María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño, nada na Coruña en 1880, foi mestra, pedagoga, escritora, tradutora, lingüista, socióloga, educadora. Con apenas dezaseis anos aproba a reválida na Escola Normal como profesora de primeiro ensino, gañará praza nas oposicións de 1902 como mestra. Con destino na Escola Graduada Pública de Párvulos “Da Guarda” centro que vai dirixir entre 1915 e 1936, puxo en marcha unha novidosa pedagoxía educativa que a converte en referencia e é a introdutora en Galiza dos principios de Maria Montessori. En 1933 obtivo por concurso de méritos o cargo de Inspectora Mestra dende o que creou un Plan de Lectura Global (1934) para as escolas da súa zona de inspección. En 1935 obtivo unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos grazas á cal emprendeu unha viaxe por Europa xunto con outros dez docentes españois. Visitou institucións educativas de Francia, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Italia nos que tomou contacto cos métodos pedagóxicos que se impartían en Europa.
Colabora asiduamente en xornais e revistas de contido pedagóxico e social. Cunha especial preocupación polos temas relativos á muller, dá conferencias e publica textos sobre o tema, entre os que cómpre destacar “La Mujer, antes, ahora y después”, unha conferencia impresa en 1934 e pronunciada na Agrupación Republicana Femenina da Coruña que presidía naquela altura Amparo López Jean.
Despois do golpe de estado é acusada de diversos cargos, entre eles:
Ser decidida partidaria de la coeducación que defendió particular y públicamente en conferencias.
Haber actuado intensamente fuera de la escuela pronunciando conferencias en centros izquierdistas como Agrupación Femenina Republicana afecta a Izquierda Republicana manteniendo sus doctrinas izquierdistas que sostuvo en conferencias radiadas.
Descuidar la educación moral de las niñas a las que no daba fundamento sólido para resistir los impulsos primarios de la naturaleza. Por esto dichas niñas sostenían frecuentemente conversaciones obscenas.
A Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu en novembro de 1937 a súa separación definitiva do servizo e de todos os seus cargos. Unha vez apartada da función docente vai centrar gran parte da súa actividade na tradución de obras francesas.
María Barbeito representa a renovación educativa, a defensa dos dereitos das mulleres e a liberdade e o progreso. Capaz de entender o ensino como un todo, introduciu a educación física nas aulas, ocupouse de aspectos sociais, alimentación, vestido do alumnado, porque sabía como todo iso influía no rendemento das nenas e nenos.
Podes descargar a conferencia pronunciada na Reunión de Artesanos da Coruña, o 4 de maio de 1913: Niños y educadores.
Artigo El trabajo manual, publicado en La Voz de Galicia, 15 novembro 1906.