A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

María Luz Morales

María Luz Morales

María Luz Morales Godoy nace na Coruña en 1898,  xornalista, escritora, editora, tradutora  e crítica cinematográfica. Foi a primeira muller que dirixiu un xornal no Estado español, La Vanguardia de Barcelona.

Desde moi nova vive en Barcelona e estuda no Institut de Cultura per la Dona e logo Filosofía e Letras na Universidade Nova. O seu obxectivo era ser xornalista, algo verdadeiramente pioneiro, entón había mulleres escritoras pero non xornalistas. Os seus primeiros pasos no xornalismo dáos da man da revista feminina El hogar y la moda. En 1923 envía uns ensaios sobre Don Juan e sobre teatro infantil a La Vanguardia e a calidade literaria dos mesmos ábrenlle as portas do rotativo barcelonés. O ano seguinte, cando o cinema era aínda considerado un espectáculo menor, faise cargo da crítica cinematográfica cunha nova sección semanal Vida cinematográfica, onde escribe co pseudónimo de Felipe Centeno. María Luz Morales pasa a ser unha redactora máis, a única muller na redacción de La Vanguardia e comeza xa a asinar co seu nome.

Incorporarase tamén como asesora literaria da Paramount ao tempo que colabora co diario madrileño El Sol, facéndose cargo da páxina A muller, o neno e o fogar ata o peche do mesmo en 1934.

Mari Luz Morales
María Luz Morales, primeira á esquerda. 1931.

Segue a manter contacto coa intelectualidade galega, será a representante, en Barcelona, da Asociación de Escritores Galegos e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza, en 1933, en Galiza, toma parte en actos con Blanco Amor, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Risco. Escribe artigos poñendo en valor o traballo de insignes mulleres galegas “Siempre hubo mujeres insignes en Galicia. En todos los tiempos, en todos los campos, bajo todas las luces […] Cada una brilla con luz propia y deja tras de sí luminosa estela…. Intentemos seguir la huella de algunas…” e párase no século XIX para afirmar  “Concepción Arenal é unha torre, Rosalía de Castro é unha fonte”, e para afear a inxustiza da negativa da Real Academia Española para con Emilia Pardo Bazán.

Escribe a favor do uso da lingua galega no ensino no xornal El Sol “será tolería a de negar en nome do patriotismo –sexa este cal sexa- o dereito do neno a recibir o primeiro ensiño na lingoa materna. A unha beira toda consideración de orde política, a violación d ́ese dereito constituirá un crime de lesa pedagoxía que non quererá cometer ningún escolante. Na aldea, na vila ou no barrio cibdadán obreiro alí onde o escolante vaia a exercer o seu apostolado buscará ante todo chegar âs almiñas que lle foron confiadas, gañar a súa fé, a súa confianza e simpatía, estabrecer esa nobre corrente de amistade que en materia de ensiño dona a mitade do camiño andado. E non pode haber amistade sin diálogo. E non pode existir diálogo entre quenes falan linguas difrentes… (tradución recollida en ANT)

Mari Luz MoralesLogo do golpe militar, o xornal La Vanguardia pasa a estar controlado por un comité obreiro que a nomea directora, converténdose así na primeira muller que dirixe un xornal no estado español. Co triunfo do franquismo é acusada de pertenza ao Partido Galeguista e é encarcerada nun convento de monxas, habilitado como prisión. Cando sae élle retirado o se carné de xornalista e inhabilitada para exercer a profesión. Con todo, seguiu escribindo nalgunhas revistas cos pseudónimos de Ariel e Jorge Marineda, claramente unha lembranza da súa Coruña natal. Logo da morte de Franco foi rehabilitada como periodista e continuou a súa actividade, xa como redactora, no Diario de Barcelona. Finou en Barcelona en 1980.

Para saber máis:

Selección de textos de María Luz Morales Godoy, en Xornalistas con opinión. Escolma de textos, Galaxia, 2007.

¿A quién votarán nuestras mujeres? Artigo de María Luz Morales en La Vanguardia, 25 de outubro de 1933

La Vanguardia nomea directora a  María Luz Morales. La Vanguardia, 7 de agosto de 1936.

¿Qué deben leer las mujeres? Artigo de María Luz Morales en La Vanguardia.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Sara Insúa
Pioneiras

Sara Insúa Escobar

Sara Insúa Escobar, filla do estradense Ubaldo Álvarez Insúa que emigrara a Cuba con 20 anos, sen concluír a carreira de Dereito. Foi redactor (asinaba

Ler máis »
Anxeles Alvariño
Pioneiras

Ánxeles Alvariño

O arquivo municipal da Coruña garda o legado de María de los Ánxeles Alvariño González (Ferrol, 1916 – California, 2005), oceanógrafa experta en zooplancto, descubridora

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies