AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Mercedes Núñez

Mercedes Núñez
Mercedes Núñez declarando contra os fascistas
Mercedes Núñez declarando contra os fascistas

Mercedes Núñez, nacida en  Barcelona,  filla dun xoieiro bergondés e unha catalá pertencía á burguesía comercial da cidade e veraneaba na casa paterna de Bergondo. Moi nova afíliase ás Xuventudes Socialistas e no 1936, ano da súa creación, ao PSUC. En 1939, cando Barcelona é tomada polos golpistas refúxiase na casa paterna de Bergondo, mais moi pronto a deteñen na rúa Real da Coruña, pasa polo cárcere de Betanzos e A Coruña até ingresar no madrileño penal de Ventas o 7 de marzo de 1940. Por un erro administrativo sae en liberdade o 19 de xaneiro de 1942, atravesa a fronteira con Francia, convértese en enlace da resistencia até que é novamente detida e comeza a terrible peregrinaxe que a levará ao campo de concentración de Ravensbrück, o terrorífico destino onde máis de cen mil mulleres sufriron toda caste de torturas e humillacións e unhas noventa mil atoparon foron asasinadas.

Carte de deporte resistantEn Ravensbrück Mercedes é destinada a unha fábrica de armamento e ten aínda forzas para sabotar o proceso de produción, coa idea de gañar terreo para unha guerra da que ela aínda se sente combatente. Coa liberación, Mercedes ten que pasar por varios sanatorios e centros de repouso e continúa o seu exilio en París, xunto co republicano Medardo Iglesias, co que tería o seu fillo Pablo.  Sobre o terror do campo de Ravensbrück escribiría Mercedes Núñez o libro en catalán Els carretó dels gossos, un exemplo de literatura memorialística dos campos de concentración. O exilio de Mercedes só remata coa morte de Franco; é entón cando atravesa de novo a fronteira e vive primeiro de acabalo entre Barcelona e Galiza, para instalarse definitivamente en Vigo, onde pasaría os últimos anos da súa vida.

A experiencia nas cadeas franquistas era sentida como tan dura por Mercedes que marcará toda a súa vida e dela deixará constancia no libro Cárcere de Ventas (Col. Mulleres, A Nosa Terra), escrito no seu exilio de París.

Carné resistencia Mercedes NúñezTanto no exilio en París como no regreso Galiza, Mercedes continuaría coa súa militancia comunista, traballando de xeito activo tanto en campañas como na actividade habitual da organización. Como representante en Galicia da asociación Amical de Mauthausen (creada na clandestinidade en 1962) percorre centros de ensino e asociacións contando a súa experiencia no campo en actos en que proxecta a película Noite e néboa de Renais. A loita de Mercedes é agora para que nunca máis se repita todo o que ela viviu. Nos últimos anos da súa vida traballa xuntando os nomes dos galegos que estiveron nos campos de concentración. Morre en Vigo o 4 de agosto de 1986 sen conseguir que as institucións galegas recoñecesen o papel dos deportados pero despois de ter contribuído coma ninguén a que a verdade e a xustiza triunfasen sobre o exterminio que ela coñecera tan de cerca.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Luísa Villalta
Pioneiras

Luísa Villalta

Luísa Villalta Gómez nace na Coruña no ano 1957, estuda na USC, onde se licencia en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Era tamén titulada superior en violín,

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies