AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Maruxa Seoane

Maruxa Seoane

Mª Elvira Fernández López nace o 24 de xaneiro de 1912 no número 145 da rúa Santo André.

Coñece de nena quen sería o seu home, o artista Luís Seoane López, xa que eran curmáns carnais, do que namora aos 15 anos. Pertencían a unha familia que, sen perder os vencellos coa súa orixe rural, formaba parte da burguesía emerxente ilustrada, con influencia na vida social, económica e cultural.

Maruxa SeoaneEstuda o bacharelato no Eusebio da Guarda destacando en canto e debuxo, e cursa posteriormente a carreira de Mercantil.

Ambos militan no Partido Galeguista. O carné de Maruxa, do que sempre se sentiu moi orgullosa data do 13 de xullo do 35.

Após o golpe de estado do 36, Luís consegue fuxir á Arxentina natal en outubro e ela, cun irmán detido xa, decide partillar vida con Luís e escolle o exilio. Casan aquí por poderes e polo civil ao chegar a Bos Aires, outra vez. Dende marzo do 37 xa non se separarán máis e, tras toda unha vida xuntos, asinará como MARUXA SEOANE.

Traballou ao lado do seu home en toda canta actividade emprendía este e participou en todas as iniciativas da cultura galega no exilio, como o Laboratorio de Formas de Galicia, a editorial Citania, o programa radiofónico “Galicia Emigrante” e na revista do mesmo nome, onde terá un papel fundamental. Foi a encargada das seccións de Gastronomía e das intituladas “A Ramallada Florida”, dedicada á cultura popular e “Moreas de Humor”, así como de mecanografar os textos e doutros pormenores.

Sabemos que tamén foi autora dalgunhas traducións.

Acompañou o artista puíndo madeiras, elixindo pinturas, montando as teas, imprimando os lenzos, mercando os materiais, limpando os pinceis. Será a súa mediadora con galerías e coleccionistas. Tamén fai de secretaria, mecanografando e corrixindo textos e cartas, e levará a organización dos arquivos, a axenda e a contabilidade.

Excelente anfitrioa será, ademais a artífice do punto de reunión e encontro de artistas e intelectuais, tanto arxentinos como galegos, en que axiña se converte o fogar dos Seoane.

En 1969 deciden mercar vivenda na Coruña, na que pasan longas tempadas, xa moi comprometidos co Laboratorio de Formas, Sargadelos e o Castro.

Maruxa Seoane e Luís SeoaneTras a morte de Luís en 1979, Maruxa Seoane entregouse por completo á difusión da súa obra. Organizou numerosas exposicións tanto na Galiza como fóra dela; coordinou a doazón de obras a unha grande cantidade de museos, participou en numerosos actos culturais e desenvolveu un intenso labor.

Sen esquecer o labor editorial remata, con Xosé Díaz, a edición do libro de Lorenzo Varela, Homaxes , que pasou a se converter na súa derradeira e póstuma obra editorial.

En 1980 doa 2.200 libros á Real Academia Galega e un óleo de gran formato. Durante esa década comeza a realizar numerosas viaxes á Arxentina coa intención de recompilar a obra de Luís e traela para a Galiza. Emprega os seus aforros en recomprar cadros, que ela mesma desmonta e enrola.

A partir de 1996 comeza a tomar corpo a idea da Fundación Seoane na Coruña, da que foi presidenta, un proxecto no que traballou incansabelmente os derradeiros anos da súa vida.

En novembro de 1992 implícase activamente no programa de acollida a refuxiados de guerra dos Balcáns, dado que conservaba vívidos os seus recordos do exilio.

En xaneiro de 2001 foi homenaxeada no Congreso-Homenaxe ao Exilio Galego, 1936-1975, en Pontevedra.

O 24 de xaneiro de 2002, día no que ela facía 90 anos, colócase a primeira pedra do edificio definitivo da Fundación Luís Seoane. Maruxa falece o 25 de marzo de 2003, poucos meses despois farase realidade a Fundación.


Para saber máis:

Juan Martínez de la Colina: Maruxa Seoane. Achegamento a Mª Elvira Fernández López. Fundación Luís Seoane. 2020.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Juana de Vega
Pioneiras

Juana de Vega

En marzo de 1805 nace na Coruña Juana María de la Vega Martínez y Losada, coñecida como Juana de Vega (1805 – 1872). Nada no

Ler máis »
Irene González Basanta
Pioneiras

Irene a porteira

Irene González Basanta (1909-1928) aparece como a primeira muller que xoga ao fútbol nos anos vinte do pasado século, participando con grupos modestos no campo

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies