Como todas sabemos, A Coruña é unha cidade que agocha moita historia e literatura tras os seus numerosos monumentos e edificios. Mais tamén tras o nome das súas rúas.
Os coruñeses transitamos con frecuencia unha delas, a rúa Galera, pola que paseamos e desfrutamos da gastronomía que ofrecen os seus numerosos establecementos sen cuestionarnos a singularidade do seu nome, a pesar de ser punto de encontro da maioría.
Este traballo pretende desentrañar a triste realidade que se esconde tras o nome desta buliciosa rúa.
Que son as Galeras?
A palabra galera foi un termo amplamente empregado no século XVI ata aproximadamente o século XIX en relación á pena de servir remando nas galeras reais, que se impoñía a certos delincuentes, en lugar das penas corporais ou o desterro perpetuo. Con este castigo mellorábase a imaxe do estado, ata ese momento un tanto violenta, e buscaba expulsar os delincuentes da sociedade, utilizando a súa man de obra nos barcos de guerra.

En paralelo á pena en galera dos homes, aparece a “Galera de mulleres” reclamada por grandes personaxes da época como Cadalso, quen defendía a necesidade de crealas: “…por la débil complexión de la mujer y la inmoralidad que había de producirse al mezclar los delincuentes con las galeotes en las embarcaciones, las exentaban del servicio de galeras y extinguían sus condenas en edificios cerrados..»
Aparece así o cárcere feminino onde se encerrarían aquelas mulleres condenadas a galeras, polo que este edificio que as acolle acabou coñecéndose popularmente como Galera. Con todo, as condicións de vida dentro destes edificios era duro e denigrante.
Polo tanto, o nome Galera designa o terrible castigo a que se sometía ás mulleres que actuaban en contra das normas morais establecidas na súa época; á perda de liberdade nun espazo público, pero apartado da sociedade, co obxectivo de corrixir e mellorar “la naturaleza viciada de la mujer”, segundo palabras de Sor Magdalena de San Jerónimo no seu tratado La obrecilla.
As mulleres das galeras
A conduta da muller considerada socialmente apropiada estaba fortemente influenciada pola Igrexa: a muller era a portadora do mal e considerábase malas a todas as mulleres con excepción da Virxe María; a imaxe da muller era a dun ser imperfecto.
Por estas razóns, tiñan que coidar moito máis que os homes o seu comportamento e, por tanto, encarceraban mulleres por actos que non serían penalizados no caso de se tratar dun home. Así que, as mulleres que non se adaptaban ao papel imposto ao xénero feminino (debía de ser unha esposa obediente e ama de casa ao servizo da súa familia, dependendo completamente do home) eran enviadas a Galeras para castigar e corrixir a súa natureza desviada, para que non causasen danos na sociedade e para que as demais non as tomasen como referente.
Desta forma, o grupo das denominadas malas mulleres estaba formado por un abano moi amplo que ía desde, asasinas, ladroas, alcaiotas, lesbianas, prostitutas, nais solteiras, barregás (muller que vive cun home sen estar casados), ata mulleres que simplemente contestaron mal ao seu marido, vivían soas ou blasfemaban.
Dentro deste amplo abanico habería que diferenciar entre as pecadoras de clase social máis desfavorecida, que acababan recluídas nestes cárceres de galeras, e as mulleres de boa familia, que eran enviadas a mosteiros para a súa rehabilitación.
As condición de dureza e denigración comezaban xa ao ser encarceradas, cando lles rapaban o pelo e as vestían con toucas e camisas de basto lenzo. Ademais, vivían amoreadas en instalacións insalubres, desordenadas e escuras pola falta de xanelas; e a comida consistía en pan de relón, un lisco de queixo ou un ravo, sopa e un pouco de carne mala moi de cando en vez.
As presas traballaban en común durante o día, baixo a supervisión dunha superiora, nos considerados labores femininos: lavar roupa dos presos masculinos, bordar, coser e axudar no mantemento da galera. Pola noite, recollíanse individualmente na súa cela; aínda que, debido á ausencia de suficientes celas individuais, este método de recollemento non se levaba a cabo coa maior parte das presas, que durmían en zonas comúns.
As máis rebeldes eran sometidas a duros catigos baseados no encerro, a vixilancia constante e as ataduras, para o que se posuía todo tipo de elementos: cadeas, esposas, mordazas, grillóns, cepos…
A Galera da Coruña
A nosa rúa Galera acolleu ata principios do século XX un destes terribles lugares de reclusión. Chegaron alí desde o Penal de Santa Lucía, e serían posteriormente trasladadas ao Cárcere da Audiencia, no Parrote.
