Luz Pozo Garza nace en Ribadeo en 1922. Sendo aínda unha nena trasladouse a Viveiro onde viviu ata o comezo da guerra civil. Nese momento, seu pai, militante republicano, foi encarcerado, e a familia seguiuno primeiro a Lugo e despois a Marrocos até que en 1940 regresaron a Viveiro.
Obtén o título superior de piano, estudou Maxisterio e Filoloxía Románica. En 1964 aproba as oposicións de Ensino Medio e despois de exercer en distintos lugares, entre eles a Coruña, xubílase sendo Catedrática de Lingua e Literatura Española en Nigrán . Xubílase en 1982 e regresa á Coruña.
Como poeta dáse a coñecer co libro Ánfora (1949) e no ano seguinte gaña o premio Adonais con El vagabundo, entrando así no Parnaso da man de Gerardo Diego.
En 1952 inaugura a Colección Xistral co seu poemario O paxaro na boca, para a partir de 1976 pasar a ser só poeta en galego.
Di a crítica que a súa poesía representa a fusión entre a tradición do Rexurdimento e a descuberta serodia do tesouro das cantigas. É a súa unha poesía interartística á procura da beleza formal, con pegada profunda da música e a pintura.
Obtivo o Premio Miguel González Garcés en 1992 por Prometo a flor de Loto, poemario concibido como un diálogo co poeta finado Eduardo Moreiras ( o seu segundo esposo), e o Premio da Crítica
por Deter o día cunha flor.
Os seus poemas foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
Como ensaísta verteu luz sobre Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Seoane, Rosalía, etc.
O seu labor editorial comezou coa revista Nordés, revista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros, porque unha muller non podía figurar como directora. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés.
Dirixe tamén a revista Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista.
Foi e é colaboradora habitual de revistas nacionais e estranxeiras: La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Clave Orión, Ateneo Ferrolán, Galeuzca, Nordés ou Grial.
Forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Diálogos con Rosalía”, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.