A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

María Antonia Dans

María Antonia Dans

A historia artística de María Antonia Dans é a historia da nena da aldea que se vai alonxando dela cando vai crecendo, nun movemento de contrazoom invertido, ese movemento ao que hoxe en día estamos tan afeitas no audiovisual. A cámara alónxase ao mesmo tempo que o zoom se achega. Ese foi o movemento vital que fixo María Antonia seguindo unha especie camiño decidido e autoprotexido que ten dúas faces. A do feminino e a do telúrico.

O 14 de abril de 1922 nace en Oza dos Ríos a nosa pintora. Na Coruña é onde recibe as primeiras leccións da man dunha notable debuxante, Lolita Díaz Baliño e será tamén na Coruña onde realice as primeiras exposicións e onde intente dedicarse profesionalmente á pintura. Logo de casar trasládase a Madrid, onde viviu o resto da súa vida e asistiu ás clases do Círculo de Belas Artes e á Escola de San Fernando. Expón en numerosas cidades de todo o Estado, en París, consegue o premio da Fundación March, obtén bolsas para ampliación de estudos así como numerosos premios e distincións. Aínda que a abstracción era nos anos cincuenta o estilo que representaba a modernidade, María Antonia opta por un tipo de pintura figurativa e paisaxística onde o rural galego estaba moi presente.

Muller no campoAs faenas do campo e o mundo do mar son temas habituais nas súas obras. A María Antonia trasladárona de nena do campo, pero este quedou para sempre a refuxio na súa arte. Entrou así o noso rural nas distintas salas de exposición europeas. María Antonia foi no seu percorrido vital escalando do miúdo á grande urbe: Oza, Curtis, A Coruña e Madrid foron testemuñas da súa arte, só o miúdo foi gran protagonista. María Antonia nace na arte cando a renovación da nova plástica da Vangarda histórica galega está xa desenvolvéndose e vai ter cabida na súa concepción pictórica. A pegada de Maside faise patente na estruturación colorimetría do lenzo, cunha composición de raigame cezaniana cando aborda o bodegón que tamén acompañara a Colmeiro. Porén, e malia que Dans fai un lugar temático común ao grupo dos Novos, independízase (a súa independencia estilística faise patente estilisticamente ao entrar en contacto coa intelectualidade madrileña. Curiosamente de xeito consciente ou non ao alonxarse do país é cando máis cerca está daqueles postulados dunha socioloxía da arte para Galicia que defendía Castelao. En Madrid a estética da Expresión impactou con contundencia na pintura daquela nena de aldea.

S/TO encontro coa escola de Vallecas lévaa ao ambiente sosegado, solitario e case melancólico das paisaxes e as personaxes de Benjamín Palencia ou o xenial Alberto Sánchez. A xeometría de raigame cezaniana filtrada polas xeracións intermedias testemúñase nas arquitecturas do campo e o mar galegos onde fai vibrar a cor. Atreveriámonos a dicir que María Antonia consegue unha nova, xenuína e inxenuísta forma de plasmar o telurismo humano e paisaxístico galego. Cunha saturación de cores que lembra a Bejamnín Palencia, pero cunha paleta ateigada de verdes e azuis. Dá polo tanto nun estilo moi persoal e que consegue ese estado emocional ante o lenzo. Se non parecese aventurado establecer pararelismos arriscados case diriamos que a súa cor recórdanos aos usos de Marc Chagal cunha certa liberdade común no uso da cor e a aposta pola pintura amable de ascendencia fauve, mais no caso da pintora galega con renuncia á volátil silueta que no Chagall de clara herdanza francesa aporta decorativismo. Con corpos decididamente contundentes, desde logo María Antonia Dans queda na expresión, nunha sorte de Neoexpresionismo para nada radical que sen caer no histriónico nin no naif consegue habitar os intersticios socio artísticos que sen dúbida precisaba na conxuntura histórica na que lle tocou traballar.

A súa arte telúrica, como ela mesma a definía, cultivaba todo o que o adxectivo da terra podía abarcar. E en cada un dos xéneros mantiña un diálogo distinto mais sendo fiel a súa propia voz. Se as súas paisaxes son húmidas e sosegadas, as súas hieráticas personaxes están impregnadas do mesmo alo misterioso. Conségueo grazas a esa paleta de verdes e azuis antes mencionada e a aplicación libre de veladuras que adoitan contornear as figuras e rostros abocetados e con miradas definidas que se dirixen con descaro inocente ao espectador.