Segundo Nuria Prieto, doutora en arquitectura e periodista, a construción dunha galera na nosa cidade, débese a que os lugares escollidos para situar os cárceres teñen que ver cos temas de zonificación. A Coruña, por ser un núcleo portuario desenvolve un importante comercio marítimo e isto, como en todas as cidades costeiras e debido á concentración de poboación, provoca unha maior porcentaxe de prostitución e delincuencia.
Aínda que Minerva María García Romay non precisa o lugar exacto, e mesmo nun primeiro momento a sitúa na rúa do Sol, segundo as súas propias palabras “En A Coruña existió una ‘‘casa Galera’’ para mujeres, en la calle que hoy lleva el mismo nombre (antiga rúa Medeiro), ubicada en un caserón residencial perteneciente a la familia Freire de Andrade”. Tratábase dun “gran edifico de muros gruesos y huecos pequeños”, nunha zona que se fora convertendo nun lugar perigoso e conflitivo no que, entre outras actividades delictivas, practicábase a prostitución. Co obxectivo de sanear o espazo, levouse acabo unha reforma que supuxo a eliminación das construcións escuras e perigosas que o caracterizaban; e por iniciativa da Asociación La Magdalena procedeuse á instalación neste lugar da Galera de mulleres.
No plano elaborado por García Romay podemos ubicar os diferentes cárceres coruñeses:
A estrutura do edificio da galera contribuía ao obxectivo para o que foran creadas. Constaban de salas para labores (con pozos e pías para lavar), capelas nas que as presas acudían a misas, unha pequena despensa e as xa mencionadas celas e salas de castigo. Todo iso baixo unha estrita vixilancia e disciplina co obxectivo de que as “malas mulleres” pasen a ser “boas mulleres”, segundo os ideais da época.
Á parte da xestión levada a cabo polo persoal nomeado polos organismos oficiais (reitoras, mestras encargadas de ensinar a doutrina cristiá, alcaldes encargados de levar un rexistro das presas que entran e saen, así como da duración das súas condenas, celadoras, etc.), desempeñaron un importante papel as asociacións filantrópicas, que traballaron nestes lugares na procura de mellorar as condicións de vida das mulleres. Grazas a elas, co tempo van evolucionando, o que incluso afecta na edificación, como a de Coruña, que sufriu transformacións importantes relacionadas coas xestións de mulleres como Concepción Arenal ou Juana de Vega, que defendían os principios de dignidade de todos os habitantes, especialmente das mulleres.
Aínda que non nos imos estender na biografía destas excepcionais mulleres, posto que nas páxinas credas por esta Asociación (A Coruña literaria e A Coruña das mulleres) atoparemos traballos importantes sobre elas, consideramos necesario realizar uns breves apuntamentos sobre a súa relación coas cárceres de mulleres.
Concepción Arenal, nacida en Ferrol en 1820, é coñecida pola súa condición de visitadora das presas da Galera da Coruña. O pai foi un defensor do liberalismo político, nunha época arriscada para as ideas contrarias ao absolutismo. A pesar do seu falecemento temperán tanto o seu espírito liberal como as súas preocupacións intelectuais marcarán o carácter e a liña de pensamento de Concepción Arenal.
Publicou libros como A Beneficencia, a Filantropía e a Caridade (dedicada a Juana de Vega, coa que terá unha gran amizade), ou O visitador do pobre. Nestas obras reflicte a súa preferencia pola educación moral krausista, así como a preocupación social.
Así mesmo, dedicou gran parte da súa vida á investigación e ao estudo da realidade penal española servíndose da súa experiencia como visitadora de cárceres de mulleres de Coruña (1863), e como inspectora de casas de corrección de mulleres (1868-1873). As súas conclusións reflíctense en libros como O visitador do preso no que se refire ao trato que se lles debe dar partindo dos seguintes puntos:
- aptitude para visitar un preso: corazón, modestia e perseveranza
- clasificación do delincuente: idade, condicionantes sociais, susceptibilidade de emenda
- arrepentimento e emenda: Capacidade de cambio, prescindir de prexuízos
- instrución: saber discorrer, saír da ignorancia
Juana de Vega, nacida na Coruña en 1805, herdou do seu pai, Antonio de la Vega, (de orixe humilde que fixo en Cuba unha gran fortuna) o liberalismo; e da súa nai, María Josefa Martínez, a capacidade de entender ás persoas.
Aos 16 anos casa con Francisco Espoz e Mina, que visitara A Coruña para tomar posesión como Capitán Xeral de Galicia, e co que se exiliará a Inglaterra durante dez anos a causa da restauración absolutista de Fernando VII. Tras a morte do seu marido, Juana de Vega regresa á súa cidade natal, aínda que durante a rexencia de Espartero servirá como Aia de Isabel II, e a súa irmá a infanta Luisa Fernanda.
Coa súa volta á Coruña, a súa casa converterase nun símbolo de referencia liberal.
Ela, que cría na educación para conseguir o progreso, colaborou na construción de escolas para nenos; financiou un Hospital provisional para tratar os enfermos de cólera e promoveu a creación da Cruz Vermella e do Hospital psiquiátrico de Conxo. Despois da súa morte, con gran parte do diñeiro constituíuse a Fundación Juana de Vega co obxectivo de contribuír á formación e ao desenvolvemeento do medio rural de Galicia.
Ademais de amizade, Concepción e Juana compartiron faladoiros nos salóns da casa de Juana de Vega, e levaron a cabo iniciativas para a axuda dos máis desfavorecidos.
Colaboraron na reinvindicación dunhas condicións mellores para as presas do cárcere Galera da Coruña. Neste labor Juana de Vega achegaría o capital económico e Concepción Arenal o seu cargo como visitadora, descubrindo as condicións de vida das reclusas.
A pesar do labor destas asociacións, o seu funcionamento é imposible de entender sen a forte influencia da igrexa, que marcaba incluso os horarios destes centros tendo en conta os diferentes momentos dos rezos, e que impediu o traballo destas destacables mulleres.
Todos estes aspectos podemos velos novelados no libro As malas mulleres de Marilar Aleixandre, obra que reivindica a figura feminina na segunda metade do século XIX.
As personaxes, de moi diferentes clases sociais, son mulleres que loitan contra o sometemento que sofren no seu día a día. A pesar de que se centra no ambiente carcerario e o sufrimento das presas, está inevitablemente presente o labor das mulleres intelectuais que traballan pola igualdade social nunha época tremendamente conservadora.
Desaparición da Galera
Nuria Prieto tamén nos aclara que a desaparición da galera da Coruña a principios do século XX enténdese dentro dun marco no que conflúen tres aspectos:
- a transformacion da xestión penitenciaria
- o importante crecemento urbano que estaba experimentando a cidade
- a influencia dunha corrente hixienista que chegaba de Europa.
Segundo ela, esta terceira é quizais a máis relevante por defender a eliminación do centro da cidades das actividades e usos que puidesen ser nocivos, perigosos ou insalubres.
O carcere non sería insalubre de por si, pero afirmábase que o entorno propiciaba actividades perigosas polo que se recomendaba evitar a zona.
Así, as ordenanzas municipais e os plans urbanísticos pretenden eliminar todos eses edificios e zonas que poden ser problemáticas e desprazalas aos arrabaldes da cidade.
Este artigo é unha adaptación e tradución do traballo de investigación realizado por Ana Amigo, María Gende, Pepe Lado, Kalina Nikolov e Sofía Sanmiguel, alumnas do IES Adormideras.
Foi realizado na materia de Historia de España para ser presentado a un certame a nivel estatal no que obtivo unha Mención extraordinaria.
Pódese consultar o traballo completo nesta visualización de Genially.
Bibliografía:
- Cervantes Virtual: Biografía de Concepción Arenal
- Quincemil: Juana de Vega, una coruñesa liberal dedicada a ayudar a los más desfavorecidos
- Revista Códice: Los orígenes de las cárceles de mujeres en España: las Galeras
- Fundación Juana de Vega. Biografía de Juana de Vega
- Casas galera. El equivalente femenino a la pena de galeras
- Galeras y casas de corrección de mujeres (ss. XVII-XIX)
- Arenal, Concepción: El visitador del preso. Consultado na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
- Aleixandre, Marilar: As mala mulleres. Ed Galaxia
- VI Congreso Virtual sobre Historia de las mujeres: Los orígenes de las cárceles de mujeres en España: las Galeras. María del Mar Jiménez Estacio.
- Arquitectura penitenciaria: Las cárceles coruñesas. Minerva María García Romay, (BOLETÍN ABRENTE No 46)