Luísa Viqueira Landa naceu na Coruña en 1918 e finou en México en 2014.
Filla de Xoán Vicente Viqueira e Jacinta Landa, foi unha activista cun forte compromiso político con Galiza. Educada na Institución Libre de Enseñanza, desa pedagoxía beberán tanto a súa nai como o seu pai, directamente con Giner de los Ríos.
En xullo de 1936 está en Galiza con súa nai e outras amizades de vacacións cando as sorprende o golpe de estado fascista. Agóchanse na casa da súa avoa paterna en Vixoi mais finalmente un destrutor inglés vén buscalas a Vigo. Pasan a Francia e logo cruzan a fronteira pola zona republicana e van a Barcelona.
Alí Luísa empeza a traballar no Consello da Infancia Evacuada. En 1938 evacúanse os nenos da guerra cara a México e a Unión Soviética. Luísa, como voluntaria, embarcouse cun grupo de nenos rumbo á Unión Soviética.
No verán de 1939 a súa nai Jacinta tentaba reunir os tres fillos en México, onde Casimiro Mahou, segundo marido da súa nai, xa vivía alí como exiliado. Así, Luísa, logo de atrancos varios, primeiro cos soviéticos e logo cos ingleses, pode finalmente viaxar a Nova York, onde por ser comunistas non os deixan baixar e un autobús os leva á fronteira mexicana.
En México, inmediatamente iniciou a súa actividade política contra o fascismo e de axuda aos presos políticos galegos e españois. A principios dos anos cincuenta organiza no Centro Republicano Español as tardes galegas, onde se ensina a lingua, a historia e as tradicións galegas.
Impulsou con Luís Soto o Padroado da Cultura Galega de México. Abandonou con Soto o PCE para participar na fundación da UPG. Colaborou na creación da revista Vieiros da que foi secretaria de redacción, e presentou o programa de radio La hora de Galicia. Foi secretaria da Delegación do Consello de Galicia.