AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

“Elas”, as mulleres que inmigran

Mulleres de Comités Venezolanos

Relato da realidade das mulleres inmigrantes na cidade da Coruña

O presente artigo ten como obxectivo repasar a historia da inmigración feminina na cidade da Coruña, os seus procesos de integración e as súas realidades laborais, sociais e administrativas, ademais das dificultades que atravesan. Principalmente, porque é urxente visibilizar as persoas que forman parte deste colectivo e o importante rol que cumpren para así romper con estereotipos contra elas.

Caixa de cristal das mulleres inmigrantes
A caixa de cristal das mulleres inmigrantes. Ilustración: Cristhian E. Frias Goytia

Facendo un pequeno achegamento xeral á historia da inmigración en España, a chegada “masiva” de inmigrantes é un fenómeno recente que cobrou forza na última década do século pasado e nos primeiros anos do presente. Estes cambios migratorios tamén se deron a nivel de Galiza que pasou de ser un territorio altamente emigrante a ser receptor de poboación inmigrante de diferentes lugares do mundo, aínda que en menor medida ca outras comunidades autónomas como pode ser Madrid, Cataluña ou Valencia.

Os fortes vínculos históricos entre Galiza e Latinoamérica determinaron de maneira clara que a inmigración procedente desa rexión sexa maioritaria e que exista o predominio de procedencia de certos países, nos que a emigración galega tivo un maior arraigamento. Entón, temos por un lado a quen forma parte destes grupos de inmigrantes que “retornan” a Galiza ou aos seus descendentes. Historicamente este forte nexo entre Galiza e os países do Sur Global1Termo usado en estudos postcoloniais e transnacionais que se refire ao terceiro mundo ou países en vías de desenvolvemento como o caso de Venezuela foi en moitos casos debido á mellor situación económica do país de destino, un exemplo foi o boom do petróleo que se deu entre os anos 1948 e 1958. Por outro lado, a decana de Socioloxía da Universidade da Coruña, Raquel Martínez fala dos “lazos” tecidos cos países americanos, razón pola cal as persoas migrantes elixen Galiza para establecerse. Laura Rodríguez e Iria Vázquez (en 2017) tamén falaban de que a proximidade coa lingua do país de destino xogou un papel determinante para un grande número de poboación hispanofalante nesta comunidade.

Inmigrantes
Grupo da ONG Ecodesarrollo Gaia

Falando de cifras, segundo o INE, a 2016 Galicia contaba con 212.747 persoas estranxeiras, das cales o 52% eran mulleres. A 1 de xaneiro de 2019 segundo o Padrón Municipal de Habitantes a poboación estranxeira en Galicia representaba o 3,7% do total da poboación. Sendo os concellos da Coruña, Lugo e Ourense onde maior presenza de poboación inmigrante se encontraba.

A nivel máis local, no concello da Coruña tamén os grupos migratorios cambiaron moito ao longo dos últimos anos, por exemplo a 2010, Brasil era a nacionalidade máis numerosa seguida de Colombia e Perú; Cuba érao en 2015 e actualmente éo Venezuela. Pola súa parte, os inmigrantes de países africanos proceden maioritariamente do Senegal e Marrocos, sendo nestes casos unha migración predominantemente masculina.

Con respecto ao colectivo de mulleres inmigrantes, elas representan a maioría en Europa en comparación aos homes. No entanto, persiste aínda o estereotipo do migrante como figura masculina que sae dos seus países por razóns económicas e da muller que inmigra despois para reencontrarse con el, invisibilizando o feito de que moitas viaxan soas e que son, a través de remesas, o sustento dos seus fogares. Nerea Rivero no seu traballo sobre Xénero e Migración de mulleres inmigrantes non comunitarias no Concello da Coruña de 2019, dicía que o colectivo de mulleres inmigrantes na cidade da Coruña era maioritariamente latinoamericano e hispanofalante, e que supón un grupo moi heteroxéneo en función da súa realidade socio-demográfica, de etnia-raza e clase social, ademais que cada unha ten o seu propio proxecto migratorio.

Proceso de integración

Oficina de EstranxeiríaXeralmente, o primeiro que farán estas mulleres estará en función da súa situación administrativa, lugar de procedencia, de se veñen soas ou se teñen familia xa establecida no lugar de destino.

Un primeiro punto de partida son as varias Ongs que traballan con colectivos de inmigrantes na Coruña, que tratan de brindar unha atención o máis integral posible. O proceso de “acollida” en calquera destas institucións pode variar un pouco máis ou menos, aínda que todo comeza co rexistro de datos persoais e orientación. Para algunhas, aquí comeza unha carreira frenética para aprender como funciona todo.

O seguinte paso é buscar un lugar onde vivir, situación que pode tornarse por demais complicada e que en moitos casos deu lugar a episodios de racismo e discriminación no acceso á vivenda por parte de particulares ou inmobiliarias contra inmigrantes, como xa SOS Racismo Galicia veu denunciando.

A realidade é que haberá un grupo de mulleres ás que lles resultará máis difícil a integración pola súa situación administrativa, as barreiras lingüísticas e culturais. Sen esquecer que algunhas sofren rexeitamento e discriminación en función da súa clase social e raza-etnia. Xogando todas esas barreiras unha especie de “caixa de cristal” que as limita e as fai sentir como “atrapadas”.

Novamente, citando a Laura Rodríguez Salgado e Iria Vázquez Silva, elas falaban en 2017 de integración sociolingüística en mulleres inmigrantes, e como no caso das hispanofalantes o compartir unha lingua común con Galiza permitía a súa integración, pero non evitaba que algunhas sufran discriminación lingüística como forma de rexeitamento da sociedade galega. Ademais, estas mesmas autoras mencionaban que o concello de Arteixo era un caso paradigmático porque conta con moitas persoas estranxeiras na súa poboación, especialmente marroquís, e que o nexo de conexión entre as mulleres inmigrantes desta nacionalidade e a sociedade receptora era a través do sistema educativo ao que debían inscribir os seus fillos e fillas. Non esquezamos que en España a escolarización dos menores é obrigatoria. Aquí temos outro punto moi interesante, como as mulleres inmigrantes con menores ao seu cargo teñen que enfrontar a escolarización dos seus fillos e fillas nun sistema educativo que lles é completamente descoñecido, ao cal a barreira idiomática pode complicar máis a situación, sen esquecer o difícil ou case imposible que é conciliar traballo e familia.

Voluntarias dos Comités Venezolanos
Voluntarias dos Comités Venezolanos

Algo positivo para resaltar e do que pouco se fala, é a participación activa de mulleres inmigrantes como voluntarias de diversas Ongs e asociacións locais, xa sexa por vocación ou por non apartarse das profesións que exercían nos seus países de orixe ou ambas as dúas. Tal como relata Silvia Garabote, psicóloga e muller inmigrante venezolana, voluntaria activa da Cruz Vermella e dos Comités Venezolanos, estes últimos conformados hai algo máis de dous anos, quen brinda apoio psicoemocional a outras e outros que comparten a súa historia de migración. Xustamente estes comités son o claro exemplo de como algúns colectivos inmigrantes na cidade teceron as súas propias redes de axuda para acompañar os seus compatriotas no seu proceso de “adaptación” e integración, tal como comenta unha das súas fundadoras, a venezolana Daiglis Castellanos de Nagykohi, estes formáronse de tal maneira que cada persoa voluntaria, tamén inmigrante, brinda unha axuda específica en calquera dos seus diversos comités (Comité de asesoría legal, Comité sociocultural, Comité de emprego e Comité de formación, Comité de apoio psicoemocional e Comité de axuda). Cabe resaltar que a pesar de ser un grupo mixto, os servizos que brindan están a cargo maioritariamente de mulleres. Daiglis tamén comenta que se ben a súa axuda nun principio estaba destinada a persoas inmigrantes venezolanas, tamén axudan a persoas inmigrantes de calquera outra nacionalidade ou calquera persoa en situación de necesidade.

A participación política das mulleres inmigrantes a través do asociacionismo é outra realidade complicada, pola mesma realidade laboral de moitas delas que lles impide ter tempo para estas actividades. A cidade da Coruña ten o colectivo conformado por mulleres de orixe senegalesa chamado Domu África e as Afrogalegas establecido por mulleres afrodescendentes nadas en Galiza ou que son inmigrantes.

E cal é a realidade laboral?

Zinthia Álvarez Palomino, escritora e cofundadora do colectivo coruñés Afrogalegas, falaba en 2018 sobre a realidade das mulleres inmigrantes no mercado laboral, e afirmaba que este colectivo se encontra principalmente vinculado ao traballo doméstico, aos coidados de persoas dependentes e á hostelaría, e como ela resaltaba:

“Non é de estrañar que se encontren en situación de pluriemprego e sufrindo precariedade laboral”

Parecería que estes tres sectores laborais eran os destinos, a maneira de profecía “autocumprida”, da maioría das mulleres que inmigran, polo menos nun principio.

Na cidade da Coruña, non tes que ir moi lonxe para ver estas realidades, só chega camiñar polo paseo marítimo para ver seguramente a unha muller inmigrante empurrando unha cadeira de rodas ou sostendo a man dunha persoa maior, ou ir a un café dos moitos que hai pola Rúa Real onde seguramente unha rapaza estranxeira che servirá o café.

Pero considero que é altamente necesario o recoñecer e dar valor ao traballo nos coidados brindado polas mulleres inmigrantes, se non fose por elas outras mulleres non poderían conciliar a súa vida laboral ou académica coa maternidade por exemplo.

Tamén Nerea Rivero en 2019 confirmaba que entre as barreiras para conseguir un posto de traballo fóra destes sectores estaba a dificultade delas para homologar os estudos superiores cos que moitas contan, o cal limita o seu ascenso social. Son xustamente estas dificultades para homologar os estudos o que se volve unha pedra na que tropezan a grande maioría, que corre o risco de ver perdidos todos os seus valiosos coñecementos e que as empurrará de maneira inevitable á precariedade.

Cafe Mama AfricaPero as mulleres inmigrantes encontraron moitas maneiras de emprender xunto ás súas familias, un exemplo é que algunhas trouxeron os sabores do seu país, polo que as ofertas culinarias de África, Asia e Latinoamérica se poden encontrar nas rúas da cidade. Estes lugares ademais de converterse en puntos de encontro para inmigrantes que botan de menos os sabores das súas terras, tamén xeraron unha fonte de traballo, contribuíndo á economía da cidade e xerando un lazo coa comunidade.

Por outra parte, tamén se encontran mulleres inmigrantes na Universidade da Coruña, xa sexa nos equipos de investigación ou como profesoras, aínda que o seu número é significativamente reducido. O seu valioso traballo como técnicas en varias organizacións que axudan diversos colectivos vai tamén en aumento. Finalmente, tamén están presentes no ámbito artístico, musical e literario.

Non podemos esquecer que “elas, as mulleres que inmigran” traen consigo moito que aportar desde as súas propias culturas, saberes e valores, non debendo caer na estigmatización nin discriminación. Lóitase pola súa cada vez maior visibilización e participación en espazos sociais, laborais e políticos. Como muller inmigrante que son, creo firmemente que este é o único camiño para construír unha sociedade máis igualitaria, xusta e romper esas caixas de cristal que nos aprisionan.

Pero aínda queda moito.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Maruxa Seoane
Pioneiras

Maruxa Seoane

Mª Elvira Fernández López nace o 24 de xaneiro de 1912 no número 145 da rúa Santo André. Coñece de nena quen sería o seu

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies