AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

María Vázquez Suárez

María Vázquez Suárez

María Vázquez Suárez naceu en Santiago de Compostela o 15 de agosto de 1894; era filla de Joaquín Vázquez Fernández, sarxento de cabalaría destinado na cidade e natural de Vilaescura (Sober), e de Andrea Suárez Salgado, oriúnda de Santiago.

Ao se xubilar o pai, a familia mudouse á cidade da Coruña, onde María cursou estudos de Maxisterio. En 1915 conseguiu o título de mestra superior, profesión que exerceu basicamente en dúas escolas: as da Pobra do Caramiñal (1918) e Miño (1929).

Durante a súa estadía nesta última localidade realizou excursións coas súas alumnas a Santiago para visitar a catedral e o monumento a Rosalía de Castro, e a Carral para render homenaxe aos Mártires e cantar coas nenas o himno galego; participou na vida política e sindical, como se reflicte na súa afiliación ao PSOE e á Asociación de Traballadores do Ensino e nos mitins e conferencias que pronunciou; converteuse nunha defensora radical do laicismo escolar implantado pola República, do que deixou constancia nas súas intervencións públicas; e formou parte da coruñesa Agrupación Republicana de Mulleres, onde coincidiu con mestras como Elvira Bao ou María Barbeito. Socialismo, laicismo, feminismo e unha certa sintonía co galeguismo semellan ser as coordenadas ideolóxicas en que se inscribía.

María respondía ao perfil da mestra republicana, polo que estaba particularmente exposta á depuración e ao terror fascistas. O 13 de agosto de 1936 fíxose pública a súa destitución da escola número 2 de Miño, que lle foi comunicada polo alcalde o 18, cando estaba presa no cárcere de Pontedeume. Ao día seguinte foi conducida polos falanxistas –encabezados por Nicolás Pardo– e a Garda Civil até Miño, e alí a mataron, posibelmente na praia de Bañobre. O día 20 apareceu o seu cadáver. Violencia extrema, xa que logo, que no caso das mulleres resulta difícil disociar da violación.

A comisión depuradora provincial propuxo a súa separación definitiva do ensino, que as autoridades centrais fixeron pública case seis anos despois do asasinato. Algún membro da comisión semellaba coñecela ben: “Era tan mala, irrascible [sic] y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los nacionales, por el peligro que constituía.” Polo demais, o informe sobre a mestra redactado polo párroco de Santa María de Miño, Manuel Porta González, resulta antolóxico: “Despreocupada del cumplimiento de su deber, asistía a la Escuela cuando otros menesteres no se lo impedían. Ignoro lo que sus alumnas hayan podido aprender en orden a la formación intelectual; lo que sí puedo afirmar con todos los caracteres de la realidad, [es] que las alumnas que ha tenido llevan en su frente el estigma rojo, que únicamente les desaparecerá con la muerte.” Sorprende a similitude estrutural entre este informe e o emitido por José Fernández Fuentes, párroco de Santa María de Oza, acerca de Mercedes Romero Abella: “No sé lo que le enseñaba a las niñas de su escuela, de letras y ciencias; pero de REVOLUCIÓN, con el ejemplo, al menos, las saturaba”.

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Cagiao
Pioneiras

María Cagiao

Nada na Coruña no 1919, trasládase máis tarde ao concello de Culleredo. Pintou moito e moi ben segundo as críticas publicadas na prensa da súa

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies