A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mulleres artistas

As fadas do caracol- Díaz Baliño

Cuestionarmos tocaría sobre a posibilidade de que as artes plásticas en manufactura feminina conformen ou non profesión nesta cidade herculina. Temos en conta que a pintura  forma parte da educación sofisticada das mulleres do extracto alto da sociedade. Non esquezamos a esa Sofonisba Angüisola elixida como dama de corte de Isabel de Valois polas súas dotes recoñecidas polo propio Miguel Ángel. Estabamos no século XVI e Sofonisba acaba pintando un dos retratos máis célebres de Felipe II. Un retrato sen firma que durante moito tempo foi teimudamente atribuído a Sánchez Coello.

Temos tamén en conta que a práctica totalidade das mulleres artistas das que podemos falar aquí sobresaíndo do anonimato teñen un nome e apelido asociados a nomes e apelidos masculinos. O primo Xesús de María Corredoira, a quen referencia en estilo e no mudar un i propio por un y alleo. Os moitos irmáns de Lolita Díaz Baliño, e o sobriño Isaac, que a une con Mimina, cando en realidade foi ao revés. Mesmo Pascuala Campos, xa unha muller moito máis nova, con algúns  proxectos arquitectónicos que malia ser co–asinados na década do feminismo aparecen aínda hoxe como obra en exclusiva de César Portela. Ou Milagros Rey, a nosa primeira arquitecta coruñesa, sempre filla de.

Se cadra é a pintura a arte máis permeable á presenza feminina, pero as inercias non mudan facilmente e abandonamos o século xix aínda inmersas naquel espírito de cantar os páxaros e as flores que denunciaba Rosalía. Decorativista. Decorativa era a pintura óptima para mulleres, –preferiblemente acuarela– e decorativa era a pintura na súa formación, igual que a música –piano– e os idiomas –francés–. Adornos para engadir beleza e status.

O status social vai ser outro dos grandes escollos á hora de elaborar unha carreira profesional no campo das artes. A visibilidade individual necesaria naquel modelo artístico só se podía lograr por medio de redes de influencia dificilmente acadables polas clases baixas. Non era só unha cuestión de talento e si unha cuestión de posición, de economía e de acceso á formación. Unha formación que no caso da muller é especialmente endóxena: clases particulares impartidas por mulleres. Tamén hai que ter en conta que non abundaban as infraestruturas oficiais para os estudos de Belas Artes na nosa cidade até ben avanzado o século XIX.

Malia a todo, na Coruña son moi salientables varios feitos que abordan directamente a cuestión. A primeira é a creación en 1851 dunha Escola de Debuxo de figura e de adorno para rapazas, unha sección da academia de Belas Artes que funciona por empeño altruísta de dous dos seu membros. A súa singradura foi moi curta, en 1854 a epidemia de cólera que sofre a cidade pecha a iniciativa durante vinte anos. Habería que agardar máis de medio século para ver na cidade unha exposición colectiva exclusivamente de pintoras, pero foi aquí, foi na Coruña por primeira vez en Galicia e foi inaugurando unha entidade cultural. Estamos en 1934 inmersas no optimismo intelectual republicano e a Asociación de Artistas abre cunha exposición dos traballos de Elvira Santiso, Elena Olmos, María Corredoira, Dolores Díaz Baliño e as irmás Álvarez de Sotomayor.

Precisamente dúas desas mulleres: Lolita Díaz Baliño e María Corredoira son as primeiras mulleres que entran como académicas numerarías en 1938. Dúas mulleres que teñen unha vida con bastantes paralelismos e que si se poden considerar artistas de profesión. Traballan por encargo, venden a súa obra e dan clases de debuxo a outras mulleres. A docencia como unha táboa de salvación para o oficio ao mesmo tempo que o asfixia. Vidas, todas elas moldeadas a base de invisibilidade, abonda achegarse ás salas expositivas da nosa cidade para comprobalo.

Dúas interesantes crónicas da época:

Comparte esta biografía

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

Explorar máis

Isabel Ríos
Represaliadas

Isabel Ríos

Isabel Ríos Lazcano naceu en Curtis 1907 e foi militante do partido comunista represaliada. En 1929 casa co médico Manuel Calvelo López. Xa cun fillo,

Ler máis »
Herminia Borrell
Pioneiras

Herminia Borrell

Herminia Elena Josefa Rodríguez-Borrell Feijóo nace en Camariñas en 1897 no seo dunha familia que fixera fortuna en Cuba. Muller mítica da aristocracia coruñesa, con

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies