Marina de la Peña Novás nace en Pontevedra en 1935 e dous anos despois a familia trasládase á Coruña.
Estuda Peritaxe Mercantil e un ano de profesorado na Escola de Comercio.
Intégrase na Agrupación Artística “La Farándula”, onde se facía un teatro lido na Delegación de Información e Turismo, baixo a dirección de Luis Iglesias de Souza. Aí comeza a facer pequenos papeis cómicos até converterse en primeira actriz dramática, chegando a obter un primeiro premio de interpretación en 1957 no primeiro Certame de Teatro Galego, coa obra La herida en la mano de F. J. Alcántara.
A afección pola dramaturxia foi unha constante na súa vida, chegando mesmo a declarar que, de ser alcaldesa, ”organizaría festivais de teatro a todas horas e en todas as partes”.
En 1955 incorpórase ao cadro artístico do programa radiofónico Claro-Oscuro de Iglesias de Souza no que se escenificaba o texto das zarzuelas e, pouco despois, pasa a desempeñar o posto de locutora en Radio Nacional. En 1956, aparece xa presentando Desfile de estrellas, un concurso moi popular na época, que abarrotaba o Teatro Rosalía nas finais e semifinais, e do que saíron voces como a de Pucho Boedo.
No ano 1959 recibe o premio á locutora máis popular, posto que pode seguir desempeñando grazas ao cambio lexislativo de 1961, que permite as mulleres casadas seguiren traballando. Ela lembra as súas compañeiras: Gloria Mosteiro e Lita Iglesias que tiveran que deixar o oficio por ese motivo.
E converteuse na musa das ondas, na voz.
Participou en todo tipo de programas, realizou entrevistas, informativos, transmisións, foi a primeira muller que interveu nunha emisión deportiva con motivo do Teresa Herrera. Nas entrevistas sempre intentou afondar na dimensión humana das personaxes e lembra algunhas que deixaron fonda pegada nela como a de Domingo García Sabell que lle desvelou a obra de Rosalía de Castro; e recorda tamén con emoción as conversas con Rafael Alberti, Chabuca Granda, Nuria Espert, Torrente Ballester, Albert Vinicio Báez, Mimí de Madariaga; ou a derradeira entrevista a Emilio González López.
En 1984 foi homenaxeada por todos os profesionais da radio da cidade e en 1990 foille entregada na Casa da Radio de Madrid, a medalla polo traballo realizado o ano anterior. Xubilouse en xuño de 1994, tras corenta intensos anos de traballo en Radio Nacional.
Morre no ano 2017.