A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mulleres Muro

Instalación Mulleres Muro - Pepe Galán

O que máis glorifica a Galiza é o valor das súas mulleres

Syra Alonso

Este é un relato de heroísmo que provén da memoria oral mais que logo foi recollido en textos memorialísticos. As Mulleres Muro é a historia das mulleres que no verán de 1936 fan do seu corpo un valo, un parapeto, poñéndose diante do cárcere da Coruña cada día e cada noite para impedir que saian presos da cadea para ser “paseados”. Despois do golpe de Estado de xullo de 1936, comezan os viles asasinatos de mulleres e homes, sen xuízo, moitos son levados á cadea. Cóntase que ducias de mulleres da cidade vendo o que está a pasar coas persoas presas e como todos os días aparecen cadáveres no Campo da Rata ou nas estradas da contorna, colócanse diante do cárcere, día e noite, para impedir sacar os presos; e que cando algunha delas era arrastrada ou golpeada e xa non podía seguir alí, unha ducia viña ocupar o seu lugar.

Mulleres que quixeron formar unha parede de resistencia ante a barbarie que se viviu despois do golpe fascista do 36 tratando de aforrarnos os corenta anos de ditadura e as consecuencias que aínda agora estamos vivindo.

As Mulleres Muro foron parede simbólica e tamén física e así está recollido nos Diarios (1938 e 1945) de Syra Alonso. Estes Diarios relatan o terror vivido en Galiza e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel:

Acordaron no separarse nin de día nin de noite das portas do cárcere. ¡Antes a morte que deixar saír aos homes!. Dramática era a garda que formaban aquelas valorosas mulleres que golpeadas polos gardas resistían heroicamente. Os soldados sabían que se as metrallaban deixaríanse morrer antes de abandonar o seu posto de sentinelas. Estas mulleres que eran as nais, esposas, fillas e irmáns dos prisioneiros non viron saír aos seus durante moitas noites pois o seu heroísmo conmovía o corazón más duro.

Esta historia de heroísmo tamén se recolle en “La Galice sous la botte de Franco. Episodio de la terreur blanche dans les provinces de Galice reportes par ceuxqui les aut vecus. Jean Flory, 1938, París”. (Baixo o pseudónimo de Jean Flory hoxe dáse por certo que escribía Luís Seoane.

Xornal Nova GalizaCon algunha variante tamén aparece como nova xornalística en Nova Galiza, a publicación galeguista que se editou en Barcelona durante a guerra civil española, de abril de 1937 a xullo de 1938:

Los hermanos Casteleiros. – Sastres y nadadores. Se dedicaron a sacar presos de la cárcel de La Coruña (sic) a altas horas de la noche y asesinarlos luego en Punta Herminia, Santa Cristina y Bastiagueiro. Entre sus víctimas se cuentan varias mujeres, que con insuperable generosidad y valentía dormían al aire libre en los alrededores de la cárcel coruñesa para evitar con su presencia que los asesinatos no tuvieran testigos.

Syra Alonso, escritora, coruñesa, muller. Vivía na casa da Felicidade, así lle fixeron chamar á vivenda unifamiliar que ela e a súa parella compartían en Oleiros. A súa felicidade rompeuse cando sobre Francisco Miguel se pousou o obxectivo da represión. Era un home que tivera unha libraría na Rúa Real, un crítico de arte e artista plástico. Apresárono até en dúas ocasións e foi preso no cárcere a beira da Torre de Hércules. Na segunda vez que cae preso Syra, atópase un dia coa noticia de que seu home fora paseado. Estamos seguras de que Syra, gardaba, case a modo terapéutico, o desexo de ser unha desas mulleres que quixeron co seu corpo facer muro.

En La Galice sous la botte de Franco, titulaba este episodio da nosa resistencia “As mulleres fronte o cárcere”. O libro céntranse sobre todo na provincia de Pontevedra, e en menor medida na provincia da Coruña. Hai un consenso en que a parte da Coruña está escrita por Luis Seoane na nosa imaxinación aparecen un Luis Seoane, unha Syra Alonso e un Francisco Miguel, en días de tertulia republicana. Un espírito creador e de vangarda cultural esmagado pola bota do fascismo.

Despois de máis de medio século de exilio, os Diarios de Syra, foran publicados no ano 2000 na Colección Mulleres (A Nosa Terra) que dirixía Carme Vidal. Vinte e cinco anos despois, en agosto de 2025, será a editorial Alvarellos quen traduce e publica Diarios (1938 e 1945) en nova edición e con material inédito.

Instalación Mulleres Muro - Pepe Galán

Instalación “Mulleres Muro” – Pepe Galán

 

A instalación Mulleres muro de Pepe Galán realízase no marco do Proxecto Cárcere (2011) no antigo cárcere da Coruña. Esa instalación percorreu logo diferentes espazos expositivos e na actualidade está no Museo Provincial de Lugo (?), mais agora ten unha nova fase, nunha peza audiovisual de cinco minutos con música de Luís Rapela:

Comparte esta biografía

Explorar máis

Pioneiras

Lolita Díaz Baliño

María Dolores Díaz Baliño (1905-1963), nace como a maioría das nosas artistas nun ambiente moi favorable á arte que lle permite ir dando pasos nela

Ler máis »
Amparo Alvar
Pioneiras

Amparo Alvajar López

Amparo Alvajar López nace na Coruña o 8 de agosto de 1916, no berce dunha familia republicana formada pola Irmandiña Amparo López Jean e César

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies