AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Lolita Alarcón

Lolita Alarcón

Lolita Alarcón, nome co que se coñecía e anunciaba nas súas actuacións a Dolores Izquierdo Alarcón, foi unha violinista nacida en Madrid en xaneiro de 1904 e que no ano 1929 se trasladou á Coruña xunto co seu marido e o seu fillo primoxénito. Durante a súa estancia na cidade residiron en Santa Lucía, logo na rúa de Santo André (daquela García Hernández) e finalmente na rúa do Orzán e traballou como profesora de música e como violinista en diferentes actos e orquestras.

Os seus pais foron Dolores Alarcón Lecumberri (Lola Alarcón) e Pío Izquierdo.

Lolita Alarcón, 1914A súa nai estudara piano na Escuela Nacional de Música y Declamación de Madrid onde obtivera premios en varios concursos. Enviuvou meses antes do nacemento de Lolita e, despois de vivir traballando en Madrid como profesora de música, trasladouse a Ourense onde tiña familia (pais e un irmán). Aí traballaría como profesora na Academia da Inmaculada Concepción e profesora interina de música na escola Normal de mestras. Ademais preparaba de xeito particular alumnado para os exames de ingreso no Conservatorio de Madrid.

Lolita, que comezou moi nova a tocar o violín, tiña unha irmá máis vella, Ángeles Izquierdo Alarcón, pianista precoz que cando contaba só con catro anos os xornais recollían a súa mestría co instrumento e co solfexo até anunciar que se matricularía no Conservatorio madrileño. Con ela foi con quen Lolita compartiu actuacións, primeiro en Ourense desde moi nova, das que atopamos noticias na prensa da época. En decembro de 1914 aparecen ambas, con outras participantes, nunha fotografía publicada na revista Vida Gallega tras dunha actuación benéfica a prol da Liga Antituberculosa de Ourense e en marzo de 1918 un solto publicado n’O Tío Marcos da Portela faise eco dunha actuación a dúo no Salón Apolo de Ourense: … sorprendeunos moi agradablemente os progresos que fixeron n-o dominio d’o piano y-o violín … e animándoas para que poidan abranguer os laures de que son dinas[i].

Lolita e Angelines Alarcón, 1918Nos veráns entre os anos 1917 e 1923 as dúas irmás daban concertos diarios no balneario La Virgen, de Cuntis, durante a temporada estival que pasaban alí coa súa nai. As súas interpretacións eran louvadas pola xente que alí tomaba as augas e das opinións eloxiosas quedaron dúas mostras tamén na revista Vida Gallega na que o seu director Jaime Solá no número do 5 de novembro de 1917[ii] despois de admirar a mestría de Angeles di de Lolita que es una violinista por intuición engadindo que Lolita toca con toda el alma. Lolita tiene un caudal inagotable de sentimiento. Lolita es una gran artista. El violín acierta a gemir -en el buen sentido de la palabra- cuando ella le pide que llore. Y es una alegría si ella le dice que ría. Y es como una cascada de diamantes cuando Lolita desgrana unas notas llenas de limpieza y de sonoridad, vibrantes y cristalinas. Remata as súas gabanzas cunha frase nostálxica pola fin da temporada de augas: Mañana se marchará Lolita y en el salón de “La Virgen” dejará de trinar el ruiseñor.

O escritor e activista cultural Álvaro das Casas tamén quedou impresionado polas interpretacións das dúas irmás. En xuño de 1918 publicou en Vida Gallega  un poema adicado a Chopin que llelo dedicou ás dúas irmás polo marabillosamente que interpretaban a ese compositor[iii] nesas actuacións.

Lolita Alarcón continuou colaborando en Ourense coa Sociedade Artística La Troya e recollendo aplausos e adxectivos eloxiosos. A prensa destaca a intervención no entroido do ano 1927. O 3 de marzo de 1927 El Pueblo Gallego falando sobre a actuación da tuna La Troya de Ourense no entroido dese ano en Ribadavia di que chamou poderosamente a atención a interpretación de Lolita Alarcón una maga del violín, e no xornal La Zarpa falando desa mesma actuación refírese a ela como xentil señorita e notable violinista,  sendo tamén aplaudida en La Región do 8 de marzo. A cualificación de notábel sobre o traballo interpretativo de Lolita Alarcón manterase até mesmo o ano 1943  en que o xornal coruñés El Ideal Gallego do 12 de decembro, anunciando unha actuación benéfica acompañada do mestre Brage ao piano, tamén fala da notábel violinista.

Lolita Alarcón, Vida Gallega 1914A finais de 1927 forma parella artística co pianista Manuel Cerdeiriña Casas, a quen probabelmente coñecese en Cuntis, no denominado Dueto París[iv], con actuacións nos principais cafés de Pontevedra e Lugo e animando proxeccións de cinema. A actuación dos dous recebe aplausos e sobre Lolita,  El Progreso  de Lugo en novembro e decembro de 1927 fala da “bellísima”,  bella, eminente violinista gallega, verdadera virtuosa e excelente violinista.  E nunha entrevista publicada tamén en  El Progreso o 7 de marzo de 1928 Lolita mostrará o orgullo de ser galega ao preguntarlle o entrevistador, Eduardo Arasti, se é francesa responde que é española e gallega además: de Orense.

Lolita Alarcón e Manolo Cerdeiriña casaron en Ourense en setembro de 1928 e xa en novembro os xornais composteláns anunciaban a actuación do Cuarteto Cerdeiriña coa eminente violinista Lolita Alarcón e volvendo a acumular admiracións, así temos en febreiro de 1930, nun artigo de Espayargas do día 17 en El Compostelano que a estima como Xenial violinista, indicando que xa fora moi aplaudida noutras temporadas musicais en Santiago.

A familia trasladouse a vivir á cidade da Coruña no ano 1929. Nesta cidade nacerían tres dos seus catro fillos. Nada máis chegar Lolita integrouse na actividade asociativa e cultural e xa en abril figuraba como posíbel profesora auxiliar dun conservatorio de música na Coruña planificado pola sociedade El Eco no que tamén estaría Manolo Cerdeiriña.

Na década dos trinta continuaron traballando xuntos no Cuarteto Cerdeiriña, no que Lolita era a quinta persoa do grupo, e máis adiante na Orquesta Cerdeiriña, limitadas as súas actuacións polas necesidades familiares, embarazos e crianzas (Luís, 1929; Concepción, 1931; Manuel, 1933 e Antonio en 1936).

Os programas das actuacións desas populares formacións musicais, en teatros, cines, cafés e sociedades, nesa altura eran mistura de pezas de música clásica e de baile. Destacan as actuacións nas festas do Corpus de Ourense os anos 30 e 32 ou no Entroido de Monforte de Lemos no ano 35, nos cafés Español e Quiqui Bar de Santiago de Compostela ou cafés de Vigo, Pontevedra e A Coruña con actuacións en A Terraza ou no Méndez Núñez.

O golpe de xullo de 1936 representou unha ruptura total coa vida anterior. Familiarmente e cunha nova filla nacida en agosto de 1936, cambian de residencia da rúa de Santo André para a rúa do Orzán.

A guerra e os costumes ultra-relixiosos imperantes supoñen para a música popular unha diminución no número de actuacións e de lugares onde actuar. Desapareceron as agrupacións musicais que levaban o nome de Manuel Cerdeiriña e as súas actuacións pasaron a ser máis reducidas, só como dúo Lolita Alarcón e Manuel Cerdeiriña, intervindo como complemento de programas cinematográficos en cines como o de Monte Alto, amenizando bailes no Circo de Artesáns ou no Liceo de Monelos e dedicándose a impartir clases particulares.

Casa do Orzán onde faleceu Lolita Alarcón
Casa do Orzán onde faleceu

Na década dos corenta Lolita actuaría coa Orquesta Iberia en lugares como Vilagarcía de Arousa, máis tamén nesta década, en 1945, Lolita queda viúva ao falecer o seu home inesperadamente no mes de agosto en Badaxoz.

Lolita segue traballando, dando clases particulares e participando en festivais benéficos, en ocasións acompañada ao piano polo mestre Luís Brage, quen despois da represión política e da prisión de que fora obxecto en Ourense se instalara na Coruña en 1940 como profesor de música.

As noticias sobre a violinista vanse esvaendo. Sabemos que Lolita Alarcón falece na casa da rúa do Orzán da Coruña o 13 de maio de 1954 levada por unha enfermidade do fígado cando remataba de entrar na cincuentena. A profesión que figura na acta de defunción é a de profesora de música.

Dolores Izquierdo Alarcón foi música de profesión e coruñesa de adopción. Integrouse na vida musical e asociativa da cidade axudando en proxectos educativos e colaborando en asociacións promotoras da música e do progreso dos seus profesionais como a Asociación General de Profesores de Orquesta e Música da Coruña na década dos trinta. Como nai e como profesora transmitiulle ao seu fillo primoxénito Luis Cerdeiriña Izquierdo unhas nocións de violín que o axudaron a formarse para continuar a relación familia coa música como cantante e animador co nome artístico de J’Hay co que foi coñecido.

[i]  O Tío Marcos da Portela, 21 de marzo de 1918.

[ii] “En la morada de las ninfas de las termas de Cuntis”, Vida Gallega, nº 95, 5/11/1917

[iii] Vida Gallega, nº 109, 25/06/1918, p. 29.

[iv] “Prosas locales : Los portadores de belleza : (El duetto Paris)”, El Progreso, Lugo, 7/03/1928, p. 1

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Balteira
Pioneiras

María Balteira

María  Peres, A Balteira, nada en Armeá (Coirós), foi a soldadeira máis popular nos nosos Cancioneiros. As soldadeiras eran mulleres adscritas á Corte que tiñan

Ler máis »
Emilia Pardo Bazán
Pioneiras

Emilia Pardo Bazán

Contan que un día, paseando, Emilia Pardo Bazán bateu co seu bastón no chan e afirmou: “aquí, nacín eu”. Hoxe, ese punto exacto, onde estaba

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies