María Josefa Wonenburger Planells naceu en Montrove en 1927 e finou na Coruña en 2014; foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e o Canadá que desenvolveu o seu traballo na rama da álxebra e, en particular, na teoría de grupos e das álxebras de Clifford.
Aínda que pertencente a unha familia da burguesía coruñesa, non lle foi fácil convencelos de que quería estudar matemáticas, pois a súa familia quería que fixese enxeñería para poder seguir ao fronte da fundición familiar. Logo de estudar no instituto Eusebio da Guarda, permanece un ano na Coruña e realiza os seus estudos de licenciatura na Universidad Central de Madrid, actual Complutense. No 1953 obtivo unha bolsa Fulbright e converteuse así na primeira española en obter unha destas bolsas para realizar estudos de doutoramento en Matemáticas nos EE.UU.

María Wonenburger realizou o seu doutoramento en Yale en 1957 e ao rematar volve a España, a Madrid, mais ao non recoñecerlle o título outorgado pola prestixiosa Universidade de Yale —quinta universidade no ránking mundial— decide facer outra tese en España, desta vez como bolseira do Instituto Jorge Juan do CSIC. En 1960, tras completar este proceso, regresa a América á Queen University de Ontario (Canadá).
Foi profesora nas universidades de Toronto, Buffalo e Indiana. En Toronto, formando parte dun claustro exclusivamente masculino, dirixiu a súa primeira tese de doutoramento, a de Robert Moody, hoxe prestixioso alxebrista que desenvolvería a teoría de álxebras que se denominou de Kac-Moody (con aplicacións en Matemáticas, Física e Informática). Aínda que Wonenburger foi a súa inspiradora, o seu nome non se recoñece na denominación desta teoría. En 1967 obtivo unha praza na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, momento no que por mor da enfermidade da súa nai decide regresar a Galiza.
Os seus traballos foron publicados en prestixiosas revistas científicas internacionais e dirixiu oito teses de doutoramento. Polo alto nivel e a repercusión científica dos seus traballos, é considerada unha figura excepcional das Matemáticas.
A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou en 2007 o Premio María Wonenburger para recoñecer aquelas mulleres galegas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. En 2010 foi a primeira científica investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña. Ten un parque co seu nome en Oleiros e unha rua na Coruña. Fixéronlle moitas entrevistas e homenaxes tamén desde o Consello da Cultura Galega.
Podes descargar aquí a unidade didáctica dedicada a María Wonenburger.


