María Dolores Díaz Baliño (1905-1963), nace como a maioría das nosas artistas nun ambiente moi favorable á arte que lle permite ir dando pasos nela sen saírse dos canons sociais. No caso de Lola, máis que favorable, a súa familia era unha especie de Parnaso no que se desenvolvían distintas disciplinas culturais: música, pintura, escenografía, etc. A ilustración foi un dos campos onde máis se prodigaron os nomes do momento, un xeito rápido e eficaz de chegar ao público por unha banda, pero que como contrapartida leva asociada certa dose de anonimato que redunda na dificultade de compilación e estudo co paso do tempo. Camilo, o seu irmán, o seu profesor, galeguista e divulgador de condución plástica era un bo coñecedor do oficio no que Lolita se fai un oco. Con 19 anos, vémola aparecer nun certame fotográfico por primeira vez no Circo de Artesáns da Coruña. No ano 1926, vaise integrar na Expo de arte galega de Santiago de Compostela, pero é en publicacións gráficas onde máis vai traballar durante a súa xuventude. Deseño de libros, carteis de festas, ou revistas de ámbito local nos que amosa a súa face máis moderna coa art-decó sobria, elegante e simbólica que caracteriza os anos vinte.
Se ben, como dixemos é complicado atopar hoxe abundante mostra deste tipo de traballos polo seu carácter, digamos, perecedoiro, certo é que tampouco é doado dar coa súa obra pictórica. A súa pintura dá un primeiro perfil moi en relación co seu irmán dezaseis anos máis vello ca ela, quen está inmerso na xeración e ideoloxía do Rexionalismo. Este estilo vai ser un dos eixos fundamentais da obra temperá de Lolita. Hai que ter en conta tamén que o tipo de mostra galega que se viña desenvolvendo desde un par de décadas atrás así o fomentaba. O folclorismo romántico, porén, vaise desdibuxando paseniño, ou polo menos neste sentido se lamenta a crítica coetánea. Cómpre lembrar que nos grandes focos da arte occidental da época hai unha presión renovadora como nunca se dera até o de agora coa vangarda. Dolores, como é habitual no ambiente artístico coruñés quédase coa faciana máis amable e menos rupturista. No seu Tríptico galego nunha data tan tardía como 1952 segue expresándose no tradicional cun claro hieratismo de tendencia monumentalista moi habitual na estirpe Díaz. Pero o signo de identidade da súa pintura é esa acuarela do detalle e colorista dun mundo irreal que nos lembra aos prerrafaelitas decimonónicos. Como as súas Fadas do caracol ou a súa Dama Antiga de 1945.
Cuns e outros traballos a nosa artista forxa un dos nomes máis consistentes na Coruña do terzo central do XX. De feito, foi protagonista dos fitos que aconteceron arredor das mulleres artistas nos anos trinta. No ano 1929 é seleccionada cun pensionado da Deputación da Coruña para cursar estudos superiores de Belas Artes en San Fernando. Proxecto ao que nese momento renuncia, e que retoma anos máis tarde pola súa conta xunto á súa discípula Carmen Arias. En 1934, participa na exposición de pintoras da Asociación de Artistas. E en 1938 é a primeira muller xunto con María Corredoira que entra a formar parte da Real Academia de Belas Artes. Tamén foi das primeiras mulleres profesoras da escola de Artes e Oficios, onde o seu irmán Indalecio era director. A docencia tanto pública como privada sería precisamente o seu labor máis recordado. Dolores Díaz Baliño naceu e criouse na Coruña e a cidade lévaa na súa memoria nesa academia de Porta de Aires da tía Lola.