A traxectoria de María Antonia é atípica dentro do habitual que é a falta de linealidade na vida profesional das mulleres artistas. A súa constancia formativa comeza coas clases de Lolita Díaz Baliño cando de nova chega á cidade da Coruña. Con ela aprende o oficio de debuxanta que lle vai servir para traballar profusamente toda a súa vida. Esta rapaza de Oza deixounos abonda testemuña autobiográfica como para poder entender o que os seus olliños de nena da aldea atoparon –e sentiron– cando chegaron á Coruña. A súa familia participou dese éxodo masivo do campo á cidade nos anos centrais do XX. Facendo escala dunha década en Curtis, chegan á Coruña recén rematada a guerra. Moitos nenos e nenas do rural que fixeron esa mesma “viaxe do desarraigo” durante os cincuenta e sobre todo os sesenta poden empatizar co que ela sentiu; a adaptación a unha cidade non tan urbanita, pero que amosaba certo desprezo polas recén chegadas do campo. O contexto histórico tampouco axuda. En 1939 matricúlana na escola das Terciarias de Rubine, un dos tantos lugares da cidade habilitado como hospital de atención aos feridos de guerra. Nese momento ten dezasete anos e súmase aos labores de enfermeira. Segundo van curando as feridas e as ledicias van timidamente, no que se pode, rexurdindo, Antonia, que é unha adolescente coas ganas de exprimilo todo intactas, súmase á vida desenfada que ofrece a cidade coas súas tardes estivais na Solana e os seus bailes no Casino.

Dans comparte xeración e clases con nomes como Carmen Arias, mais o certo é que a vida tanto profesional como persoal leváronas por camiños diferentes. En realidade no caso de María Antonia non se pode dicir que a vida “a levara”. A súa frase de “venirme a Madrid definitivamente o morir en el empeño” dá idea da determinación que tiña esta muller en enfocar a súa vida artística. Ela mesma reflexionaba timidamente sobre as cuestión de xénero. Era moi consciente da calibración que facía entre a vida de muller e de profesional e, en certo modo, quedar en Galicia antollábaselle complicado de combinar na vida que ela quería. Non era dedicarse ao oficio da ensinanza das artes, nin era dedicarse á decoración en momentos de lecer. Quería, e de feito así o fixo, subirse ás andamiaxes da vida artística, da “pomada” como se lle chama na xerga do mundo da arte. Marchou a Madrid, penúltima parada. E alí aprendeu, alí exerceu e alí criou. A súa relación con Galicia permanecía no maxín, e no impulso que nos anos 60 tivo o costumismo entendido como reclamo turístico. Realmente a pintura de Dans era para iso unha delicia.

Os seus verdes e a súa inocencia permitíronlle ter o éxito comedido –e moi medido– que unha muller en plena ditadura podía ter. Mantívose, firme, discreta, non submisa, pero tampouco militante, nin no nacional, nin no social, nin no feminista. E así foi facendo. Foi facendo oficio. O verdadeiro oficio de artista dos novos comportamentos da arte da segunda metade do XX. Xa non son grandes óleos cargados de ideas. Son gouaches, son ilustracións para revista e son murais. A auténtica arte democrática do noso panorama. A arte mural, non o dubidemos, é a forma de transmisión máis plural que existe desde os inicios da historia da arte, desde o momento no que unha persoa decidiu pintar nunha cova as cousas que lle eran cotiás.

Mural de DansE así, subida no andiamo cunha maternidade recén estreada convértese nun referente para a arte muralística durante a recuperación da modernidade de finais dos anos cincuenta que ela tan ben soubo navegar. O papel de muralista de Dans non está mal documentado, pero si está mal reinvindicado. O certo é que os nosos artistas están triunfando alén mar nesta disciplina, o Colmeiro das grandes galerías comerciais nos 40, o Seoane que está iluminando de cor as paredes porteñas. Aquí chega, como toda a recuperación da modernidade, con ese retraso por razóns evidentes e curiosamente cando chega volve atopar aposta nunha galega. Bancos, hoteis, cafeterías de prestixio. A arte muralista está ligada á apertura e ao movemento das novas formas da economía que nos empezan a afastar da autarquía.

O dinamismo do soporte provocou que moitos destes murais se perdesen, conservamos testemuña gráfica non sempre fácil de atopar nin accesible por pertenceren maioritariamente a arquivos privados. No primeiro encargo documentado, o hotel Wellington, de 1955, decorou o salón-bar “La llave de oro” (Ver imaxe na páxina 16 do documento Simón Loscertales Bona, una firma emblemática). Figuras recortadas, independizadas, esquematizadas, de xogos xeométricos seguindo a regra de non saturar a quen simplemente quere gozar o café, pero chamando a atención de quen entra na sala porque este mural inunda ese espazo que no deseño traslada ás modas da época na que foi vivido. A temática exótica, que nos mete no imaxinario da viaxe como actividade de prestixio da sociedade que nese momento está agromando. A viaxe tamén está presente no seu outro mural coñecido, feito tamén para establecemento hoteleiro, esta vez xa en terras galegas: O Parador de Baiona. Un edificio histórico e temática histórica, case sacralizada: a Arribada. Unha década máis tarde a concesión á modernidade é moito máis limitada. Non renuncia, iso si, á súa fiel liña expresionista e o uso plano e libre da cor. Decoro obriga, e a artista de Oza sabe dar o simbólico evidente ao promotor da obra. Viaxes para os encargos hoteleiros entre os que destacan os encargos de Paradores. Elementos identitarios para encargos locais como o casa consistorial de Ribadelago. E o iconográfico depurado e espiritual para o encargo relixioso que lle coñecemos.

Cadro de M. Antonia DansA igrexa de San Martiño de Meirás que nos anos sesenta vén substituír un templo anterior seguramente nun exercicio de palimpsesto como merece a advocación martiñá de forte tradición prexacobea na Gallaecia altomedieval. Un lugar coa forza das hierofanías, coa paisaxe das Rías Altas ao pé. O edificio, de Albalat, o nome da recuperación da contemporaneidade para arquitectura coruñesa. E, como a contemporaneidade esixe, luz, baleiro e simplicidade como guías. María Antonia é a encargada de tirar toda a nosa atención cara o lugar máis sagrado do edificio, no canto de retablo o seu mural: sinxelo no iconográfico, potente na escala e na cor con ese protagonismo espiritual do pan de ouro. Segue sendo un diálogo directo e explícito co espectador-fiel que recibe a mirada tenra do cabalo de San Martiño.

A interlocución é precisamente o gran dominio desta artista galega. O diálogo coa intelectualidade madrileña, coa arte internacional e sobre todo coa nacional no que as estruturas de poder se refire. Dans pinta paredes, deseña cartaces e libretos turísticos, navega as dificultades políticas do século XX chegando directamente ao público nas manifestacións da cultura accesible sen esquecerse do íntimo. Con bolsas, premios exposicións internacionais, chega a ser un dos grandes nomes da arte da súa época e o seu lugar. Mais nin a capacidade de adaptación coa que traballou, nin a linguaxe persoal que logrou crear abondaron para que a súa obra tivera unha boa vixencia no tempo. A rapaciña de Oza, de Curtis, da Coruña e de Madrid deixounos, ademais da súa abundante obra, boa testemuña autobiográfica. Porén malia ser hoxe en día continuamente listada –sobre todo nos estudos de xénero– acontece que non é tan coñecida como cabería agardar. Agora que nos achegamos ao centenario do seu nacemento tócanos a tarefa de conservación. Da conservación do seu relato e da conservación da obra patrimonial que permanece e que nos nosos días goza dunha saúde desigual.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Herminia Borrell
Pioneiras

Herminia Borrell

Herminia Elena Josefa Rodríguez-Borrell Feijóo nace en Camariñas en 1897 no seo dunha familia que fixera fortuna en Cuba. Muller mítica da aristocracia coruñesa, con

Ler máis »
Luz Pozo
Pioneiras

Luz Pozo

Luz Pozo Garza nace en  Ribadeo en 1922. Sendo aínda unha nena trasladouse a Viveiro onde viviu ata o comezo da guerra civil. Nese momento,

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies