A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mulleres en colectivo: A historia xogada carta a carta

Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), presentamos “Mulleres en Colectivo”, un xogo de cartas deseñado para rescatar do esquecemento as figuras e os grupos femininos que sosteron a nosa cidade. Este material educativo parte directamente da investigación recollida nesta web e nace co obxectivo de axudar a reescribir o noso pasado contando con todas as súas protagonistas.

Que imos atopar?

O xogo convida a descubrir a forza da unión a través de diversos colectivos históricos:

  • As Mulleres Muro, que fixeron do seu corpo un parapeto fronte ao cárcere en 1936.
  • As Cigarreiras, exemplo de organización e dignidade laboral na fábrica da Palloza.
  • As Lavandeiras, que en 1907 protagonizaron unha folga histórica de quince días a través do sindicato “La Heterogénea”.
  • As Chambonas, Mandadeiras, Misteiras e Costureiras, mulleres que dende os seus oficios teceron a identidade social e política da Coruña.
  • As Irmandiñas e as cargadoras de El Progreso Femenino, punta de lanza do asociacionismo de principios do século XX.

Un recurso para todas as idades

Este xogo está pensado como unha ferramenta versátil para o ensino. O alumnado pode xogar a emparellar as cartas por título e imaxe, ou engadir o texto para profundar nas súas historias, adaptándose así a diferentes idades. O formato busca espertar a curiosidade e axudar a construír un imaxinario feminista que contribúa á igualdade real dende a infancia.

Como ben dicía Mari Luz Morales: “Sempre houbo mulleres insignes en Galicia. En todos os tempos, baixo todas as luces”. É hora de que as súas luces volvan brillar nas nosas mans.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies