AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Milagros Rey

Milagros Rey Hombre

Milagros Rey Hombre nace en Madrid en 1930 e morre na Coruña en 2014.

Primeira arquitecta colexiada na Coruña. Primeira Arquitecta municipal da cidade, tendo ao seu cargo o persoal de Urbanismo e do corpo de Bombeiros. Tivo un papel fundamental no deseño actual da cidade da Coruña.

Se a primeira arquitecta galega (e terceira española): Rita Fernández Queimadelos ( A Cañiza, 1911- Barcelona, 2008), tivo que vencer o rexeitamento paterno a ir á universidade e a estudar unha carreira “de homes”, non o tivo máis doado, Milagros, pese a ser filla de arquitecto, pois este consideraba incompatíbeis a saia e os tacóns, cos perigosos andamios.

Unha das persoas que lle inculcou a afección polo debuxo foi Castelao, amigo do pai, que lle ensinou a manexar o lapis cando era nena e do que garda un emotivo recordo.

O seu pai, Santiago Rey Pedreira retouna a aprobar a reválida de sétimo á primeira para ceder ante a teima dela de ir estudar Arquitectura. Obtivo o único Premio Extraordinario de Galiza.

Milagros Rey Hombre“Lalos”, apelativo polo que sempre foi coñecida, comeza a carreira en 1952. Participa activamente das actividades académicas, deportivas (xogadora de rugby, ao principio, nos descansos do equipo masculino) e protestas políticas do momento.

Licénciase en 1960 e pouco despois regresa á cidade e abre o seu estudo na rúa Sánchez Bregua.

Foi consciente sempre de que a arquitectura está para cumprir un servizo. Unha das súas preocupacións foi a situación de deterioro da vivenda social.

Durante 7 anos como Xefa da Sección Técnica do Concello, encargouse da planificación dos polígonos de vivendas para Elviña e o Barrio das Flores, da reparcelación da Primera Coruñesa (industria do sector téxtil), da construción do primeiro rañaceos da cidade, a Torre Dourada (máis coñecida como Torre dos mestres) e da Fonte de Catro Camiños.

Dos encargos particulares, sempre se sentiu moi orgullosa do Local social do Pescador de Fisterra, proxecto financiado polos mariñeiros e ”unha obra levantada polas mans das mulleres”.

Foi tamén responsábel da xestión de expropiación dos terreos para a instalación da Refinería, así como do edificio de oficinas e da reforma da capela interior do colexio da Compañía de María.

Foi profesora da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, onde presentou a súa tese de Doutoramento sobre a igrexa de Santa Margarida e a súa contorna.

Foi galardoada coa Medalla Castelao en 2005 en recoñecemento á súa traxectoria profesional.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Amparo Alvar
Pioneiras

Amparo Alvajar López

Amparo Alvajar López nace na Coruña o 8 de agosto de 1916, no berce dunha familia republicana formada pola Irmandiña Amparo López Jean e César

Ler máis »
Concepción Arenal
Pioneiras

Concepción Arenal

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte nace en Ferrol en 1820, filla dun militar liberal morto prematuramente a causa das súas estadías en prisión.

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies