AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Karbo F.C.

Karbo F. C.

En 1969 nace o Karbo da Coruña, un referente para a historia do fútbol galego. Créase grazas ao apoio da dirección da Academia Karbo, Ramón Carrasco e Mari Carmen Borrego e do profesor de Educación Física, José Mañana, quen se ofrece de adestrador.

Son numerosos os partidos xogados desde a súa estrea contra o Almeiras en 1970. Nos inicios tratábase de partidos amigables ou que coincidían con festividades, caso do celebrado en Ribadeo en 1975 que pasará a constituírse como Trofeo Condesa de Ribadeo e no que participaron equipos de España e do estranxeiro. Mañana, con grande implicación persoal e apostando polas mulleres no deporte, feito que non era doado naquela altura, conseguiu a participación do equipo en torneos internacionais como o Torneo Sete Nacións de Olivet (Francia), o Torneo Internacional de Cascais en Lisboa e do Porto (Portugal).

O equipo tiña tanto nivel que chega a xogar contra equipos masculinos. De feito, o seu partido contra o Laracha foi un verdadeiro acontecemento por causa da súa vitoria. Toda unha reivindicación das posibilidades do fútbol feminino, xa que moitos pensaban que gañaría o equipo de homes.

Mais hai que agardar a 1981 para a celebración da I Copa Reina Sofía en Cataluña, con 14 equipos e onde o Karbo gaña o torneo, ao tempo que a súa capitá, Inmaculada Castañón, recibe o premio á mellor xogadora do torneo e Lis Franco á máxima goleadora. Tal era a calidade do cadro coruñés que en 1983, cando a selección española xoga na Guarda contra Portugal, son convocadas cinco xogadoras do Karbo: Lis Franco, Geli, Rori, Encarna e Inma, nomeada capitá do once español. Nesta mesma campaña a Liga galega recibe o recoñecemento da federación e na seguinte, o Karbo pasa ao Deportivo, onde a alma mater do equipo, José Mañana, só permanece a tempada 1983-84. Rita Pais, Maribel, Mary, Merce, Rosa, Esther, Manola, Tere, Teresa, Marina, Rita, Esperanza, Remedios, Eva, Loly, Mely, Maruja, Ángeles, Margarita, MariCarmen, Charo, Matilde, Pili, entre outras, son algúns dos nomes de xogadoras que tamén pasaron por este equipo.

En total o Karbo (Deportivo) conquistou unha Copa Reina Sofía (tempada 1981-1982) e tres campionatos de España consecutivos, do 1983 ao 1985, así como unha Copa galega —a que perdeu foi a mans do Mayador-Celta en 1984— e as cinco ligas galegas celebradas entre 1983 e 1988. Lamentablemente, o proxecto Karbo-Deportivo acaba esmorecendo.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Celia Brañas
Pioneiras

Celia Brañas

Celia Clara Daniela Bernardina (A Coruña, 1880-1948). Pioneira na incorporación da muller á cultura científica. Realizou estudos na Escola Normal para acadar o título de

Ler máis »
Torre de Hércules
Pioneiras

Inés de Ben

A historia sempre a escriben os gañadores. Sempre precisamos líderes, promotores… mais a masa que participa na batalla sempre é anónima. Se coñecemos o nome

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies