María Víctoria Casares Pérez nace na Coruña en 1922, filla de Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga (que formará parte do goberno de Manuel Azaña), criouse entre a rúa Panadeiras da Coruña e o Pazo de Montrove. Co golpe de Estado, contando con só catorce anos, ten que exiliarse coa familia en Francia. Á aprendizaxe dun novo idioma seguiulle o seu mergullo no teatro galo, abraiando os seus mestres de arte dramática con interpretacións dramáticas marcadas cun acento galego que nunca lle puideron arrancar. Alí inicia a súa traxectoria no teatro e aparece o éxito. No ano 1942 debuta no Teatro Mathurins como primeira actriz. É nese momento cando coñece a Albert Camus co que mantería unha longa relación.
Musa de destacados escritores e cineastas representará obras de Camus, Anouilh, Cocteau, Genet, Ibsen, Turgueniev, René Laporte, Pirandelo, Shakespeare…
Uniuse ao Festival de Aviñón, á Comédie-Française e ao Théâtre National Populaire baixo a dirección de Jean Vilar. Antes ca ela, ningún actor ou actriz estranxeiro actuara na Comédie-Française.
Viaxará por máis de vinte países co Théâtre Nacional Populaire. Nunha desta viaxes reencóntrase no exilio bonaerense con xente como Blanco Amor, Dieste, Seoane, Laxeiro e o actor Tacholas, e con eles actuará nun recital galego. A María Casares o acento galego acompañaríaa sempre, un acento que ela consideraba un tesouro, e deixaría dito: “Galicia soy yo. Galicia no soy yo. Pero soy un trozo de Galicia. Y moriré siendo gallega”.
Tras adquirir a nacionalidade francesa en 1975, no ano seguinte volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid e Barcelona, mais marcha decepcionada e regresa á súa preciosa casa para dedicarase a escribir o seu libro de memorias, Residente Privilexiada, no que conta polo miúdo a súa infancia en Galiza. É un axuste de contas, consigo mesma, co teatro, cos amigos, co exilio, cos encontros e desencontros coa súa propia identidade.
Pouco antes de morrer aos 66 anos María Casares acepta dar o seu nome para os Premios de Teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, mais rexeita regresar ao país.
En Francia recibe os premios Molière e o Nacional de Teatro. O goberno español concédelle a Medalla ao Mérito en Belas Artes e a Xunta a Medalla Castelao. Galardóns que non acode a recoller, delegando esa tarefa noutros.
A actriz faleceu en 1996 na súa casa de campo, en Alloue , que deixou en herdanza á vila. Na actualidade, o Domaine de la Vergne é unha residencia para artistas e lugar de representacións.