AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mercedes Romero Abella

Mercedes Romero Abella

Mercedes Romero Abella nace en Cee (A Coruña) en 1907, con quince anos trasladouse á Coruña porque quería ser mestra. Estudará na Escola Normal nun momento no que as organizacións culturais, políticas e obreiras agromaban e espallaban as súas ideas a pesar do contexto da ditadura do Xeneral Primo de Rivera.

Xa co título de mestra comeza a traballar na Pastoriza (Lugo) e o ano seguinte en Meangos (Abegondo). En 1931 casa con Francisco Mazariegos, e teñen dous fillos: María Luisa e Enrique traballador do Banco Pastor da Coruña e activo militante da Federación da Banca da UXT.

A familia vaise instalar en Monelos na vivenda da escola de nenas, onde Mercedes foi destinada como Mestra Nacional. Na vivenda da escola, igual que no gabinete de Francisco do Banco Pastor, practicaranse rexistros e incautaranse de fotografías e documentos pola participación no Comité Revolucionario cando os sucesos de 1934. Mercedes será o único sustento da súa familia, xa que en finais do mes de xuño do 35 Francisco será condenado a 6 anos e un día polo seu activismo sindical. Mais Mercedes non se asusta nin acovarda, co home preso e doente (padecía farinxite crónica) na cadea da Coruña e dous nenos pequenos, actuará como apoderada coa candidatura da Fronte Popular, que sairá gañadora nas eleccións de febreiro de 1936. Coa Fronte Popular, chegará a amnistía e o día 19 dese mesmo mes, apenas 3 días despois dos comicios, Francisco Mazariegos será posto en liberdade.

Mais só cinco meses despois, terá lugar o golpe de estado. Francisco toma parte activa na defensa do Goberno Civil da Coruña. Isto, xunto co seu pasado sindical como presidente do sindicato de Banca da UXT e membro da Agrupación Socialista da Coruña, sería considerado motivo abondo para o fusilaren en Punta Herminia no 31 de agosto. Perante isto, Mercedes, que chegou a presidir o  Sindicato de Mestres da Coruña (UXT), non o dubida e decide partir, xunto cos seus fillos, a América. Para iso, inicia as xestións para obter os pasaportes e documentos que lle permitan exiliarse, mais non o conseguiría, é detida e asasinada. Foi violada, cortáronlle os peitos e foi baleada no pozo da Ponte da Castellana no día 19 de novembro do ano 36. Contan que, xunto ao cadáver, apareceu un mantón negro, de loito, vermello polo sangue. A súa cuñada recolleuno e arrebolóullelo aos policías que responderon que non sabían nada da mestra.

Está soterrada en Vilarraso, na enorme foxa común en que inicialmente foi inscrita como “Descoñecida nº 21”. Mercedes, en bata negra, cun lapis e un  carbón de debuxo, as súas armas de traballo é das once persoas identificadas nunha foxa con arredor da trintena de represaliados.

Para saber máis:

Mercedes Romero Abella, la profesora asesinada con lápices en el bolsillo. Huffington Post, 7 de xullo de 2019.

Vídeo realizado polo Centro Social Gomes Gaioso:

Comparte esta biografía

Explorar máis

El Progreso Femenino
Colectivos

El Progreso Femenino

En novembro de 1910 fúndase El Progreso Femenino, Sociedad de cargadoras y descargadoras de carbones, sales y minerales da Coruña, continuadora de La Libertad en

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies