A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mercedes Tella Comas

Mercedes Tella

Os inicios. Formación académica. 1868–1895

Mercedes Tella Comas, mestra e directora da Escola Normal de Mestras, naceu na Coruña en plena revolución, o 22 de setembro de 1868, cando estaban chegando á cidade os ecos do pronunciamento de Cádiz do día 18 e dos preparativos de Ferrol para secundar o movemento, iniciándose na cidade departamental o movemento ao que, en poucos días, se uniría o resto de Galicia. E durante a tensa espera pola evolución dos acontecementos que flotaba no ambiente, na familia Tella–Comas tiña lugar o nacemento de dúas fillas xemelgas.

María de las Mercedes Josefa Tella Comas era filla de José Tella Otero, perito agrimensor, e Perpetua Comas Arias. Naceu ás 6:30 da madrugada do día 22 de setembro de 1868 no domicilio de seus pais, o nº 10 de Porta Real e, pouco despois, ás 8:00, naceu a súa irmá xemelga, Sofía María. Ambas nenas recibiron o bautismo de necesidad por Pascual Veiga e pola tía, Josefa Comas, e posteriormente, o día 27 do mesmo mes, foron bautizadas na igrexa de Santiago da cidade da Coruña. Seu pai era natural de Santiago e a súa nai da Coruña e, ademais de Mercedes e Sofía, tiveron tres fillos máis: Julio (3–9–1864), Elisa Perpetua Enriqueta (20–9–1870) e Alfredo (11–2–1873).

José Tella Otero, ademais da profesión de agrimensor, era a persoa de confianza dunha importante empresa de contratas de obras de estradas e das expropiacións para a construción da vía férrea A Coruña–Sarria, situación que permitiu á familia vivir con certa comodidade e a seus fillos poder realizar estudos. Así, as dúas xemelgas seguiron pasos similares nos seus inicios académicos e matriculáronse na Escola Normal de Mestras da Coruña nos cursos 1883–84, 1884–85 e 1885–86 obtendo, en setembro de 1886, o título de mestras de Primeira Ensinanza Superior cun bo expediente.

Para poder ser mestra de Escola Normal había que cursar o 4º ano na Escola Superior de Maxisterio en Madrid e Mercedes trasladouse á capital obtendo o título de Mestra de Primeira Ensinanza Normal en xuño de 1895.

Actividade en Madrid. 1896–1900

Mercedes Tella permaneceu varios anos en Madrid completando a súa formación e comezando a destacar na capital a través de publicacións e intervencións públicas, ademais de impartir clases.

Aritmética Elemental
María de la Rigada e Mercedes Tella. Aritmética elemental. Madrid 1896.

Un fito clave na biografía de Mercedes Tella foi a publicación, en Madrid en 1896, xunto con María de la Rigada, dun texto destinado ás Escolas Normais —Aritmética elemental— que foi empregado como oficial desde 1897 en varias Normais e declarado de utilidade para esas Escolas polo Ministerio. Esta publicación, polas novidades que introducía e pola ampla difusión que tivo, permitiu a Mercedes Tella abrirse camiño no mundo cultural de Madrid e manter relación cunha das máis destacadas mestras e publicistas da época, María de la Rigada.

Entre 1896 e 1900 Mercedes Tella foi profesora de Ciencias da Escola Normal Central de Mestras, cargo que compatibilizaba coa ensinanza privada para poder manterse economicamente. Cesará nestes cargos cando se incorpore, como titular, á Escola da Coruña.

Compaxinando o seu labor docente —e moi posiblemente animada por María de la Rigada—, participou Mercedes Tella nas sesións do IX Congreso Internacional de Hixiene e Demografía celebrado en Madrid en abril de 1898. A súa comunicación titulábase Las condiciones higiénicas del libro durante el período escolar e dou lugar a observacións formuladas por varios doutores presentes no Congreso. As conclusións foron publicadas nas actas do propio Congreso e en La Escuela Moderna, unha das revistas profesionais de maior prestixio e tirada da época.

Pola participación no anterior Congreso, a Sociedad Española de Higiene nomeou a Mercedes Tella socia activa da institución en febreiro de 1900 e o 19 de xuño deu a súa primeira conferencia no local que a Sociedade tiña en Madrid sobre o tema La higiene en el hogar. A prensa madrileña e galega fixo amplos e eloxiosos comentarios da intervención da mestra coruñesa.

Profesora na Coruña e Madrid. 1901–1906

Nos primeiros anos do século XX, Mercedes Tella desenvolveu unha intensa actividade, pero tamén foron anos de desgrazas familiares que afectaron seriamente a súa saúde.

En maio de 1901 Mercedes Tella foi nomeada profesora numeraria —equivalente a catedrática— por oposición da Escola Normal de Mestras da Coruña, tomando posesión da praza o 16 de xuño. A satisfacción persoal e familiar non puido ser completa, pois o 2 de abril de 1901 faleceu o irmán maior, Julio.

Na Escola Normal da Coruña desempeñará Mercedes Tella o resto da súa carreira profesional, agás o breve período comprendido entre xuño de 1901 e agosto de 1902, no que volveu a traballar na Escola Normal Central de Mestras de Madrid en comisión de servizos. Durante a súa estancia en Madrid, ademais das clases na Normal, participou na vida cultural e profesional tomando parte nas discusións da Asemblea Nacional celebrada polos Amigos de la Enseñanza que tivo lugar en decembro de 1901. Foi tamén durante ese curso en Madrid cando debeu colaborar no Álbum artístico–literario, publicado en 1901.

1902 foi un ano especialmente triste para Mercedes Tella, pois aos seus problemas de saúde e a recente morte de Julio, sumáronse as mortes de dous dos seus irmáns: Sofía, a irmá xemelga que casara en 1900, faleceu en Betanzos, onde residía co seu marido, Augusto Veiga Valenzano, o 2 de abril de 1902. E poucos meses máis tarde, o 23 de setembro, faleceu Elisa en El Palmar (Murcia), onde residía co seu marido Pérez Villarroel e unha filla.

A perda tan seguida de seres moi queridos sumiu a Mercedes nunha situación depresiva que a levou a solicitar unha baixa temporal en 1902 para tratar de recuperarse tanto do seu ánimo como dos problemas de reumatismo que padecía.

O descanso e o traballo na Escola conseguiron fortalecer o ánimo da mestra, de modo que tivo forzas para presentar unha comunicación e participar nas discusións do Congreso Médico Internacional celebrado en Madrid en abril de 1903. Nesta ocasión, Mercedes Tella presentou o traballo titulado Los juegos en la escuela polo que mereceu as felicitacións dos compañeiros do Claustro da Normal Central e tamén da prensa, que coincidiu unanimemente en valorar a achega da mestra coruñesa.

Mercedes Tella solicitou e obtivo de Real Orde a autorización legal para, con desconto de medio salario, ampliar estudos en Madrid durante o curso de 1904–5. Deste modo, puido realizar varias actividades para completar a súa formación en ámbitos relacionados coa docencia. Así, fixo estudos superiores no Ateneo de Madrid, asistiu e fixo prácticas no laboratorio de Química Industrial Orgánica de Escola Superior de Artes Industriais de Madrid e matriculouse como alumna oficial no Colexio Nacional de Xordomudos e Cegos na materia de Métodos y procedemientos para la enseñanza de sordomudos y ciegos, obtendo Sobresaliente nos exames celebrados o 22 de maio de 1905 e o número 1 da listaxe xeral.

Ademais, cando no curso 1904–5 o profesor Manuel Bartolomé Cossío impartía a materia de Pedagoxía Superior na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid, matriculouse como alumna presentando, como traballo final do curso, o titulado Conceptos y valor de la pedagogía Universitaria y crítica de las opiniones reinantes acerca de este problema, traballo que defendeu en maio de 1905 e que mereceu a cualificación de Sobresaliente.

Durante a estancia en Madrid, Mercedes Tella entrou en contacto coa Unión Ibero–Americana que, desde a súa orixe, mostrou fonda preocupación pola formación das mulleres e que foi a principal impulsora de varias iniciativas educativas nas que Mercedes participou de forma moi activa. A primeira colaboración foi a través da publicación, na revista da institución, dun artigo titulado Armonías hispano–americanas no que, retomando temas abordados no anterior congreso médico, volvía sobre a necesidade de que os gobernos tomasen conciencia da obriga de atender aos nenos e nenas con deficiencias.

Mercedes Tella
Mercedes Tella en 1905. Unión Ibero-Americana (Madrid), 31-12-1905.

A proposta da Xunta Directiva da Unión, nunha xuntanza celebrada o 26 de marzo de 1905, constituíuse a Junta de Damas de la Unión Ibero–Americana presidida por María Vinyals, marquesa de Ayerbe; como vicepresidentas Emilia Pardo Bazán, Concepción Gimeno, a Condesa del Val e Carmen Rojo, e como secretarias Mercedes Tella e Asunción Vela. No reparto de funcións entre os diferentes grupos de traballo en que se organizaron, Mercedes Tella foi designada para ocupar a secretaría da Comisión encargada de organizar as seccións correspondentes nas capitais das provincias españolas. O xurdimento desta nova institución ao servizo da educación e cultura feminina foi moi ben acollida pola sociedade e tamén na Coruña se fixo eco a prensa, que desexaba que se cumprisen os propósitos de ir formando centros nas capitais de provincias. O 18 de maio, no local de Unión Ibero–Americana de Madrid, Tella pronunciou unha conferencia na que fixo unha extensa exposición sobre temas relacionados coa educación e a cultura da muller e a súa evolución e problemática, mostrándose firme defensora da co–educación e do papel que debe desempeñar a muller en todas as ordes e ámbitos da vida.

O 25 de novembro de 1905 foi aprobado o regulamento do Centro Ibero–Americano de Cultura Popular Femenina y Escuela de Madres de Familia e a inauguración tivo lugar o 18 de marzo de 1906 no local da Asociación para la Enseñanza de la Mujer. María Vinyals presidía o padroado e a Escola de Nais foi a primeira deste tipo que funcionou en España. Mercedes Tella tivo un destacado papel na organización e posta en marcha deste Centro, especialmente en catro ámbitos: como colaboradora, da revista que este editaba (Unión Ibero–Americana); como mestra de Física e Química e Aplicacións domésticas da Química; como secretaria da Junta del Patronato de Damas da Unión Ibero–Americana, e como inspectora xeral desde febreiro de 1906, xunto con Melchora Herrero Vidal, unha das principais impulsoras do proxecto.

O intenso traballo realizado en Madrid aumentou considerablemente o prestixio de Mercedes Tella e numerosas entidades científicas e culturais distinguírona con nomeamentos honoríficos, ademais de elixila para determinados cargos nas súas xuntas directivas tanto en Madrid como na Coruña. Entre estas distincións destacan as seguintes: socio activo da Sociedad Española de Higiene, vogal de honra da Real Sociedad fundadora de colegios de huérfanos del Magisterio, membro correspondente da Real Academia Galega e socio de honra da Sociedad Pedagógica El Magisterio de Madrid.

Directora da Escola Normal de Mestras da Coruña. 1907–1910

Tras o permiso concedido para estar en comisión de servizos en Madrid, Mercedes Tella se reincorpora á Escola Normal de Mestras da Coruña á praza da Sección de Letras que obtivera por oposición, impartido a materia de Xeografía. O intenso traballo realizado en Madrid pasoulle factura na súa saúde e, durante os meses finais de 1905 e primeiros de 1906, tivo que solicitar varios permisos de baixa médica para repoñerse.

O prestixio adquirido e a capacidade de traballo ben demostrada, levou ao Ministerio a que, mediante a R. O. de 7 de outubro de 1907, nomease a Mercedes Tella directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, un cargo que desempeñou ata que, por motivos de saúde, tivo que renunciar, pero que volverá a desempeñar anos máis tarde, unha vez recuperada.

A nova directora da Normal mantivo na Coruña unha actividade tan intensa como a que tivera en Madrid e rapidamente se integrou na vida cultural da cidade participando nas súas institucións culturais, sen descoidar o traballo burocrático e administrativo que implica a dirección dun centro como a Normal de Mestras. Cando Mercedes Tella se fixo cargo da súa Dirección, a Escola seguía instalada —malamente instalada— en parte do inmoble nº 24–25 da Praza de María Pita. O local non reunía as condicións que debía ter tal establecemento docente, polo que, ata o seu traslado ao edificio propio na Cidade Escolar, pasarán case cen anos desde a súa creación. Así se comprende que, en todas as épocas, as directoras da Normal tiveron que facer fronte a continuas peticións para que a administración dotase ás futuras mestras e aos escolares da anexa de prácticas de locais apropiados, así como para solucionar continuos problemas de obras de reparación do deteriorado inmoble.

Ademais da preocupación polo estado do edificio e de atender as súas clases, a nova directora tiña que facer fronte ao traballo administrativo que xera un centro como a Escola de Mestras: certificados, títulos, solicitudes, trámites, recepción e emisión de correspondencia… que ocupan boa parte da xornada laboral da Dirección. No libro de rexistro de saída da Escola contabilízanse 150 oficios en 1908, 119 en 1909 e 162 en 1910, o que dá idea do volume de traballo administrativo que xeraba a Escola.

O domingo 25 de novembro de 1907 tivo lugar a primeira conferencia de Mercedes Tella na Coruña. O acto formaba parte do programa de actos organizados polo recentemente creado Ateneo ou Sección Ateneística científico–literaria organizada no seo da Reunión recreativa e instructiva de artesanos, máis coñecida coa denominación popular de Circo ou Reunión de Artesanos. Entre as finalidades desta sección estaba organizar excursións, certames anuais, publicar memorias sobre diversos temas, celebrar veladas literarias e musicais e conferencias que desen lugar a controversias sobre o tema exposto.

Mercedes Tella
Mercedes Tella. La Voz de Galicia (A Coruña), 29-11-1907.

A conferencia de Mercedes Tella iniciaba a segunda fase do programa do Ateneo. Era a segunda muller que subía á tribuna do Circo, pois unicamente Emilia Pardo Bazán, presidenta honoraria da institución, pronunciara un discurso nesa institución en novembro de 1904. A intervención da directora da Normal espertou grande interese na Coruña, pois a súa sona viña precedida dos éxitos que tivera en Madrid. De aí que o local do Circo resultase insuficiente para dar cabida a un público ansioso de escoitar a conferencia que levaba por título: Factores sociales.

A partir desta data, Mercedes Tella e María Barbeito desde os seus respectivos postos directivos (Normal e Escolas da Guarda respectivamente) coincidirán en múltiples ocasións para unir forzas en beneficio da educación feminina ou para mellorar a condición de colectivos desfavorecidos (caso, por exemplo, de vítimas de naufraxios ou de feridos de guerra).

Este capítulo da vida de Mercedes Tella remata con dous acontecementos de profunda significación para o seu futuro: a voda con Mario Sánchez Belorado (30 de outubro de 1909) e o nacemento do seu único fillo, Leopoldo José (9 de novembro de 1910).

Anos de dificultades. 1911–1913

Os anos 1911, 1912 e 1913, foron para Mercedes Tella tempos marcados polas continuas recaídas da súa saúde. Os diferentes partes médicos confirman que, á profunda anemia provocada polo parto de seu fillo, uníronse outras doenzas que a obrigaron a pedir numerosas baixas e tratar de recuperarse en Villafranca del Bierzo e Madrid. Foron anos dolorosos e depresivos que a obrigaron a solicitar o cese como directora da Normal e que non superou ata ben entrado 1914 cando, plenamente recuperada, volveu ao traballo docente e a ocupar, de novo, a Dirección da Escola.

De novo directora da Escola Normal de Mestras da Coruña. 1914–1931

Asentada definitivamente na Coruña, formada a súa propia familia e recuperada a saúde, Mercedes Tella viviu na Coruña unha vida profesional e social intensa.

Actividade profesional

Cando volve a facerse cargo da Dirección da Escola, Mercedes Tella retoma con forza as actividades propias dese cargo que tivera que deixar para repoñer a súa delicada saúde, iniciando o curso 1914–15 con forzas renovadas. Desde a súa incorporación á Escola e ata a xubilación, sempre impartiu a materia de Xeografía. Como directora, dedicou moitas horas ao traballo de tipo administrativo, auxiliada por outras profesoras, especialmente por Esperanza Brañas e Sofía Amigo.

A preocupación por conseguir un local máis adecuado para a Normal supuxo tamén moito esforzo, pero sen éxito. Ante o aumento de matrícula e as poucas esperanzas de que a Normal ocupe un novo local, Mercedes Tella toma unha decisión: desaloxar a súa vivenda, que ocupaba no mesmo edificio da Escola, e trasladarse a vivir ao edificio da rúa Tabernas nº 10. No baixo instalou seu marido o despacho de viños das propias adegas de Villafranca del Bierzo.

Mercedes Tella inaugurou o curso escolar na Coruña o 1 de outubro de 1916 coa lectura dun discurso titulado Algunos aspectos del problema pedagógico–social, acto que tivo lugar no Teatro Principal ás 12 da mañá con asistencia de numeroso público, tanto de autoridades como de alumnado. Foi un discurso longo no que defendeu o amor entre os seres como superador de odios e diferenzas, con abundantes exemplos ilustrativos, nos que era apreciable a dobre condición da autora como pedagoga e como profesora de Xeografía e Historia. O acto resultou moi brillante e a prensa recolleu con amplitude a intervención da directora da Normal, valorando o contido da mensaxe.

Dentro das obrigacións dun funcionario de Educación está a de formar parte dos tribunais que teñen que xulgar os aspirantes a ocupar os postos docentes mediante oposición. Polo cargo de directora, Mercedes Tella foi designada en varias ocasións para presidir e formar parte destes tribunais.

Para poder manter o nivel de traballo e aliviar os persistentes problemas reumáticos que padecía, Mercedes e seu fillo trasladábanse a Villafranca del Bierzo, lugar de procedencia da familia do seu marido, durante as vacacións de verán, nos meses de xullo e agosto.

Actos relacionados coa Normal

Outro tipo de actividades nas que participou Mercedes Tella foron as relacionadas con actos vinculados estreitamente á Normal e ao seu cargo de directora. A prensa recolleu algúns, entre os que destacamos os seguintes: recepción de grupos de profesoras e alumnas de Escolas Normais que visitaban a cidades (a de Lugo en abril de 1917 e a de Pontevedra en maior de 1925). Celebración do centenario do nacemento de Concepción Arenal organizado pola Normal. Colaboración constante coa asociación Amigos del Árbol, así como co Día do Aforro. Acompañamento de grupos da Normal a Santiago os Anos do Xubileo…

Congresos e reunións pedagóxicas

Durante a década de 1920 consta a participación de Mercedes Tella en tres congresos relacionados coa renovación e actualización pedagóxica. O primeiro foi o celebrado en Lugo en outubro de 1923, un Certame e Congreso Pedagóxico no que a directora da Normal aceptou presidir unha das catro seccións nas que se organizou. O segundo foi o Congreso Pedagóxico Rexional que tivo lugar na Coruña en outubro de 1926 e que contou cunha elevada participación —máis de 900 inscritos— e unha destacada cobertura na prensa; o traballo desenvolvido por Tella foi recoñecido na sesión inaugural, na lectura que da memoria do Congreso fixo o seu secretario xeral, o señor Arias. O terceiro acto relacionado con asembleas de carácter pedagóxico no que interveu Mercedes Tella tivo lugar en 1928 en Santiago e tiña como obxectivo abordar aspectos directamente relacionados coa situación económica e a preparación profesional do Maxisterio.

Participación na Asamblea Popular de 1916

Durante a Primeira Guerra Mundial, para tratar de paliar os negativos efectos que o conflito internacional estaba provocando na Coruña, especialmente a escaseza de traballo entre a clase obreira e a carestía das subsistencias, xurdiron varias iniciativas, entre elas a liderada polo alcalde Manuel Casás a través da organización da Asamblea Popular. Casás propuxo convocar unha asemblea de organismos coruñeses para acordar as bases dun plan xeral de melloras para ser solicitadas ao Goberno. O grupo liderado por Mercedes Tella, enviou as súas propostas relacionadas coa educación (concesión de matrícula gratuíta para alumnos pobres na Escola de Comercio e na Normal de Mestras; creación dunha Escola Normal de Mestres; proxecto de edificio para arquivo xeral de Galicia, biblioteca provincial e Escola Normal de Mestras…). O resultado dos traballos da Asemblea Popular en xeral e da comisión que foi a Madrid en particular, cun plan tan ambicioso, non podía concretarse de forma inmediata pero se puxeron as bases para conseguir algúns deses obxectivos anos máis tarde.

Colaboración coas actividades da Reunión de Artesanos, Instituto de Estudios Gallegos e Real Academia Gallega

Mercedes Tella, socia de honra do Circo de Artesanos desde 1907, continuou colaborando intensamente coa sociedade. Así, en abril de 1919 foi elixida para iniciar o curso de puericultura coa conferencia titulada La puericultura estudiada como obra de solidaridad: sus factores. Nun local abarrotado e no que asistían numerosas mulleres, o presidente do Circo, Manuel Casás, presentou á conferenciante como la honra de la mujer gallega, eloxio que a destinataria considerou inmerecido.

Mercedes Tella
Mercedes Tella. La Voz de Galicia (A Coruña), 14-7-1918.

O 30 de xaneiro de 1918, baixo a protección da Reunión de Artesáns, creouse o Instituto de Estudios Gallegos, organismo que funcionaba con independencia da Reunión, constituído coa finalidade de promover estudos de carácter rexionalista. Manuel Casás era o presidente e Fernando Martínez Morás o secretario. Os membros na nova institución organizáronse en varias seccións e Mercedes Tella foi elixida para presidir a Sección 6ª de Estudios Pedagógicos. Desde ese posto directivo, para conmemorar o centenario do nacemento de Concepción Arenal, organizou varios actos e propuxo a recompilación do pensamento da pensadora ferrolá destinado a nenos.

Tella á esquerda do alcalde Manuel Casás
Mercedes Tella, á esquerda do alcalde Manuel Casás, nos actos de inauguración dunha vitrina no Concello na que se depositaron varios autógrafos e obxectos persoais de Rosalía de Castro. (Biblioteca de Estudos Locais. A Coruña).

Mercedes Tella colaborou co Círculo de Artesáns e co Instituto de Estudos Galegos na organización de actos, visitas e acompañamento de personaxes destacados da cultura que estiveron na Coruña, entre os que destacaron: en novembro de 1917 a destacada pedagoga e humanista María de Maeztu; febreiro de 1924 o polígrafo portugués Teófilo Braga; xaneiro de 1925 a poeta chilena Gabriela Mistral; maio de 1925 Sofía Casanova, abril de 1928 homenaxe ao periodista Alejandro Barreiro…

Visita de Paulina Luisi a Oza
Visita de Paulina Luisi ao Sanatorio de Oza o 13 de abril de 1928 acompañada, entre otras personalidades, por Mercedes Tella (Arquivo familia Martínez Barbeito).

En abril de 1928 fixo escala na Coruña, procedente de Xenebra, Paulina Luisi, presidenta da Alianza Uruguaya para el Sufragio Femenino e fundadora do Consejo Nacional de Mujeres de Uruguay, antes de emprender a viaxe de retorno ao seu país. Segundo explicaba a propia Paulina Luisi, coa visita á Coruña quería corresponder ás mostras de agradecemento recibidas pola iniciativa de honrar a Concepción Arenal cunha rúa en Montevideo. Durante os días que permaneceu na cidade, Paulina Luisi foi obxecto de múltiples atencións por parte das autoridades e dos centros e institucións que visitou. Mercedes Tella foi unha das personalidades que acompañou á ilustre uruguaia en varias das visitas que realizou.

A presenza de Mercedes Tella é constante nos actos que se organizan na cidade durante os últimos anos da década de 1920: en maio de 1928, con motivo do centenario da morte de Goya, Tella formou parte do xurado, xunto con González del Villar e Seijo Rubio, encargado de valorar os 36 traballos presentados e de entregar os premios aos seleccionados. Preside, xunto con outras autoridades civís e militares, os actos do Día de América en maio de 1928. Asiste, con varios membros da Real Academia Galega, aos actos en conmemoración do 96 aniversario do nacemento de Manuel Murguía. En setembro de 1929, cando se cumpría un ano da morte do pintor Román Navarro, a Academia de Belas Artes da Coruña organizou un acto de homenaxe no que tamén participou Mercedes Tella. O derradeiro acto de tipo cultural ou social no que localizamos a participación de Mercedes Tella foi a homenaxe a Lugrís Freire que tivo lugar na Terraza de Sada organizada pola sociedade Sada y sus contornos e que reuniu a máis de 200 comensais. Na mesa presidencial do banquete estaba, xunto ao homenaxeado e a súa muller, Mercedes Tella, o presidente de la Real Academia Galega, Rodríguez González, e Santiago Casares Quiroga.

Actividades de beneficencia e protección social

Mercedes tella dedicou miles de horas a estas actividades, formando parte moi activa de institucións como a Xunta de Protección á Infancia, roupeiros e cantinas escolares, a través das respectivas xuntas directivas de institucións creadas por ela mesma ou colaborando noutras dirixidas por persoas igualmente altruístas e solidarias cos que menos teñen e máis sofren, especialmente a infancia desvalida.

A Junta de Protección a la infancia foi unha das institución de carácter oficial que traballou con regularidade para mellorar as condicións da infancia na Coruña. Fundada en 1904, na Coruña non comezou a funcionar ata 1908, incorporándose Mercedes Tella en novembro de 1919. Os temas tratados por esta Xunta eran moi variados, pero algúns deles estaban presentes en case todas as reunións, especialmente os relacionados coa resolución de axudas económicas solicitadas por particulares, a incorporación de nenos ao sanatorio de Oza, os gastos da casa–cuna e da gota de leche, cuestións relacionadas con denuncias formuladas contra menores por roubos, a búsqueda de solución para nenos abandonados, a censura dos programas cinematrográficos que se exhibían nas sesións infantís, a elaboración de orzamentos anuais, así como os relacionados coa obtención de recursos económicos, especialmente os procedentes da porcentaxe que debían liquidar á Xunta os espectáculos públicos.

En febreiro de 1920, con motivo dos actos de conmemoración do centenario do nacemento de Concepción Arenal, cos cartos que sobraron do recadado polas alumnas da Normal, decidiron crear un fondo para fundar o Ropero Concepción Arenal. A finalidade era proporcionar a los presos de la cárcel ropas de vestir e se financiaría a través de limosnas y donativos de ropas. A sede da institución era a propia Normal e podían enviarse donativos e roupas aos domicilios da vicepresidenta, da secretaria e da tesoureira. Ademais do roupeiro, na Normal funcionou unha Asociación benéfica de la Escuela Normal de Maestras que en forma reservada atiende a las alumnas necesitadas ya costeándoles los libros, bien medicinas e tamén Cantinas, polo menos desde 1927, que eran atendidas polo profesorado e alumnado da Normal.

O 20 de agosto de 1931 estableceuse na Coruña a Asociación Concepción Arenal para protección y rehabilitación del preso, a primeira filial da que se constituíra pouco tempo atrás en Madrid. A xunta directiva estaba presidida por María Barbeito e Mercedes Tella colaboraba como vogal.

Conferencias e actos en centros católicos

Ao longo da década de 1920 Mercedes Tella participou activamente en varios actos organizados por asociacións católicas, a maioría femininas, na Coruña e Santiago pronunciando discursos e conferencias, formando parte de comités organizativos e de asembleas ou simplemente estando presente en actos como inauguracións de locais ou cerimonias relixiosas de especial significado.

O venres 2 de xaneiro de 1920, no local deste sindicato, situado no nº 70 da rúa do Orzán, Mercedes Tella pronunciou unha conferencia titulada El egoísmo: sus raíces y sus frutos en la sociedad. Este sindicato fora fundado no ano anterior e tras a súa constitución, a xunta directiva comezou a organizar actos e as primeiras conferencias foron impartidas por la incansable propagandista de Acción Católica, señorita María de Echarri, y el Sr. García Ramos.

Uns meses máis tarde, o 30 de outubro de 1920, Mercedes Tella foi a Santiago para pronunciar unha nova conferencia encadrada dentro dos actos da solemne inauguración da Casa Social Católica, o edificio que a Liga Mutua de Señoras posee en la Rúa Nueva y que se dedicará a fines de catolicismo social. O bispo auxiliar, Ramiro Fernández Valbuena, bendiciu o edificio de conformidade coas cerimonias rituais e, para celebrar o acontecemento, tivo lugar un festival artístico–literario e a conferencia da directora da Normal coruñesa sobre a crise das grandes virtudes sociais, analizando, baixo a súa óptica persoal, as principais razóns dos males que afectaban á humanidade.

En maio de 1927 Mercedes Tella asistiu a un novo acto dunha organización católica da Coruña, o Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, que inauguraba novo local na rúa Damas.

En xullo de 1929, Mercedes Tella foi a Santiago para participar na Asamblea General de Acción Católica Femenina, que se celebrou naquela cidade entre os días 21 e 24 de xullo de 1929. Tella estaba presente na sesión de inauguración, presidida polo bispo de Santiago, interveu en varias sesións de traballo e pronunciou a conferencia titulada La Acción Católica de la mujer y la clase obrera na que defendeu o papel que esa organización católica debía desempeñar no freo á expansión do socialismo e a adecuación das doutrinas sociais da Igrexa católica coas liñas deseñadas polo Papa León XIII.

En agosto de 1926, nun grupo de coruñeses devotos da Virxe das Dores xurdiu a idea e coroar a imaxe que se veneraba na igrexa parroquial de San Nicolás. Do alto padroado formaban parte o monarca e as altas xerarquías eclesiásticas e constituíase a Sección de Damas, da que formaba parte Mercedes Tella. O domingo 18 e agosto de 1929, coa presenza do infante D. Jaime, varios bispos, as máis altas autoridades militares e civís e un numerosísimo público chegado incluso de fóra da Coruña, foi bendicida e colocada a nova coroa á imaxe da Virxe das Dores.

Presidenta da comisión para reorganizar a Universidad Popular

A Universidade Popular fora unha institución creada en 1906 por destacados intelectuais, profesionais e políticos da Coruña que, durante uns dez anos, desenvolveu unha intensa actividade postescolar centrada en actividades de carácter cultural coa realización de excursións, conferencias, cursos e publicacións. As intensas e negativas repercusións económicas que a Primeira Guerra Mundial provocou na Coruña deberon ser a principal causa de que a institución fose esmorecendo ata desaparecer.

A finais de 1926 xurdiu a idea de reorganizar a Universidade Popular por iniciativa do alcalde Manuel Casás, constituíndose unha comisión presidida por Mercedes Tella. As diferenzas ideolóxicas dos membros desta comisión —desde o anarquismo sindical ao conservadurismo monárquico e católico— dificultaron o entendemento. O 28 de maio de 1927, unha vez aprobados os novos estatutos (elaborados por Ángel del Castillo e Fernando Martínez Morás) e coa asistencia dos membros da Universidade tivo lugar, no local da Cámara de Comercio, a constitución oficial da Universidade Popular. O 15 de outubro reanudou as actividades coa inauguración do curso 1927–28 cunha conferencia do doutor Enrique Hervada. A presenza e a actividade de Mercedes Tella non parece que fose moito máis aló que ese traballo inicial de coordinación e arranque da Universidade porque, posteriormente, nin figura en ningunha directiva nin tan sequera na listaxe de membros da institución, que desaparecerá a medidos de 1930.

Concesión da Cruz de Alfonso XII e creación do Premio Mercedes Tella

Mercedes Tella
Figuras ilustres. Doña Mercedes Tella de Sánchez Belorado, cultísima y notable pedagoga, directora de la Escuela Normal. Vida Gallega (Vigo), 20-5-1927.

A Orde Civil de Alfonso XII era unha condecoración honorífica creada por R.D de 23 de maio de 1902 coa finalidade de premiar os méritos contraídos nos ámbitos da educación, a ciencia, a cultura, a docencia e a investigación. A proposta do alcalde Manuel Casás, iniciáronse os trámites en 1925 para concederlle a Mercedes Tella a distinción, pero diversos problemas atrasaron a imposición e o acto de homenaxe. En febreiro de 1927 chegou a comunicación da concesión, celebrando o Concello e a prensa a decisión ministerial.

Entrega da cruz a Mercedes Tella
Mercedes Tella con compañeiras e amigas asistentes ao acto de entrega da Cruz de Alfonso XII. (Arquivo Municipal. A Coruña).

Problemas políticos no Concello levaron a Casás a presentar a súa dimisión, paralizando, momentaneamente, o acto de entrega da condecoración. A data definitiva para o acto de entrega das insignias da Cruz de Alfonso XII quedou fixada para o 1 de outubro de 1929. O acto constituíu un destacado acontecemento da vida social e cultural coruñesa. Ademais da detallada acta redactada polo secretario do Concello, incluída no expediente, a prensa publicou extensas referencias ao acto, que contou coa presenza das máximas autoridades e representacións de numerosas entidades, sociedades, centros culturais e numeroso público.

Mercedes Tella
Retrato de Mercedes Tella o día da condecoración coa Cruz de Alfonso XII. (Arquivo Municipal. A Coruña).

Tal como era o desexo de Mercedes Tella, unha vez rematados os actos da imposición da Cruz de Alfonso XII, co recadado para a homenaxe que por subscrición popular se ía organizar, ela declinou a realización de tal acto destinando eses fondos á creación dunha beca ou premio para alumnas da Normal da Coruña. Así, a comisión organizadora da homenaxe deu por rematado o seu labor y ha enviado a la señora Tella la escritura notarial de la beca que lleva su nombre y el resguardo del depósito de un título de la Deuda Interior 4 por ciento de 5.000 pesetas, que constituye el capital de la fundación. Como la adquisición del título había costado 3.660 pesetas y se habían recaudado 3.788, queda un remanente de 128 pesetas que se destinará a costear el primer título de maestra por cuenta de la fundación, correspondiente al curso 1928–29.

Iniciaba así a súa longa vida o Premio Mercedes Tella, mediante a escritura de fundación ante o notario Antonio Viñes Gilmet en setembro de 1929 e cun padroado constituído no claustro celebrado na Normal de Mestras da Coruña o 12 de outubro. A convocatoria do premio era anunciada no taboleiro de anuncios da Escola (tamén moitos anos na prensa local) e as aspirantes presentaban o seu expediente, elixindo o padroado os dous mellores e ás agraciadas se lles costeaba o pago dos dereitos de reválida e título de Mestra cos gastos anexos á expedición do mesmo.

O Premio Mercedes Tella funcionou ininterrompidamente durante décadas conservándose abundante documentación da súa xestión ata 1973 (escritura de fundación, solicitudes, expedientes presentados polas aspirantes, estado das contas anuais…). En xuño de 1937 foi clasificada como institución benéfico – docente de carácter particular polo que quedaba exenta do pago de impostos. A regularidade do seu funcionamento fixo deste premio un dos máis solicitados e permitiu a mestras sen recursos facerse cun título co que emprender a súa carreira profesional.

A chegada da República e as novidades no ámbito educativo

Coa chegada da Segunda República o 14 de abril de 1931 modificáronse rapidamente numerosos aspectos da educación e do ámbito docente. Así, segundo a Orde de 30 de abril, os claustros debían reunirse para formular aquellas propuestas que consideren más apropiadas para la provisión de dichos cargos y que expresen a la vez el criterio de las mayorías y de las minorías, caso de no haber unanimidad. Cumprindo a lexislación, o claustro da Normal reuniuse o 6 de maio, presidido pola directora accidental Rita Aller e espontáneamente y por unanimidad de todo el Claustro se acordó proponer para el cargo de Directora de este centro a Dª Mercedes Tella, que por sus especiales cualidades y táctica en el desempeño del mismo contribuye a que la fraternal unión del Claustro y el entusiasmo de todos por la enseñanza no dan lugar jamás a la menor discrepancia de acuerdos en esta escuela. Así pois, por decisión dos seus propios compañeiros e compañeiras de Claustro, Mercedes Tella continuaba exercendo como directora da Escola Normal de Mestras da Coruña. Posteriormente, o Ministerio de Instrución Pública confirmouna no cargo aceptando a decisión unánime do Claustro.

Mercedes Tella con mestras
Mercedes Tella rodeada dun grupo de novas mestras. Blanco y Negro, 7-6-1931. (Colección Bartolomé-Chavert).

O decreto do 29 de setembro de 1931 reorganizaba as escolas Normais e os estudos de Maxisterio, introducindo importantes cambios establecéndose o denominado plan profesional. Así, por exemplo, establecía a coeducación (art. 2), un aspecto que debeu resultarlle especialmente grato a Mercedes Tella, así como a presenza de homes e mulleres nos tribunais de selección do novo alumnado de ingreso nas Normais (art. 5), a especialización dos docentes do Maxisterio (párvulos, superdotados, con deficiencias…) (art. 9), a promesa do Goberno de que dotaría de locais adecuados ás Escolas Normais… Ata que se implantase completamente o novo deseño, debían convivir dous plans —o profesional de 1931 e o de 1914 a extinguir— o que provocou un modelo de organización complexo que provocou alteracións importantes no funcionamento das Escolas.

Con este horizonte de fondo, en novembro de 1931 comezaron na Coruña os cursos para a selección e perfeccionamento do Maxisterio nacional convocados polo Decreto de 3 de xullo e Mercedes Tella formaba parte do tribunal.

Anos finais. 1932–1934

A idade, a lexislación republicana e a saúde de Mercedes Tella sumaron de tal modo que o 10 de setembro de 1932, a 12 días de cumprir 64 anos, solicitou a xubilación voluntaria acolléndose á Lei de agosto de 1932. O 1 de outubro presidiu a apertura do curso 1932–33 na Normal, o que foi o seu derradeiro acto público. O Ministerio nomeou como novo director ao profesor de Matemáticas da Escola, José Ferrer.

O 9 de novembro de 1932 tivo lugar un Claustro extraordinario na Normal de Mestras para despedir a quen fora a súa directora durante décadas. La Sra. Barberá propone que se nombre a Mercedes Tella Directora honoraria de este Claustro y así se aprueba por unanimidad. Respondeu Mercedes Tella dando las gracias por estas manifestaciones que le dispensan pues son una condensación del afecto que se le profesa.

Como fixera tantas veces na súa vida, Mercedes Tella marchou a Villafranca a descansar e podemos imaxinar tamén a facerse á idea dunha nova vida sen a Normal. Antes da viaxe entregou ao director de Escola unha detallada relación, a modo de inventario, do material da súa aula de Xeografía. Retornou á Coruña en abril e ao mes seguinte recibiu unha homenaxe das que foron compañeiras na Escola, así como de ex alumnas.

Tras a homenaxe, Mercedes Tella volveu a marchar a Villafranca e xa non retornou á Coruña. Naquela localidade, a onde tantas veces foi en busca da saúde perdida, faleceu a mestra coruñesa o 30 de xaneiro de 1934.

O alumnado e o profesorado da Normal dedicaron a quen foi a súa compañeira, mestra e directora, unha misa nada máis coñecer a noticia e uns días máis tarde un funeral na igrexa de San Xurxo. A súa memoria permanecerá durante décadas entre o alumnado da Normal grazas ao Premio Mercedes Tella.


Para saber máis:

AROCA, Rafaela (1909). «Siluetas femeninas», Aires d´a miña terra (Bos Aires), nº 55, 30–5–1909.

COSTA RICO, Antón (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia. Vigo, Xerais.

EZAMA GIL, Ángeles (2013). «Las conferencias como método pedagógico. Las mujeres conferenciantes en la Unión Ibero–Americana y el Centro Iberoamericano de cultura popular femenina», Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 91, pp. 125–150.

EZAMA GIL, Ángeles (2015). La educación de la mujer a comienzos del siglo XX. El Centro Iberoamericano de cultura popular femenina. Málaga, Universidad.

MARCO LÓPEZ, AURORA (2007). Dicionario de mulleres galegas (Das orixes a 1975). Vigo, A Nosa Terra.

RIGADA Y Ramón, Maria de la (1906). «Biografía de la señorita Mercedes Tella Comas», El Eco de Galicia. Órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud–Americanas, nº 532, 30–7–1906, pp. 2–4.

ROMERO MASIÁ, Ana (2022). Mercedes Tella Comas (1868–1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña. A Coruña, Baía Edicións.

SIMÓN PALMER, Carmen (1991). Escritoras españolas del siglo XIX. Manual biobibliográfico. Madrid, Castalia.

TELLA COMAS, Mercedes; de la RIGADA RAMÓN, María Encarnación (1896). Aritmética elemental. Madrid, imprenta de Juan Iglesias Sánchez.

TELLA COMAS, Mercedes (1898). «Condiciones higiénicas del libro durante el período escolar», La Escuela Moderna. Revista pedagógica hispano–americana (Madrid), maio 1898, pp. 350–354 e reproducido tamén en Actas y Memorias del IX Congreso Internacional de Higiene y Demografía (1898). Madrid, 1900, pp. 196–199.

TELLA COMAS, Mercedes (1900). «La higiene en el hogar», La Escuela Moderna. Revista pedagógica hispano–americana (Madrid), xullo 1900, pp. 20–31.

TELLA COMAS, Mercedes (1904). «Los juegos en la escuela», XIV Congres International de Medecine. Madrid, abril 23–30 de 1903. Section d´Hygiene, Epidemiologie et Science sanitaire technique. Madrid, pp. 288–296.

TELLA COMAS, Mercedes (1904). «Armonías hispanoamericanas», Unión Ibero–Americana (Madrid), 31–12–1904, pp. 51–52.

TELLA COMAS, Mercedes (1905). «Conferencia dada por la Sra. Dª Mercedes Tella, en la Unión Ibero–Americana, el día 18 de mayo de 1905», Unión Ibero–Americana (Madrid), 31–12–1905, pp. 71–75.

TELLA COMAS, Mercedes (1916). «Discurso de inauguración del curso escolar 1916–1917», El Noroeste (A Coruña), 2–10–1916, p. 1.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Andrea López Chao
Pioneiras

Andrea López Chao

Andrea López Chao nace en Mondoñedo en 1874. Foi pedagoga, directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana e primeira Vicepresidenta da Sociedade

Ler máis »
Anxeles Alvariño
Pioneiras

Ánxeles Alvariño

O arquivo municipal da Coruña garda o legado de María de los Ánxeles Alvariño González (Ferrol, 1916 – California, 2005), oceanógrafa experta en zooplancto, descubridora

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies