A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

María Corredoira

María Corredoira

A vida de María do Carme Corredoira transcorre no potencial artístico dunha nena coruñesa que acariñou a proxección internacional e elixiu o íntimo como lugar de permanencia.

No barrio da Peixaría, na contorna de San Nicolás vai traballar o seu pincel e tamén a súa pluma. Crece fronte unha fábrica de chocolates que aínda hai pouco saboreabamos na cidade da cascarilla. A Provedora Galega da estreita de San Andrés cunha entrada franqueada por deseños da propia María.

Nun momento no que desde distintas ideoloxías estase buscando a identidade da arte galega, María Corredoira comeza a sobresaír sostida polo apoio dun pai comerciante, unha nai con predisposición cara ás artes e mestres pintores de corte academicista. A impronta do Rexionalismo aínda está moi presente cando os seus óleos irrompen en mostras e certames. Desde os escaparates de establecementos na rúa Real até a Exposición de arte galega de Madrid en 1912 pasando por vendas e notas de prensa meritorias ao outro lado do Atlántico.

María CorredoiraSen aínda cumprir os vinte anos, Corredoira dominaba a linguaxe rexionalista que combina cun sosegado realismo como podemos apreciar na súa Leiteira de 1911. Un sosego, porén, que non escatima toda a profundidade psicolóxica e mesmo sociolóxica manexada con soltura.

Outro eloxiado óleo temperán Acólitos no coro contén, xa arredor de 1909, boa parte das características da súa obra futura. Un interior relixioso, arquitectura que coida cunha pincelada luminosa e lixeira onde  superpón unhas figuras máis naturalistas construídas en arredor do mobiliario eclesiástico que centra a composición. No plano intermedio, agochado, un rapaciño dirixe a mirada cara a nós facéndonos partícipes de súpeto dunha escena que unha vez máis vólvese íntima, cómplice e silenciosa.

Da estancia formativa en Madrid conseguinte a estes primeiros logros volve coas influencias de Juilio Romero de Torres, Chicharro ou Singer Sargent. Elegancia, sobriedade cromática e audacia expresiva van ser as súas marcas de identidade durante a etapa de consolidación que coincide coa década dos anos vinte. A María non lle van a interesar as linguaxes da vangarda histórica, moi ao contrario mantense nunha Art Decó de ecos simbolistas densa no atmosférico e no emocional.

Segundo ela mesma relataba, déixase aconsellar por homes da academia como o pintor Sotomayor, quen lle ofrece eloxios polas pinturas de interiores, subxénero ao que acabará por dedicarlle a exclusividade pictórica na produción de madurez. Estes espazos relixiosos baleiros e melancólicos xa se deixaban ver na exposición de mulleres que inauguraba a sala da Asociación de Artistas da cidade herculina en 1934.

O conservadorismo estilístico de María vese acompañado por un conservadorismo ideolóxico que na década dos trinta vaina alonxando do cabalete cara a labores docentes e académicas. A finais de 1936 é nomeada membro directivo da Asociación de Artistas e axudante meritoria  de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios da Coruña. O 13 de marzo de 1938 María Corredoira xunto con Dolores Díaz Baliño van ser as primeiras mulleres -en 89 anos- elixidas membros de número da Real Academia Provincial de Belas Artes.

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Miramontes
Represaliadas

María Miramontes

María de los Dolores Miramontes Matos nace en Santa María de Guísamo (Bergondo- A Coruña) en 1895. Comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro

Ler máis »
Sara Insúa
Pioneiras

Sara Insúa Escobar

Sara Insúa Escobar, filla do estradense Ubaldo Álvarez Insúa que emigrara a Cuba con 20 anos, sen concluír a carreira de Dereito. Foi redactor (asinaba

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies