A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Materna, a primeira muller coruñesa

Estela de Materna

Sen os actuais censos cos que gobernos e institucións teñen contabilizada e identificada toda a poboación dun territorio, non resulta doado nomear a primeira muller coruñesa. Segundo as estudosas, unha das que ten moitas posibilidades de ocupar ese posto é MATERNA. No Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña –no Castelo de San Antón– consérvase unha estela cunha inscrición que leva ese nome. Esa Materna posiblemente sexa a primeira muller coruñesa da que coñecemos o nome.

Estela de Materna

A inscrición da estela sería:

D(is) M(anibus) S(acrum) / MATERNAE [P]ATRUINI (filiae) AN(norum)/ [L]II MATERNUS/ [et Vale]NTINA M(atri)/ […]

Como a epigrafía latina está chea de abreviaturas e sobreentendidos, aquí habería que entender:

[Monumento ofrecido en honor dos] Deuses Manes Sagrados. Foi dedicado por Materno e Valentina (?) á súa nai Materna, de 52 (?) anos.

Estes epitafios en forma de placa normalmente colocábanse na parede en mausoleos ou recintos funerarios privados. Característica dos medios urbanos, esta placa foi atopada na Coruña formando parte dunha obra remodelada polo que non se coñece a súa procedencia exacta.

Estela de Materna - Inscrición

Como sinalabamos, Materno e Valentina (?) dedícanlle a placa funeraria a súa nai MATERNA, que falecería aos 52 (?) anos de idade.

Materna habería que relacionala coa poboación indíxena da contorna. É nome de pía, non sería, pois, unha matrona romana. Mostra características conservadoras e enraizadas nas formas onomástica célticas indíxenas. A latinización onomástica entre os indíxenas galaicos é un proceso previo á romanización onomástica plena. Este nome persoal era moi frecuente no antigo territorio céltico, especialmente nas provincias imperiais das Galias e Hispania. Vemos que o seu fillo herda tamén o seu nome: Materno.

Para as estudosas, a cronoloxía da lápida non podería superar os mediados do s. II d. C. Poderiamos dicir, entón, que MATERNA sería a primeira muller da Coruña da que coñecemos o nome.

Estelas no castelo de San Antón

Rodeada doutras estelas funerarias no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña –no Castelo de San Antón–, a lápida de MATERNA agarda a visita das súas veciñas e veciños.

Castelo San Antón Castelo San Antón Castelo de San Antón

 

 

 

 

Nomeamos as persoas e as cousas para que existan. E, Materna existiu e foi –probablemente– a primeira muller coruñesa da que posuímos nome.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Ánxeles Barreiro
Pioneiras

Ánxeles Barreiro

A atleta Ánxeles Barreiro Rico foi a primeira deportista coruñesa en participar nuns Xogos Olímpicos. Competiu en lanzamento de disco nos que organizou a cidade

Ler máis »
Costureiras-Arquivo-Vidal
Colectivos

O oficio de coser

Que ben fixeron teus pais en facerte costureira, cando chove non te mollas, cando vai sol non te queimas. Tense xa desde moi antigo constancia

Ler máis »