Micaela Chao nace en Viveiro e emigra con seus pais á Habana, participa alí da vida cultural da cidade e comparte con outros galegos, tamén emigrados, o seu interese pola música e a dramaturxia na Sociedad Gallega de Declamación Rosalía Castro da cidade cubana. Alí coñece ao que sería o seu compañeiro de vida e de ideoloxía Antón Vilar Ponte.
Micaela e as súas irmás Tereixa e Carme xunto cos seus irmáns Antón e Juan abrazaron desde moi novos o ideario galeguista que compartiron cos irmáns Villar Ponte, Antón e Ramón.
Tras casaren na Coruña o 26 de abril de 1913 Micaela e Antón, pouco despois casaría a súa irmá Tereixa Chao con Ramón Vilar Ponte, emprenderon unha existencia en común de loita pola causa do galeguismo e pola militancia común nas Irmandades da Fala. Neses anos comeza a escribirse da necesidade de creación dunha “liga” que defenda a lingua mais tamén os intereses todos das galegas e galegos e Micaela é desde o inicio unha das primeiras mulleres en comprometerse con ese ideal que viña do rexionalismo e camiñaba cara ao nacionalismo “nós nomeámonos de hoxe e para sempre, nacionalistas galegos”.
Á xuntanza fundacional das Irmandades (A Coruña 18/5/1916) asistiu a plana maior do rexionalismo coruñés e alí ao lado das escasas dúas ducias de galeguistas estaba Micaela Chao Maciñeira a única muller presente na xuntanza que deu orixe ás Irmandades da Fala e a primeira que fixo efectiva a súa afiliación ás IdaF. A crónica que fai o xornal La Voz de Galicia da reunión si que fala da presenza dos Chao Maciñeira mais non di que quen estaba alí era Micaela e o irmán máis novo desta, Antonio Chao.
Micaela tamén formaría parte da delegación das Irmandades a Cataluña en novembro de 1917.
Na crónica de La Veu de Catalunya cóntase esta viaxe de intercambio “arribà el president de les Irmandades da Fala, senyor Villar Ponte, acompanyat d’altres senyors, i la seva presència fou rebuda amb sorollosos aplaudiments i visques a Galícia, als quals ell correspongué amb visques a Catalunya”.
“Els nostres companys en Nacionalisme s’en van de Barcelona plens de satisfacció per les moltes i afectuoses atencións de que han estat objecte arreu on han anat” […] “a la senyora de Villar Ponte li han estat entregats un artístic feixet d’eura lligat amb una cinta de bandera catalana i um pom de violes boscanes.
Micaela sería a principal impulsora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade da Fala da Coruña. Esta Sección constituiríase en agosto de 1918 e contaría con máis de 200 asociadas, sendo Micaela Chao inicialmente a súa Conselleira Primeira. Unha sección que realizou un traballo importante, editaron propaganda, recolleron información sobre a situación laboral da muller galega e reclamaron aos Centros Galegos de América pola protección á muller emigrada.
Colaboradora tamén, xunto a súa irmá Tereixa, das actividades do Conservatorio Nazonal do Arte Galego como actriz, ademais de tocar o piano nos entreactos das sesións teatrais.
Pensamento e praxe uníanse en Micaela, a súa defensa do galego fai que eduque nesa lingua os seus fillos, Tonecho e Meliña, algo pouco común nesa altura, recólleo así nun artigo Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey), “Si todol-os fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa terra”.
Aos 36 anos de idade morre Micaela Chao Maciñeira, (o 27 de novembro de 1928) a consecuencia dunha nefrite e nunha carta que Antón escribe ao seu amigo Álvaro Cebreiro dille “A maoría das claudicacións veñen dos consellos teimados e doces das mulleres no seo da familia. Pro a miña, tí ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi áa para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar (inda sintindo andarlle a procesión por dentro) dábame azos. Véume no carce, e esperimentaba fondo orgulo por elo. Véume á morte e non saiu da beira do meu leito até que non puido mais…”
Para saber máis: Micaela Chao Maciñeira, Irmá da Fala. A Ínsua do Ínsua. Blog persoal de Emilio Xosé Ínsua.