ademais os barrios contaban cos seus correspondentes lavadoiros: os da Falperra, na rúa do mesmo nome, e o de Monte Alto, que estaba na confluencia entre Orillamar e a rúa da Torre (derrubado no anos oitenta do s.XX). Os vellos lavadoiros foron desaparecendo segundo ía medrando a construción de vivendas na cidade, desaparecerá o de Santa Margarida (no Paseo das Pontes), o de San Diego (onde hoxe está o parque), o de Visma, o de San Roque… O lavadoiro da Moura, situado na Avenida de Fisterra, cerca de A Silva, é un deses superviventes. Un dos lavadoiros que se mantén en pé é o de Elviña e tamén en Palavea. No barrio de Cances e nos lugares da Fontenova e das Regas, entre a Moura e Cances, consérvanse aínda fontes a que tamén acudían as mulleres da zona para lavaren.A folga de 1907
No mes de maio de 1907 as lavandeiras da Coruña únense para forzaren unha suba no prezo da roupa que lavan. Pódese seguir as vicisitudes da preparación do folga na prensa da época:Las lavanderas de La Coruña y de fuera de La Coruña, constituidas en gremio y asociadas a lo que parece a La Heterogénea, centro de oficios varios reorganizado últimamente en el pueblo, reparten profusamente desde ayer una hoja con la tarifa de los precios que podrán en vigor desde primero de mes (…) Hay en las observaciones generales alguna que han de parecer particularísimas (La Voz de Galicia, 25/05/1907).
A folga comeza o día 1 de xuño de 1907 e prolóngase durante dúas semanas. Exixían nas súas reivindicacións incremento nos prezos, mais tamén outras medidas relativas, por exemplo, ao cobro da viaxe se debían recoller a roupa nun día diferente do domingo, aos prezos diferentes para a roupa moi suxa, á insalubridade dos lavadoiros en que traballaban ou ao mal estado dos camiños que tiñan de percorrer. Toda a prensa tentou menosprezar o traballo que realizan e criticou a suba das tarifas e a ineficacia da folga, e mesmo chegou a insinuar que eran enganadas ou “roubadas” polos dirixentes do sindicato, afirmacións que finalmente os xornais teñen que desmentir:Se dice que se ha fugado (el presidente de la asociación) con el dinero que había recaudado entre las lavanderas a pretexto de organizar la sociedad de resistencia que para ellas de resultados completamente negativos. El rumor no ha podido confirmarse (El Noroeste, 11/06/1907).
Un representante de la junta administrativa del gremio de lavanderos y lavanderas nos visitó ayer para decirnos que no es exacto (…) que el presidente de dicha junta haya desaparecido con los fondos sociales; que los asociados no pagan cuota alguna, y que sólo se recaudaron entre todos ellos 103 pesetas para gastos de propaganda y organización, de los cuales van invertidas en estos trabajos 93,30. Resulta, pues que sólo tienen de fondos nueve pesetas y media, cantidad bien insignificante, por cierto (El Noroeste, 12/06/1907).
Toda a prensa repite esa idea de forma a desprestixiar a forza das folguistas.Los lavaderos todos de la población y ríos próximos estuvieron concurridísimos durante el día y la noche. Muchas familias utilizaron este medio para salvar satisfactoriamente y sin complicación alguna la situación anómala creada por la huelga de las lavanderas. Otras se decidieron a mandar la ropa a las ciudades y pueblos cercanos aprovechando las ventajosas facilidades que para ello encuentran, puesto que en Ferrol y en Puentedeume, lo mismo que en Sada y en Betanzos no faltan quienes quieran ganar el dinero que las lavanderas del partido de La Coruña pierden por su aptitud de intransigencia.
No existe, por consiguiente, el conflicto que algunos temían, debiéndose a esto sin duda alguna la tranquilad y aún si se quiere la indiferencia con que el vecindario ha acogido esta huelga que en realidad preocupa a muy pocos (El Correo Gallego, 06/06/1907).
Asistimos, pois, a un paternalismo misóxino, cando non a un chamamento claro á represión, pedindo a intervención das forzas de orde, ou a resaltar as diferenzas de criterio entre as mulleres lavandeiras ao tempo que se anima o vecindario coruñés a utilizar os servizos das lavandeiras doutros concellos próximos: “Puede darse por fracasada la huelga de lavanderas, que está a punto de terminar de la manera más desastrosa para las infelices mujeres […]. Probablemente dará esto motivo a lamentables incidentes que debe prever el gobernador (La Voz de Galicia, 28/05/1907). A solidariedade entre gremios é un feito bastante habitual e tamén, neste caso, é de destacar que as lavandeiras conseguen para a súa folga o apoio doutros sectores de traballadores: “…dar gracias a los agricultores de las afueras por su ofrecimiento a cooperar a la huelga no enviando hortalizas a La Coruña” (La Voz de Galicia 4/6/1907). E mentres a prensa vai repetindo todos os días que “Lo probable es que para entonces la huelga haya terminado” continúa a se minusvalorar a súa importancia, afirmando que a folga pasa inadvertida ou que acabará sendo un motivo de aforro para as familias: “Nada nuevo ocurrió ayer relacionado con la huelga de lavanderas que, como decíamos en nuestro último número, pasa inadvertida, hasta tal punto, de que para algunas familias constituye una economía puesto que el lavado de sus ropas haciéndolo ellas sin mayores contratiempos y con la seguridad de que no se les extravíen piezas” (La Voz de Galicia 8/6/1907) Porén, en canto isto se escribe, o certo é que moitas familias, convencidas da xustiza das reivindicacións ou presionadas pola propia folga, si aceptan por escrito as exixencias das lavandeiras a través de “unas cartas de diferentes familias accediendo a conceder el aumento de las nuevas tarifas de lavado”. Ao paso que se tenta minimizar o problema, é preciso tamén recoñecer que a folga esta a se converter nun problema importante para o cal non parece haber solución, de forma que se chega a pedir a axuda do goberno do estado: “El gobernador telegrafió al ministro explicándole la originalidad del suceso y la dificultad de buscarle inmediata solución porque non se trata de un gremio patronal determinado sino de una población numerosa a la no hay forma de reunir y traerla a una avenencia” (La Voz de Galicia 28/5/1907) Van alá para alén de cen anos, mais algunhas cousas non mudaron moito, elas traballaban, elas organizaban a folga, elas pagaban as consecuencias de estaren varios días sen ingresos. Eles monopolizaban a discusión e as tomadas de decisión.Serán 600 las personas reunidas, en su mayoría mujeres. Formando pequeños grupos debatían entre sí, sobre si debían o no continuar en el paro. Era tal la confusión y el desorden que reinaba entres todos que hubo de poner fin de cualquier modo a la reunión. Protestaban indignadas las mujeres contra el monopolio que se hacía del derecho a hablar pues los hombres que eran los menos y aún quienes no debían intervenir en los debates, resultaban los discutían todo (La Voz de Galicia 4/6/1907)
Rematada a folga, vólvese a idea xa varias veces exposta da necesidade de profesionalizar ese traballo: “Por otra parte nos aseguran que la idea de varios capitalistas de establecer en la capital un tren de lavado, con todos los adelantos modernos y evidente economía adquiere mayores garantías de ser pronto un hecho”. É necesario abrir outra liña de (des)información e para iso comezase a louvar que existe outro modo de lavar a roupa e que non pode ficar a hixiene dunha cidade secuestrada por unha folga de miserábeis traballadoras. Neste momento é cando se comeza a falar da necesidade de mecanizar ese traballo, por suposto sempre para mellorar a vida das lavandeiras e redimir estas infelices mulleres dunha profesión penosísima…El lavadero higiénico
Como habíamos anunciado, el domingo último se ha celebrado en el domicilio social de la Cooperativa Militar y Civil la asamblea general de socios para decidir en definitiva acerca del establecimiento en esta capital de un tren de lavado mecánico, con arreglo a los últimos adelantos.
Como estaba previsto, desde las simpatías con que ha sido acogida la idea desde los primeros momentos, se autorizó por unanimidad al Consejo de Administración proceder al estudio e implantación de esta mejora tan beneficiosa.
La opinión está a su lado y abriga el convencimiento de con la implantación de tan beneficiosa mejora. Habrá comenzado la resolución de un problema importantísimo, cual es redimir a estas infelices mujeres de una profesión penosísima, como es hoy el lavado, que consumiendo sus energías, agota inhumanamente su vida […].
En cambio, tal como se realiza hoy el lavado… y el empleo de lejías mal preparadas unas veces y peor empleadas otras, se expone a muchas pobres mujeres a los efectos de ese vehículo de innumerables enfermedades, por la diversidad de gérmenes que transportan las ropas sucias y las diferentes causas morbosas que sobre la lavandera actúan, por la forma en que hoy se realiza y que desaparecen en absoluto con el sistema mecánico (La Voz de Galicia 18/6/1907)
Documentación- Artigos xornalísticos sobre a folga de lavandeiras
- Mortas pola crecida dun río. El Correo Gallego, agosto 1891
- O tren de lavado mecánico. La Voz de Galicia, 18 xuño 1907
- Betanzos: as lavandeiras agreden a un maltratador. El Correo Gallego, 23 febreiro 1916
- Pleito dun veciño para impedirlles lavar. El Correo Gallego, 23 febreiro 1916
- El escándalo de las lavanderas en cualquier río. El Correo Gallego, 30 maio 1930
- Espacio, protección cultural y feminismo. Carmela Galego
- El oficio más molesto, más duro: el trabajo de las lavanderas en la España de los siglos XVIII al XX. Carmen Sarasúa